ALFIN

Aprender a usar a información e cultura de Paz desde as bibliotecas escolares

Achégase o 30 de xaneiro e moitos centros educativos fan xirar boa parte das actividades de aprendizaxe de lectura, escritura e tratamento da información arredor do tema da Paz. Esta data, aniversario da morte de Gandhi, foi declarado pola UNESCO Día Escolar pola Paz.  Comezan a chegarnos materiais elaborados desde as bibliotecas escolares con esta finalidade, que iremos difundindo a través desta páxina:

Biblioteca escolar, centro de recursos de aprendizaxe.

Rematado o curso 2009/2010, chega o tempo de racapitular e recoller na memoria final do curso a realidade da biblioteca escolar e as súas achegas á innovación e á mellora da calidade do ensino. Entresacamos da memoria dun IES de Pontevedra, integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares, a seguinte valoración ao avaliar a consecución de obxectivos para este curso recen acabado:

"Obxectivo: facilitar o traballo interdisciplinar: Tamén neste aspecto nos sentimos satisfeitos non só pola acollida das nosas propostas neste sentido -Viaxamos, Xeografía do Courel, Repintamos a Seoane, Ilustramos...--, senón tamén porque moitos compañeir@s romperon o esquema de materia pechada e presenza absolutista do profesor ou profesora ao entender que os rapaces e rapazas aproveitan moito máis e desenvolven a súa capacidade de relación cando se rompe o illamento e a unidireccionalidade. Moitos departamentos colaboraron e traballaron conxuntamente para sacar adiante algunhas das actividades programadas, suxeriron ideas, facilitaron materiais, e un longo etc. (...) houbo moito traballo colaborarivo."

Bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe

Cada día, todos os días do curso, as bibliotecas escolares ofrecen recursos e oportunidades para a aprendizaxe: aprendizaxe guiada e, de forma paulatina, aprendizaxe autónoma. Velaquí dous exemplos de distintos niveis educativos: No CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña), as rapazas e rapaces dos distintos ciclos andiveron a investigar sobre as mulleres científicas e, logo de recoller información en distintas fontes, prepararon unhas "conferencias" para os seus compañeiros e compañeiras. Pódemos coñecer esta actividade no blog da biblioteca: HIPATIA (6º B) - MARIE CURIE (5º B)  - MARY ANNING (3º A) - SALLY RIDE (3º B) - ENHEDUANNA ( 2º)

A prol dos Dereitos Humanos

As bibliotecas escolares apoian os programas e actividades incluídas no Proxecto Educativo do Centro. Un exemplo máis de cómo as bibliotecas escolares galegas realizan esta función, día a día: desde Monforte de Lemos, a biblioteca do IES Río Cabe, referente xa na elaboración de excelentes carteis para este día, nos envía unha imaxe ben expresiva para traballar os contidos propios do Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, incluída no calendario civil e no calendario escolar, e tan esquecida no "calendario" da realidade social. A título de exemplo, tamén, a webquest realizada pola responsable da biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), para traballar a educación documental co alumnado de 3º ciclo de Primaria,  a través dos contidos relacionados cos dereitos humanos.

As bibliotecas escolares buscan e poñen a disposición de profesorado e alumnado recursos diversos para o tratamento dos temas do currículo.  E como exemplo, este traballo de recompilación de materiais en relación cos dereitos humanos que fixo a biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo, Pontevedra).

Novos materiais para formación de usuarios/educación documental

Desde a biblioteca do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco (Ourense), chéganos un novo material para avanzar na educación documental do alumnado: Partes dos documentos que nos axudan na procura de información.

Parabéns e agradecementos a Xoaquín, responsable da biblioteca, por este recurso que pon a disposición das bibliotecas escolares galegas.

Educación no acceso á información: Obras de referencia

 

Os profesionais das bibliotecas escolares galegas non descansan.... Velaquí un recurso máis para a educación en información do alumnado, feita con rigor e bo gusto, que tamén é educativo. Agradecemos a Xaquín,  responsable da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco (Ourense) a súa xenerosidade á hora de compartilo.

Letras Galegas 2009

Está o Día das Letras petando na porta e levan todo o ano as bibliotecas escolares traballando por mantelas vivas, as Letras. Por se esto fose pouco, tamén preparan recursos e materiais específicos para a conmemoración da efeméride, adicada este ano a Ramón Piñeiro.  

E Darwin segue a dar moito que investigar

Chéganos outro recurso, ben coidado e ben interesante, para avanzar na educación documental e na competencia informacional do alumnado de ensino primario, a través da figura de Darwin. Apoiando as palabras dos seus creadores, "nestes tempos de creacionistas, deseñadores intelixentes e ensino trilingüe, reivindicar un espirito científico como o de Darwin é completamente necesario", felicitamos aos responsables da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco de Valdeorras, por esta iniciativa, e a súa xenerosidade á hora de difundila e poñela a disposición de todo o profesorado.

Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO

A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.

8 de marzo a través de actividades ALFIN

Achégase un novo 8 de marzo necesario. Os centros educativos están xa a traballar na temática propia desta data: presencia da muller na sociedade, valores de igualdade, coeducación, xustiza social... Os equipos das bibliotecas escolares galegas, contextualizando, ofertan actividades de educación documental/ALFIN de gran interese. Obxectos de aprendizaxe que aúnan a formación de alumnas e alumnos en tanto que seres sociais, e a súa educación en habilidades de acceso, uso e produción de información.

ALFIN en tempos de Entroido

Xa está iniciado o ciclo do Entroido e xa as bibliotecas escolares, en colaboración cos equipos de normalización lingüística andan a programar actividades relacionadas coa tradición destas datas. É tempo tamén para investigar e aprender a usar a información. Con esa finalidade, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achégannos esta "caza do tesouro" para saber algo máis sobre o entroido. Esta actividade está pensada para 3º ciclo de Primaria e 1º ciclo de ESO. Incorporan ademais un exercicio de "autoavaliación"

E desde o CEIP de VIDE, en As Neves (Pontevedra), unha escola unitaria integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares, dan a coñecer esta guía de recursos sobre o entroido, especialmente destinado ao alumnado de educación infantil e ás súas familias. 

Ano Darwin

Neste ano 2009 vaise falar moito de Charles Darwin nas bibliotecas escolares galegas. Xa son moitas as que están desenvolvendo actividades arredor da súa obra. A modo de exemplo, o IES As Mariñas de Betanzos, xa ten varias entradas no seu blogue animando a coñecer a vida e a obra de Darwin, a través de libros e outros materiais presentes na biblioteca e na Rede. Tamén invitan a xogar nun "pasapalabra evolucionista" ben interesante.

O IES Vilalonga, de Sanxenxo, pola súa parte, elaborou unha guía de lecturas recomendadas  .

A Biblioteca Escolar Digital, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez en colaboración con outras institucións, proponnos unha viaxe a través da obra deste naturalista, con actividades para Primaria, ESO e Bacharelato, nunha das súas "maletas del conocimiento"

II Seminario ALFIN: Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía

Os días 22 e 23 de xaneiro celebrouse en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) o II Seminario: Biblioteca, aprendizaje y ciudadanía. Prácticas y experiencias de alfabetización informacional, tres anos despois do I Seminario ALFIN, celebrado en Toledo, e que dera lugar á Declaración de Toledo sobre Alfabetización Informacional. Nesta ocasión, ademáis do Ministerio de Cultura, organizaba o Col-legi oficial de Bibliotecaris-Documentalistes de Catalunya e o Departament de Cultura i Mitjans de Comunicació de la Generalitat de Catalunya. Alí estiveron tamén as bibliotecas escolares galegas.

Nas conclusións do seminario podemos ler un apartado dedicado á articulación de ALFIN (alfabetización informacional) no contexto escolar:

ALFIN para a Paz. Biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso

Desde a Biblioteca Escolar do CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra) achégannos unha proposta excelente para avanzar na educación documental  do alumnado. Esta webquest: xaneiro, mes da paz, está pensada, segundo o equipo da biblioteca, para 2º/3º ciclo de primaria, pero nalgúns centros tamén a van empregar para 1º ciclo de ESO. Agradecemos a xenerosidade do profesorado que comparte este recurso co resto das bibliotecas escolares, nunha dinámica de traballo absolutamente contextualizada no tempo e na realidade máis brutal.

Recursos electrónicos na Rede

En datas recentes déronse a coñecer na Rede dous novos recursos electrónicos de grande interese para as bibliotecas escolares:

Por outra parte, as bibliotecas escolares que estean integradas no Proxecto Meiga teñen ao seu alcance, grazas aos acordos entre as Consellerías de Educación e Cultura da Xunta de Galicia,  diversos recursos electrónicos de acceso restrinxido. Para acceder a eles, só é necesario ingresar a través da páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia, co número de lector da biblioteca escolar correspondente e nome ou apelidos do lector ou lectora como contraseña.

Neste mesmo portal do sistema bibliotecario galego existe un apartado de recursos electrónicos dispoñibles na Rede seleccionados, en función do seu interese informativo e pedagóxico, por un grupo formado por bibliotecari@s  da rede de bibliotecas públicas e da rede de bibliotecas escolares de Galicia. 

Formación de usuari@s en JCLIC

Desde o IES As Mariñas, de Betanzos (A Coruña), achégannos este material destinado á educación documental do alumnado, en JCLIC.

Agradecemos a difusión deste traballo que, sen dúbida, pode ser útil para o resto das bibliotecas escolares galegas.

Novos materiais para educación documental. Actualización da páxina de Glória Durban

A profesora catalana Glòria Durban comunícanos que vén de actualizar a súa páxina persoal, bibliotecaescolar.info, referencia imprescindible para o traballo na biblioteca escolar e moi especialmente no ámbito da educación documental/ALFIN. Reproducimos a súa explicación:

 

Materiais para a educación documental - Ensino Secundario

Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina:

Educación documental

A educación documental comeza dende ben pequenos. No seguinte documento, elaborado pola Asesoría de bibliotecas escolares, recóllense algunhas cuestións para iniciar ao alumnado no uso de fontes documentais diversas.

Leo quere saber: educación documental para o ensino primario

Olga Rodríguez, responsable da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, achéganos uns materiais para a educación documental:

"Este ano comezamos a deseñar un programa de actividades novo para educación documental no 2º ciclo de Primaria. Trátase da serie de cadernos Leo quere saber...

De momento contamos con 11 caderniños das series Animais e Preguntas Temáticas. Temos no forno unha serie sobre plantas e árbores, e sobre o papel: o universo e os planetas, o corpo humano, inventos e inventores e medios de comunicación. Sempre adaptados a ese ciclo. Veredes que hai un orde de dificultade: comezamos con consultas nunha única fonte, seguimos con dúas e ó final incluímos 3: dúas en papel e a wikipedia.

Inclúo un par de cadernos como mostra. O resto podedes velos (collelos, cambialos, usalos......) no blog: materiais. educacion documental. Leo quere saber".

  1. Leo quere saber...: Elefante
  2. Leo quere saber...: Preguntas feroces

Aprendendo sobre blogues

   
   Tíscar ofrece na Rede unha presentación, o Bricoblog, especialmente deseñada para lles aprender a mozos e mozas de ensino secundario os secretos dos blogues, e que constitúe unha máis das interesantes achegas desta profesora de xornalismo  da Universidade Carlos III de Madrid.

Formación de usuarios - IES Río Cabe

Mª Luz Paramio, da biblioteca escolar do IES Río Cabe, de Monforte de Lemos, pon a disposición de todos esta excelente ferramenta para iniciar a educación documental.

Alfabetización na era dixital

 

 

O blog TISCAR da profesora de xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid, Tíscar Lara, é un exemplo de xenerosidade na difusión de información. Nesta ocasión, unha achega interesante sobre alfabetización na era dixital, que ben merece unha visita.

Declaración de Toledo sobre alfabetización informacional (ALFIN)

Profesionais da información e da educación do Estado español reuníronse en Toledo, en febreiro de 2006, convidados polo Ministerio de Cultura e a Consejería de Cultura de Castilla-La Mancha, nun seminario de traballo - Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía: a alfabetización informacional -, co fin de analizar a aplicación do concepto e a situación dos programas de alfabetización informacional en España, así como para propoñer as liñas de actuac