- A consellería nun clic
- Benvida do conselleiro
- Lei de transparencia
- Gabinete do conselleiro
- Gabinete de comunicación
- Secretaría Xeral Técnica
- Secretaría Xeral de Universidades
- Secretaría Xeral de Política Lingüística
- Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
- Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
- Departamentos territoriais
- Órganos colexiados
- Información e servizos
- Ensinanza
- Tema
O conselleiro de Educación destaca diante de nais e pais de toda Galicia os beneficios para o alumnado da nova xornada lectiva dos mestres
Xesús Vázquez Abad reuniuse hoxe con preto de 200 membros da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos, CONFAPA-Galicia
O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que, coa actual situación económica, Galicia non se pode permitir ter a xornada lectiva máis baixa do Estado
O cambio permite dispor de aproximadamente 60.000 horas máis de docencia semanais para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo
Sáb, 15/10/2011 - 14:36
O Consellería de Educación e Ordenación Universitaria , Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe aos membros da Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos, CONFAPA-Galicia, a modificación da xornada lectiva do profesorado galego, grazas á que o sistema educativo galego dispón de 60.000 horas máis de docencia semanais. O acto celebrado na Coruña contou coa presenza do presidente de CONFAPA- Galicia, Virxilio Gantes.
Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta destacou que será o alumnado de educación especial, infantil e primaria o beneficiado pola medida adoptada. Cómpre lembrar que a reorganización horaria, pola que se pasa de 21 a 25 horas lectivas na procura da mellora na calidade educativa. Con esta medida mantense a mesma xornada laboral de 37,5 horas á semana, igual a que tiñan ata agora. Unha modificación que durante o encontro recordou que non afecta aos profesores de secundaria.
Así mesmo, Vázquez Abad fixo fincapé en que, dada a actual situación económica, Galicia non pode permitirse manter a xornada lectiva máis baixa do Estado; e lembrou que esta medida non fai máis que equiparar o horario lectivo dos mestres galegos cos dos da gran maioría das Comunidades Autónomas.
Unión por un ensino de calidade
Diante de nais e pais de ANPAs de toda Galicia, o conselleiro de Educación apostou pola participación de toda a sociedade, e de forma especial de todos os membros da comunidade educativa –docentes, familias, ANPAs...- na procura dun ensino galego da máxima calidade.
Desta forma Vázquez Abad rexeitou os intentos de politización da educación que se están a facer desde algúns partidos políticos e organizacións sindicais, levando aos centros un conflito inexistente e transmitindo unha impresión falsa sobre a situación real da educación. “Isto non fai máis que prexudicar ás nenas e nenos”, reiterou o conselleiro, ao tempo que insistiu en que os colexios deben ser só espazos para a aprendizaxe e o desenvolvemento das capacidades das alumnas e alumnos.
Atención reforzada
Neste sentido o conselleiro explicou que grazas á medida adoptada os especialistas en pedagoxía terapéutica e/ou audición e linguaxe poderán dedicar máis tempo –o que redundará nunha atención moito máis pormenorizada- ás rapazas e rapaces con necesidades educativas especiais, derivadas de discapacidades físicas, psíquicas e sensoriais ou trastornos graves de conduta.
Por outra banda, nenas e nenos con dificultades específicas de aprendizaxe, ben de lectura, de escritura ou de comprensión, poderán ser atendidos na mesma aula ou fóra dela por un profesor de reforzo, mentres o docente asignado a esa clase imparte a materia para o resto dos compañeiros.
A atención á diversidade é outro dos eidos que se ve reforzado pola reorganización do horario. Así, será máis sinxelo detectar e atender a alumnas e alumnos con altas capacidades intelectuais; ao alumnado que teña unha incorporación tardía ao sistema educativo - porque procede de outros países ou por calquera outro motivo- ; e ás nenas e nenos con necesidades específicas de apoio debido ás súas condicións persoais (saúde, pertenza a grupos sociais ou minorías étnicas; ou situacións socioculturais desfavorables, entre outros).
O gasto por alumno da Xunta
Neste encontro coas familias Vázquez Abad fixo un repaso polas distintas iniciativas posta en marcha polo departamento que dirixe. Así, a pesar da grave crise económica, a Consellería está a facer ambiciosas apostas pola educación entre as que destacou a potenciación das linguas estranxeiras, a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino, e o fomento da lectura a través do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe.
Deste xeito o conselleiro de Educación renovou a aposta que o Goberno da Xunta mantén coa educación, á que dedica 1 de cada 4 euros do seu orzamento total, grazas ao que Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis gasto por alumnos do Estado español. Do mesmo xeito recordou que grazas as políticas levadas a cabo no que vai de lexislatura o fracaso escolar en Galicia descendeu en tres puntos, nunha comunidade na que a media de alumnos por profesor é a terceira máis baixa de España, situándose en 9,7 estudantes por mestre.






Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds