- A consellería nun clic
- Benvida do conselleiro
- Lei de transparencia
- Gabinete do conselleiro
- Gabinete de comunicación
- Secretaría Xeral Técnica
- Secretaría Xeral de Universidades
- Secretaría Xeral de Política Lingüística
- Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
- Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
- Departamentos territoriais
- Órganos colexiados
- Información e servizos
- Ensinanza
- Tema
Educación presenta no Consello Galego de Universidades as liñas básicas para a elaboración do futuro plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011/2015
A consellería someteu a informe as liñas básicas para crear un próximo plan acorde coa situación académica e financeira que se está a vivir na actualidade e que deberá comezar a aplicarse en xaneiro de 2011
Mér, 28/07/2010 - 16:48
O Consello Galego de Universidades (CGU) coñeceu hoxe as liñas básicas para a elaboración do novo Plan de financiamento 2011-2015 do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que deseñou e presentou a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Deste xeito a consellería cumpre co mandato do Parlamento de decembro de 2009. Así hoxe mostrouse o resultado do traballo desenvolvido desde o pasado mes de marzo pola Comisión de financiamento e investimentos do CGU no que están representadas as universidades, consellos sociais e os tres partidos políticos con representación parlamentaria.
A elaboración desta proposta ven motivada pola extinción do aínda vixente, así como a necesidade de ter un documento que estea adaptado ás necesidades actuais do ensino universitario e á integración no Espazo Europeo de Educación Superior. Ademais estas liñas mestras a seguir terán en conta a situación de crise actual que está a condicionar todas a decisións que se toman en todos os eidos da sociedade.
As liñas básicas para a elaboración do novo plan presentadas hoxe foron aprobadas por unanimidade, e dentro dun clima de diálogo e entendemento. Con elas preténdese potenciar a competitividade dos distintos membros do SUG, e así obter unha mellor eficacia a través dunha maior eficiencia tanto no eido educativo como na súa xestión.
Proceso de elaboración
Ao longo da mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, recordou as accións desenvolvidas desde o primeiro encontro para a elaboración do documento. Así, sinalou que “en todo momento mantívose a transparencia e o diálogo con todas as partes implicadas, co fin de acadar o maior consenso no que será o novo modelo de financiamento do SUG”. Ademais recordou que “o proceso de elaboración deste plan coincidiu no tempo co ‘Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento’, elaborado polo Ministerio de Educación, e que será a folla de ruta que teñen que seguir os integrantes do Sistema Universitario Español”.
O documento realizouse tras a creación dunha sesión constitutiva, do 10 de marzo, na que se fixou un cronograma para as xuntanzas da Comisión de Financiamento e Investimentos. Un traballo que foi asumido pola Consellería de Educación, que se encargou de presentar constantemente os avances efectuados aos implicados, ao tempo que estes daban a coñecer as súas suxestións. Todos os documentos foron analizados e os que se aprobaron foron incluídos nas bases do novo plan, que deberá estar en vigor en xaneiro do vindeiro ano.
Bases do documento
As liñas básicas dada a coñecer reflicten a necesidade de marcar as pautas para o financiamento nas universidades, entre os que destacan a estabilidade económica, a suficiencia, a eficiencia e a equidade institucional. Ademais conta cunha epígrafe dedicada á diagnose do SUG; e outra na que se delimitan que os obxectivos son converxer coa media estatal de financiamento público da universidade (medido a través da porcentaxe do PIB), e acadar a media de financiamento do Sistema Universitario Español.
O documento estrutura as achegas ás universidades a través dunha epígrafe dedicada ao financiamento destas. Así na sección estrutural o punto de partida será a cantidade necesaria para acadar o principio de suficiencia estática que proporcionará estabilidade ás institucións universitarias en Galicia.
No financiamento por resultados contémplanse os resultados medidos a través da docencia, investigación e transparencia tecnolóxica. Mentres que en financiamento por mellora da cidade determínanse as achegas de acordos ou convenios das consellerías e a Administración pública coas universidades.
Do mesmo xeito determínanse as áreas de acción que miden os progresos das universidades no cumprimentos das súa misión. Un labor de control que se mide polo grao de satisfacción das necesidades sociais, a docencia, a investigación, a proxección internacional, a responsabilidade social, a xestión e a consolidación dos campus periféricos.
Proceso antes de xaneiro
As bases do novo plan presentadas hoxe son parte dun proceso que se verá completado en setembro coa xuntanza da Comisión de Financiamento e Investimentos que determinará o panel de indicadores que serán aplicados para o reparto das achegas correspondentes ao financiamento por resultados. Ademais neste mes, a Consellería de Facenda concretará as cifras que serán integradas no Plan de financiamento nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o 2011. Posteriormente, cada unha das universidades debe presentar o seu plan de sustentabilidade económica.
Ao mesmo tempo que se desenvolven estes pasos, iniciarase a tramitación administrativa do acordo sobre o Plan de financiamento do SUG 2011-2015, e que debe ser asinado antes de rematar o ano polas consellerías de Facenda, Educación, Economía e Industria, e polos reitores.
Outros puntos do CGU
No mesmo encontro informouse dos temas tratados na Conferencia Xeral de Política Universitaria na que quedaron definidos os indicadores do sistema de información integrada que serán controlados por un unha comisión mixta que fará o seguimento do Plan de austeridade 2011-2015.
Ademais deuse conta de que na Conferencia Delegada de Política Universitaria se informou de que o vindeiro ano se desenvolverá un modelo de contabilidade de custos, que será unha liña eficaz e eficiente para o sistema universitario español, xa que grazas a isto no curso 2012-2013 todas as titulacións deben coñecer o custo real que ten a súa impartición.
No CGU aprobouse a supresión dos centros da Universidade da Coruña da Escola Universitaria de Estudos Empresariais e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a petición da propia UDC, e simultaneamente quedou aprobado que foran sustituidos pola facultade de Economía e Empresa e de Ciencias do traballo.
Ademais nesta reunión deuse conta dos resultados da reunión do pasado 12 de xullo da Comisión Mixta do SGU para a docencia clínica onde se presentou o anteproxecto de decreto pola que se crea a Comisión Mixta do SUG para a docencia clínica e se regula a súa composición e funcións. Tras o remate do prazo para presentar as correspondentes alegacións, o texto definitivo do anteproxecto será consensuado o vindeiro mes de setembro.
Novos membros
Durante a reunión designouse como novo representante das universidades do SUG no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (COGACODE) á vicerreitora de responsabilidade social e de calidade, Benita Silva Hermo.
Na reunión, celebrada en San Caetano estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o reitor da Coruña, José María Barja, e os novos reitores de Vigo e Santiago, Salustiano Mato de la Iglesia e Juan José Casares Long, respectivamente. Xunto a eles asistiron ó CGU os presidentes dos consellos sociais das universidades, os representantes designados polo Parlamento, e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López. Ademais con motivo da presentación do novo Plan de financiamento estivo presente o director xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda, Miguel Corgos.






Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds