Bibliotecas escolares

VI Concurso de Traballos por Proxectos

 

O Portal Educativo publica  a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 15 de abril de 2019, pola que se convoca o VI CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, para traballos realizados durante o curso 2018/2019.

As modalidades nas que se pode participar son as seguintes: 

1.    Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria).  
2.    Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
a.    Traballos de grupo/nivel
b.    Traballos de ciclo/departamento
c.   Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria. 
Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades.
A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero se contemplará un apartado especial de traballos do ámbito científico.
3.    Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común, de temática xeral ou científica.

O prazo de presentación das memorias correspondentes segundo o guión contemplado na convocatoria remata o 10 de xullo de 2019.

Na imaxe, alumnado do CPI Cruz do Sar (Bergondo-A Coruña)

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2019/2020 - Centros públicos

O DOG publica hoxe a Orde de 2 de abril de 2019 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2019/2020.

Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2011, 2012 e 2013 poderán recibir, ademais da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades do presente curso 2018/2019.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de maio.

 

 

 

Materiais para o Espazo Creativo da Biblioteca

 

Dentro do contexto actual de alfabetizacións múltiples e de modelo evolucionado de biblioteca, no ano 2016 deséñase o proxecto piloto "Escornabots na biblioteca escolar". No ano 2018, o proxecto muda de nome para responder á nova realidade das bibliotecas implicadas, pasando a chamarse "Biblioteca Creativa". Falamos de espazos cooperativos que contemplan todo tipo de linguaxes e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación.

Achégase un documento de apoio cunha selección de materiais e recursos para conformar este espazo. Cada biblioteca debe escoller os máis axeitados ao espazo dispoñible, á idade do alumnado e ás prácticas que interesa incentivar. Os materiais deben ir acompañados da bibliografía que apoie e optimice o seu uso.

O vídeo  presenta unha selección de imaxes de materias e espazos de bibliotecas escolares de Galicia.

 

I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data 2 de abril de 2019, o I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, destinado a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG), no contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe).

 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2019

 

 

Coma en anos anteriores, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril,  data  de nacemento  de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2019 correspondeulle a Lituania.A autoría do texto e a ilustración son de Kestius Kasparavicius, quen titula a súa mensaxe: Os libros fannos acougar.

Galix, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego.

Día das Artes Galegas: Luís Seoane

 

O día 1 de abril, celébrase o Día das Artes Galegas que, neste 2019, homenaxea a Luís Seoane. Queremos aproveitar a ocasión para difundir os libros  que a Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes de A Coruña nos fixo chegar para agasallar ás bibliotecas escolares.

Todas aquelas bibliotecas que,  promovendo  actividades creativas e artísticas, celebren esta data e que teñan traballos sobre Seoane, poden envialos antes do 15 de abril ao correo da Asesoría e recibirán un lote destes libros.

Agradecemos á Asociación de Amigos e ao Museo de Belas Artes a súa achega para dotar de fondos de Arte en galego as bibliotecas escolares de Galicia.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia celebra esta data cunha xornada de portas abertas á que nos convida.

A Rede do Patrimono Cultural achega dous documentos de traballo, para todas as idades, conscientes de que o mellor camiño para a conservación do Patrimonio é o coñecemento.

Actividades nas bibliotecas escolares:

21 de marzo: Poéticas Diversas na Biblioteca Escolar

Este ano celebramos o Día Mundial da Poesía nos Encontros PLAMBE con dúas intervencións poéticas. Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares de Galicia deixaban claro que a poesía é alimento para todos e todas:

 

 

Jornada técnica. BIBLIOTECA ESCOLAR: CUESTIÓN DE ENFOQUE. Compostela, 23 de marzo

O sábado 23 de marzo Santiago de Compostela será a sede da xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reúne a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal.
Participarán representantes de Andalucia, Aragón, Asturias, Canarias, Castilla y León, Cataluña, Comunidad de Madrid, Comunidad Valenciana, Extremadura, Islas Baleares, Navarra, País Vasco e Región de Murcia. O Ministerio de Educación y Deporte estará representado por persoal adscrito ao CNIIE. Asistirán a esta xornada técnica, así mesmo, responsables da Subdirección de Bibliotecas, da Consellería de Cultura, así como asesores e asesoras da Rede de Formación do Profesorado e os integrantes da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería. Previamente, todos os participantes están convidados a participar, en calidade de observadores, á segunda xornada dos Encontros PLAMBE, que se celebrarán os días 21 e 22 de marzo, no Palacio de Congresos, e onde poderán coñecer de preto un bo feixe de experiencias que se están a vivir nas bibliotecas escolares galegas.
A actualidade sobre a lectura, as competencias informacionais e mediáticas, a transformación dos espazos e a función das bibliotecas escolares nos centros centrarán os debates dunha xornada que se deseñou como espazo de encontro, reflexión, debate e xeración de coñecemento compartido, co fin de formular propostas de avances neste ámbito da educación. A biblioteca escolar é, en efecto, unha cuestión de enfoque; é o resultado de coñecer as prioridades das comunidades educativas e de poñer en xogo recursos materiais e humanos ao servizo dunha educación máis acorde coas necesidades do alumnado nunha sociedade complexa e cambiante. Unha sociedad que se move a un ritmo de vertixe, por veces, polo que cómpre crear foros como este para pensar e construír xuntos novas paisaxes de actuación e mellora. 

Encontros PLAMBE 2018/2019

 

 

Os vindeiros 21 e 22 de marzo celebraranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondente ao curso 2018/2019, con intevención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas biblioteca, a literatura, a comunicación, o patrimonio, a mediación lectora, as competencias informacionais e mediáticas, a tecnoloxía educativa e a produción audiovisual. Ademais, presentaranse un total de 26 experiencias de centro de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, "hora de ler", voluntariado, biblioteca inclusiva, espazo creativo, proxecto lector, Radio na biblio, clubs de lectura, traballo por proxectos e outros). Neste ano de "poéticas diversas", a poesía estará presente da man de Mar Benegas, Montse Pena e Carlos Negro. 

PROGRAMA

 

 

 

 

 

#8M Todo o Ano

As bibliotecas escolares de Galicia traballan durante todo o curso en prol dunha igualdade efectiva na nosa  sociedade, formando cidadás e cidadáns criticos. Arredor  do Día Internacional da Muller tecen actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a busca e tratamento da información ...

24 de febreiro, Día de Rosalía

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura e Turismo,  como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA , entre elas as nosas bibliotecas escolares promovendo actividades que acheguen ao alumnado ao significado da súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros,  actividades plásticas e creativas, proxectos multimedia ... son algunhas das actividades que nestes días salietan a modernidade do seu pensamento.

 A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2019, baixo o lema  #LibreOMeuPensamento_rdc_19 ,a celebrar este día co agasallo dun libro  galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de Ana Romaní e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos.

Recomendacións para traballar esta data en Rede Lectura.

 

Actividades das bibliotecas escolares:

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

 

 

O 11 de febreiro foi declarado pola ONU como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia "coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas."

Unha data que se traballa en moitas das nosas bibliotecas escolares cara a paliar a brecha de xénero nos sectores STEAM. Visitas de científicas, seleccións de lecturas, traballos de investigación, materiais manipulativos ... son algunhas das actividades que ocupan os espazos creativos, manipulativos e colaborativos das mesmas.

Máis información:

ONU Mulleres

11 de febreiro.org

Maletas viaxeiras Ciencias Primaria e Ciencias Secundaria

Pinterest Ciencia en galego nas Bibliotecas Escolares

Biblioteca Creativa

 

 

13 de Febreiro: Día Mundial da Radio 2019

                                             

No ano 2013 a ONU aprobou a proclamación da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación de Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a coperación internacional entre os organismos de radiodifusión."

Este ano celébrase co lema: "Diálogo, tolerancia e paz" e o poder da radio para promover o entendemento e as cominidades poderosas. Convocan un concurso  para participar cunha producción sonora de dous minutos arredor do tema deste ano.

Animamos a que participen os 50 centros que forman parte do programa de Radio na biblio e  todos aqueles que contan cunha emisora de radio. É un bo momento para difundir as experiencias que promoven o traballo colaborativo en ambientes de tolerancia, respecto e integración.

 

 

Na imaxe, os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) entrevistando ao alcalde.

Bibliotecas Escolares Solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado (primaria e secundaria)

 

 

Publicáronse no Portal Educativo as relacións dos centros que se adhiren a dúas das iniciativas incluídas no programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS, segundo a convocatoria deste programa do pasado 30 de novembro de 2018. Segue aumentando o número de centros inscritos en cada un dos grupos:

Estas iniciativas son froito da colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (D.X. de Centros e Recursos Humanos) e a Consellería de Política Social (D.X. de Xuventude, Participación e Voluntariado). 

 

PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Convocatoria do programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS para o curso 2018/2019

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución de 30 de novembro da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca, para o curso 2018/2019, o programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS, en colaboración coa D.X. de Xuventude, Participación e Voluntariado (Consellería de Política Social). 

No curso pasado participaron realizaron voluntariado na biblioteca escolar un total de 1.128 alumnos e alumnas de secundaria, así como 2.032 alumnos e alumnas de primaria (5º e 6º). Recibiron o Selo "Biblioteca Escolar Solidaria" dous novos centros e renovaron este selo tres centros que xa o recibiran na convocatoria de 2015. O seguinte cadro resume o contido do programa e as datas clave para cada unha das modalidades.

 

 

 1 Concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria”  Recoñecer a bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar
  •  Convocatoria anual.
  • Presentación de memorias por parte dos centros interesados: 10 de maio de 2019.
  • Os centros con selo concedido en convocatorias de 2016 ou 2017 deben renovar a súa candidatura.
  • Concesión dos selos (un máximo de 15 selos por curso escolar)

       
 2  Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) Recoñecemento de horas de voluntariado na biblioteca escolar, para o alumnado colaborador, mediante a emisión de diplomas de acción voluntaria correspondentes. Destinado a alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial.

  •  As bibliotecas escolares deberán adherirse ao programa no momento que se estipule e levar rexistro das actividades do alumnado (data límite: 21/12/2018).
  • Remitir datos alumnado  (data límite: 31/05/2019)

       
 3  Voluntariado de lectura – A
(Primaria)
 Estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria.

  •  Inscrición con data límite 21/12/2018
  • Os centros inscritos presentarán memoria de actividades (data límite 26/04/2019).
  • Seleccionaranse  un mínimo de 8 experiencias. Concreción en convocatoria complementaria (febreiro 2019

 

IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia: 9/10 de novembro en Compostela

Os días 9 e 10 de novembro celebraranse en Compostela (Palacio de Congresos) as IX Xornadas de Bibliotecas escolares de Galicia, a gran cita anual do profesorado interesado en temas relacionados coa lectura, os alfabetismos múltiples, as bibliotecas escolares e a educación, en definitiva. Estas xornadas están abertas a todo o profesorado e contan cun programa extenso no que se contemplan conferencias, presentación de boas prácticas nos distintos ámbitos do amplo mundo das bibliotecas escolares, mesas de debate e, como en anteriores ocasións, unha sesión denominada "A fume de carozo", para a comunicación de dez actividades moi concretas levadas a cabo en bibliotecas de centros educativos galegos, seleccionadas entre as candidaturas presentadas a tal efecto. 

Haberá espazo para a ciencia, a poesía, as culturas urbanas, a lectura crítica da imaxe, as bibliotecas e as súas transformacións; as belas artes, a tradición oral e a música; a investigación sobre lectura, tecnoloxía aplicada a materiais textiles, alfabetización transmedia ou hábitos de lectura. Pero sobre todo, daranse a coñecer experiencias de calidade contrastada no desenvolvemento de bibliotecas escolares galegas como "centros creativos de aprendizaxe" e tamén experiencias concretas sobre formación lectora, voluntariado, "radio na biblio", biblioteca inclusiva e exemplos prácticos de desenvolvemento curricular a través de metodoloxías activas e de proxectos, vinculados á biblioteca escolar.  Será, tamén, ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso. 

Até o día 2 de novembro segue aberto o prazo para a inscrición nestas xornadas, a través da plataforma FPROFE, do Servizo de Formación do Profesorado, co código G1802025

24 de outubro, Día da Biblioteca, tamén da Biblioteca Escolar.

O 24 de outubro é unha data sinalada como Día da Biblioteca no Calendario do Libro e da Lectura que todos os anos vén publicando a Xunta de Galicia, e está salientado nas axendas de todos cantos traballan a prol das bibliotecas, o libro e a lectura, desde que hai máis de vinte anos a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil y Juvenil propuxera a celebración deste día. Na actualidade, o Ministerio de Cultura edita todos os anos un cartel conmemorativo e un pregón, e propón actividades para a súa celebración, entre outros, a través do Observatorio de la Lectura y el Libro.
Desde outubro de 2008, a Consellería de Educación edita un cartel específico para celebrar este Día da Biblioteca tamén nas Bibliotecas Escolares, cun lema para dar a coñecer e difundir as múltiples oportunidades que ofrece unha biblioteca escolar activa, e que este ano foi interpretado pola ilustradora Nuria Díaz. Este fermoso cartel de 2018 xa está presente en todos os centros galegos para a celebración do 24 de outubro. 
Comezan a chegar noticias sobre as múltiples actividades organizadas polas bibliotecas escolares galegas arredor desta xornada das que iremos dando conta en breve. Entre tanto, desde a D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de bibliotecas escolares, convócase un certame de materiais co gallo da celebración deste Día da Biblioteca.  Trátase do concurso de ideas para a formación de persoas usuarias da biblioteca escolar, "XOGANDO COA CDU", aproveitando o cartel CDU ILUSTRADA, realizado por Óscar Villán e remitido aos centros a comezos deste curso 2018/2019.
Animamos a todos os equipos de biblioteca dos centros educativos galegos a deseñar e enviar, antes do 23 de novembro, unha actividade manipulativa ou proposta didáctica (en soporte analóxico ou virtual) para a formación do alumnado no uso dos recursos da biblioteca.  Velaquí as BASES do concurso.
 
Así celebran algunhas das bibliotecas escolares este Día:

POÉTICAS DIVERSAS na biblioteca escolar

"A poesía, din, é a memoria do mundo". Juan Marqués

A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico (eses escutoides descoñecidos até agora), nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima... 

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos galegos. 

Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas... 

Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.  

Actividade formativa BIBLIOTECA CREATIVA - 19 de outubro

O vindeiro venres 19 de outubro reuniranse en Compostela (EGAP) profesores e profesoras dos centros integrados no programa BIBLIOTECA CREATIVA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nunha xornada formativa intensa en relación cos contidos deste programa: escornabots, impresión 3D, espazo creativo (espazo maker) na biblioteca escolar. Os representantes dos 55 centros incluídos no programa, segundo a resolución da última convocatoria, distribuiránse en tres grupos ao longo da mañá, en función dos anos que levan integrados no programa e, xa pola tarde en sesión conxunta, haberá oportunidade para coñecer experiencias que xa están levando a cabo algúns centros pioneiros neste campo, así como intercambiar inquedanzas, propostas e coñecementos. 

Biblioteca creativa. Resolución da convocatoria. Curso 2018/2019

O Portal Educativo publica a Resolución de 3 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os centros de nova incorporación ao programa BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2018/2019, unha ver resolta a convocatoria publicada con data de 3 de setembro de 2018. Tamén se detallan os centros que estaban integrados no anterior "Escornabots na biblioteca escolar" e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídos neste programa un total de 55 centros con alumnado de ensino infantil e primaria e pertencentes ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2018/2019. . 

 
Agradecemos a colaboración de María López Pousa, autora da nova imaxe do programa "Biblioteca Creativa". 

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Públicos) para o curso 2018/2019

O DOG do 20 de setembro publica a Orde de 10 de setembro de 2018 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, de titularidade desta consellería, para o curso 2018/19.  

O documento conta de catro anexos, segundo os diversos apartados contemplados na convocatoria inicial:

  • Anexo I: Centros integrados no PLAMBE en convocatorias de 2005 a 2007, e de convocatorias de 2011 a 2016, que reciben asignacións para ampliar e renovar os fondos da colección.
  • Anexo II: Centros integrados no PLAMBE nas convocatorias de 2008 a 2010, que reciben, igualmente,  asignacións para renovar os fondos.  Neste caso tamén reciben asignación para renovar e ampliar mobiliario e equipamento imprescindible para o funcionamento da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes.
  • Anexo III:Centros integrados no PLAMBE na convocatoria 2017, que reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
  • Anexo IV: Centros públicos que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas nesta última convocatoria de 2018 e que igualmente reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia-2018. Aberto o período de inscrición.

Comezado o novo curso cómpre ir pensando nas citas anuais do profesorado que mantén vivas as bibliotecas escolares (ou que está interesado en educación en xeral, en lectura, escritura e traballo coa información en particular). 

Xa hai datas para as que serán as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Celebraranse o 9 e 10 de novembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.  Xa está bastante avanzado o programa, que difundiremos en breve.

Entre tanto, hai que ir bulindo para non ficar sen praza. Aberto o prazo de inscrición na aplicación FPROFE, do Servizo de Formación do Profesorado. O código da actividade é o G1802025. Remata o prazo o 2 de novembro.

Lembramos o interese de que os equipos de biblioteca participen conxuntamente nestas xornadas, en parte por asistir directamente ao maior  número de actividades simultáneas posibles, en parte por compartir experiencia e ir construíndo unha linguaxe común, o que redunda nunha maior eficacia.

Convocatoria do programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2018/2019.

 

O Portal Educativo vén de publicar a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 5 de setembro, pola que se convoca o proxecto RADIO NA BIBLIO para o curso 2018/2019. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos integrados no PLAMBE no curso 2018/2019 que matriculan alumnado de educación infantil, primaria ou secundaria. Incorporaránse 30 novas bibliotecas escolares. Tamén poderán solicitar a súa continuidade no programa os 20 centros integrados a través da primeira convocatoria. 

  • O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018. 

 

 

Convocatoria de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario e outros. Curso 2018/2019

 
Publicouse xa no Portal Educativo a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para apoiar o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos que imparten ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e outros). 
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018.
 
 
Na imaxe, integrantes do club de lectura do CPI  O Progreso, de Catoira (Pontevedra).