Resolución provisional de centros seleccionados na convocatoria de Radio na Biblio para o curso 2023/24

 
 

 
 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional dos centros seleccionados para o programa Radio na Biblio 2023/24 nas modalidades de nova incorporación e de continuidade.
Abrirase un prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para realizar reclamacións e renuncias. 
 
 

Resolución provisional de centros seleccionados na convocatoria de Biblioteca Creativa para o curso 2023/24

 

 
 
 
 
 
O Portal educativo vén de publicar a  resolución provisional dos centros seleccionados para o programa Biblioteca Creativa 2023/24 nas modalidades de nova incorporación e de continuidade.
Abrirase un prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para realizar reclamacións e renuncias. 
 
 
 

24 de outubro, Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas.

 
 
 
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro,  unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
 
A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2023.  
 
"O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns".
 
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender, lugares para descubrir, para encontrarse e convivir. A rede de bibliotecas escolares de Galicia leva moitos anos tecendo espazos de encontro nos que compartir experiencias e recursos, nos que conectar coa comunidade próxima ou a máis afastada, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia  UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS , e  quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, o cómic como un lugar no que encontrarse.
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

23 a 29 de outubro: Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional (AMI) a proposta da UNESCO

 
 
 
Centrarse nos espazos dixitais na edición deste ano da Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional 2023 dará a oportunidade de explorar vías para fortalecer a cooperación multilateral coas plataformas dixitais e outras partes interesadas na integración da alfabetización mediática e informacional nas políticas, operacións e produtos. 
 
 
Unha axenda global colectiva da qu eforman parte as bibliotecas escolares que deben , máis que nunca,  reforzar o traballo cos medios de comunicación e identificación das noticias falsas e as competencias ALFIN e AMI.
 
 
 
No cartel atoparedes un reto ao que vos podedes sumar #AMInabiblio #bescolaresgal
 

  • UNESCO proponche 10 formas de celebrar a Semana Global AMI.

Día das Escritoras 2023

 
 
"... Sinto un formigo no estómago... Sorrio. Porque me apetece e porque me apetece dicilo." 
 
Yáñez, Antía. Non penses nun elefante rosa. (Xerais, 2022)
 
 
Día das Escritoras é unha iniciativa  organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a asociación Clásicas e Modernas, Asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritores (ACE)e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VIII Edición celébrase este ano 2023  o 16 de outubro. 
 
"Nesta edición o comisariado recae na escritora Marta Sanz e o tema escollido é O pracer, a alegría e a risa das mulleres, co que pretendemos facer do Día das escritoras unha xornada de dobre celebración. Celebración dunha escritura e dunha maneira de percibir a realidade silenciada durante moito tempo, e celebración desa expresión do gozo, a alegría e a risa que a miúdo tamén é un tabú para mulleres educadas na abnegación, o comedimiento e o sacrificio". 
 
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
 
Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

Convoactoria dos Clubs de Lectura para o curso 2023/24

 

 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 2 do outubro de 2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dentro das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se incentiva  o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que acollan ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, tanto en réxime ordinario como de Aprendizaxe Permanente, ou Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, durante o curso 2023/24.
 
 

O prazo límite de presentación de instancias será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria. 
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

 
 

Convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2023/24

 

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 28 de setembro de 2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación no programa Lectura e Familias, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), para promover a lectura e o uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade educativa, en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que acollan ensinanzas de educación infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato e formación profesional, tanto en réxime ordinario como de Aprendizaxe Permanente, ou Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2023/24.
 
Seleccionaranse un máximo de 25 centros de nova incorporación e os 94 centros integrados xa no programa, deberán solicitar a súa continuidade, se así o deciden. 
 
 

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no portal educativo. 
 

Convocatoria de Biblioteca Creativa para o curso 2023/24

 

 
 
O Portal Educativo vén de publicaraa Resolución do 28 de setembro de 2023 setembro da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación no proxecto de Biblioteca Creativa, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,que acollan ensinanzas de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para curso 2023/24.
 
 Seleccionaranse un máximo de 25 centros para a súa integración no programa e, igualmente, deberán solicitar a continuidade no proxecto os centros integrados en convocatorias anteriores.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no portal educativo. 
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

 

Convocatoria de Radio na biblio para o curso 2023/24

 

 
 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 28 de setembro de 2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se convoca a participación no proxecto Radio na Biblio, para a introdución da radio nas bibliotecas escolares dos centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que acollan ensinanzas de educación infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, tanto en réxime ordinario como de Aprendizaxe Permanente, ou Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2023/24.
 
SSeleccionaranse 30 bibliotecas escolares para a súa integración no Proxecto Radio na biblio e os 168 centros integrados xa no programa, deberán solicitar a súa continuidade, se así o deciden.

O prazo de presentación de solicitudes, será de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no portal educativo.
 

Unha biblioteca escolar en viñetas

 
 
 
"Agora a cousa cambiou bastante, pero eu recordo nos meus anos mozos, cando ía á escola, que os libros de texto para os nenos eran unha cousa espantosa, gris, cheos de letras e letras, e sempre pensei que os nenos aprenderían máis, non xa cos meus cómics, senón con calquera dos da miña época.
 
 
Eu véxoo cos meus netos: agora os libros dos críos teñen outra vez moitos debuxiños e tal, pero seguen sendo textos para ensinar. E eu creo que lendo simplemente as historietas, os nenos aprenderían moitísimo máis. Non tan só a ler ou a escribir, senón o que é a historia dun país, o que foi ocorrendo".
 
Francisco Ibañez, entrevista en Jot Down no ano 2017.
 
 
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2023/2024. O lema elixido, UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2023-2024 é obra de Jorge Campos ilutrador, arquitecto e artista do cómic. Un convite a pasear polas viñetas das nosas bibliotecas escolares e a xogar coas cubertas que van de man en man da comunidade educativa.
 
Un curso para poñer en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na colección das bibliotecas escolares de Galicia. Para seguir concienciando que ler cómic tamén é ler, que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. Que nos ofrece diferentes capas de lectura na que todos e todas atopamos un espazo ao tempo que favorece a alfabetización visual e artística e o desenvolvemeto da creatividade e a imaxinación.
 
Recursos:
 
 

  • PDF Cartel 

Instrucións para o desenvolvemento da organización e o funcionamento da biblioteca escolar. Curso 2023/2024

 
 
 
Portal Educativo publica as Instrucións da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa en relación co desenvolvemento da organización e o funcionamento da biblioteca escolar, destinadas aos centros públicos de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, curso 2023/2024.
 

Resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2023/24

 

 
 
 
Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, coa relación dos 25 centros que se integran no Plan de mellora de bibliotecas escolares neste curso, así como as asignacións económicas correspondentes.
Ábrese un prazo de cinco días naturais, a partir do día seguinte ao da publicación, para efectuar reclamacións ou renuncias. 
 
 
 
 
 

Materiais da XV Xornada de Clubs de Lectura

 
 
O pasado 5 de xuño, celebrouse no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que reuniu  a preto de 500 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
No enlace adxunto a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Lecturas que tecen tesouros

 
 
 
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.
 
Ana Romaní. Das últimas mareas (1994) 
Dacosta, Marta. (2022). Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero). Chan da Pólvora.
 
Chega o tempo de verán e as bibliotecas escolares de Galicia preparan as súas recomendacións lectoras e os seus préstamos para espazos de lecer.
 
Lecturas que tecerán, en todas e todos nós, tesouros que permanecerán, como o efémero, nas nosas xeografías lectoras.
 
 Na imaxe, composición de Manuel Rodríguez Calviño na Romaría fin do PDI "D`Xastres" do CRA de Culleredo (A Coruña)
 
Seleccións das bibliotecas escolares de Galicia:
 

Novos artigos na sección de Bibliotecas Escolares da revista EDUGA. Número 85 (xuño de 2023)

 

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de facer público un novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número de xuño publícanse un total de cinco artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar (textos que falan sobre aspectos esenciais e básicos), Boas prácticas (artigos de reflexión sobre accións e desenvolvemento de proxectos de especial relevancia e interese),e Hora de Ler (achegas que poñen en valor iniciativas a prol da lectura e da escritura nas bibliotecas escolares)

 

Lecturas recomendables e nutritivas para estas vindeiras semanas, nas que quizais podamos atopar algo máis de tempo para achegarnos a estes cinco textos que poden inspirar novas reflexións e iniciativas para o futuro das nosas bibliotecas.


 

Facer biblioteca en tempos de migracións

 

Algunhas ferramentas que poden ser interesantes para ampliar redes e atender as demandas de acadar competencias en tempos de migracións. 

 

O reto de adaptarnos aos rápidos cambios da sociedade, aos novos contextos e incipientes demandas en formación a través de iniciativas abertas de traballo interdisciplinario e traballo cooperativo nas bibliotecas escolares. Fluír a través de proxectos que conecten os diferentes perfís profesionais do profesorado e provocar accións que amplíen redes coa nosa contorna e comunidade.

         

A biblioteca, o corazón do colexio

Historia da ampliación da nosa biblioteca en función dos proxectos do centro.

 

Descubrirás como un centro educativo público transforma pouco a pouco a súa biblioteca. Contaremos a evolución metodolóxica do noso centro desde o curso anterior a entrar no PLAMBE (2015) ata ao momento no que a biblioteca fixo a súa última mellora de espazos e recursos grazas á aprobación por parte da Consellería do proxecto que presentamos para ser un centro LIA.3 no curso 2021/22.

         

Construbot. Comeza a partida!

 

Traballo por proxectos desde a biblioteca escolar seguindo a metodoloxía científica

A finalidade do proxecto foi indagar como a robótica pode ser un medio para favorecer a aprendizaxe, evocar o recordo, xestionar as emocións etc. mediante o xogo. Para iso, empregouse un sistema de traballo que combina o método científico coa aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ademais de ir superando os distintos obxectivos do currículo, viu unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballou distintos temas transversais e adquiriu as correspondentes competencias curriculares.

         

A biblioteca nun centro de Educación Permanente de Adultos (EPA)

 

O presente artigo nace da experiencia na biblioteca do Centro de Educación Permanente de Adultos (EPA) do Berbés, de Vigo, que no curso pasado foi incluída no Plan de mellora de bibliotecas escolares, iniciando así un plan de traballo condicionado polas características específicas da comunidade á que serve.

     

         
 

Familias e biblioteca escolar: unha alianza necesaria


Sobre como involucrar ás familias en actividades que redunden no desenvolvemento do hábito lector do alumnado

 

Neste artigo debúllanse media ducia de estratexias desenvolvidas na biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa para involucrar as familias en actividades que redunden no desenvolvemento do hábito lector do alumnado, partindo do suposto de que unha acción conxunta da escola e da casa vai permitir atinxir o noso obxectivo de facer nenas e nenos lectores.

         

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2023/2024 - Centros públicos

 

 
 
 
 
O Portal educativo publica hoxe a Resolución do 6 de xuño de 2023 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades , para o curso 2023/2024.
 
 
Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2013/14 a 2018/19 e 2022/23, poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2022/2023.
 
 
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 14 de xullo de 2023.
 

  • Texto da convocatoria e anexos

 
Na imaxe, a biblioteca da Maga Tomasa (CEIP Alfonso D.R. Castelao de Vigo)

15 anos de Xornadas de Clubs de Lectura

 

 

 

No curso 2007/2008 celebrouse  a primeira Xornada de Clubs de Lectura das bibliotecas escolares de Galicia. Nese  25 de xuño de 2008 reuníanse en Santiago de Compostela as 104 persoas coordinadoras do programa. 15 anos despois, o 5 de xuño, e no mesmo espazo, están convocadas as 439 persoas coordinadoras de clubs de lectura dos seus centros educativos, na maioría dos casos con varios grupos en funcionamento e mesmo coa participación dos distintos sectores da comunidade educativa.

Estas xornadas son un punto de encontro para compartir as experiencias que se están a levar a cabo ao longo do país, pero tamén unha oportunidade de escoitar a persoas de referencia no ámbito dos clubs de lectura, da mediación lectora, da literatura... e de recoñecer á escritora ou escritor galego maís lido no curso pasado.

 

Velaquí o resumo de 15 anos de vida dos clubs de lectura das nosas bibliotecas:

 

 

 

 

XV Xornada dos Clubs de Lectura

 

 
 
 
 
O vindeiro 5 de xuño, celebrarase no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste curso 2022/2023 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 439 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XV Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 500 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2023, que desta vez recaeu no escritor Manuel Núñez Singala, por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura no curso 2021/2022, tal e como se recolle na Resolución do 21 de abril de 2023, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto e Antía Yáñez.
 
O programa contempla así mesmo a participación do  experto en mediación e formación lectora Felipe Munita, os expertos en banda desñada Sira González e Toño Vileverde, unha sesión de literatura e natureza a cargo de Antonio Sandoval, unha mesa de biblioterapia con Carlos Martínez Uzal e Julio Abalde e sesións simultáneas de experiencias de clubs de lectura (teatro, interactividade, audiovisuais...). Pechará a xornada a poeta Olga Novo.
 

Bibliotecas Escolares Solidarias 2022/2023

 

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución de 25 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se resolven dúas das iniciativas integradas no programa "Bibliotecas Escolares Solidarias"do curso 2022/2023.
 
Concédense os Selos "Biblioteca Escolar Solidaria" aos 5 centros educativos que se detallan, unha vez valoradas as candidaturas presentadas.
 
Así mesmo, selecciónanse 10 experiencias de un total de 50 memorias presentadas polos centros adheridos á iniciativa "Voluntariado de Primaria", destinada ao alumnado de  5º e 6º de primaria, no curso 2022/2023.
 
Esta é unha iniciativa integrada no Plan LIA 2021/2025 de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. 
 
 

Resolución do V Concurso de Podcasts - Radio na biblio

 

 
 
 
O Portal educativo publica a resolución de 15 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, relativa á convocatoria do V Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano   ao intelectual, escritor, activista político e cultural, articulista, editor e ensaísta Francisco Fernández del Riego.
 
Os podcasts seleccionados serán difundidos pola Radio Galega a través da  páxina do Diario Cultural; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. 
 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 
 
Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2023, incorporan a Francisco Fernández del Riego ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como escritor, activista político e cultural, articulista, editor, tradutor e ensaista, convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura. 
 
Na imaxe a biblioteca do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2023: 
 

Celebrando o Libro e a Lectura nas Bibliotecas Escolares de Galicia

 
 
O mes de abril pon en valor o traballo que fan as persoas mediadoras , ao longo do ano, arredor do libro e alectura nas bibliotecas escolares de Galicia.
 
Imaxe da biblioteca do IES de Brión (Brión-A Coruña)
 
Velaquí algún exemplos:
 

Materiais dos Encontros PLAMBE 2022/2023

 

 
 
 
 
Os pasados 30 e 31 de marzo celebráronse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2022/2023, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura galega, a intelixencia artificial, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional. Ademais, presentaranse un total de 21 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, bibliotecas LIA.3  e outros... ). 
 
Adxúntase o enlace a redeBE cos vídeos e materias aportados por relatores e relatoras. 
 

  • PROGRAMA E DOSSIER

 
 
 
 
 
 
 

Premio dos Clubs de Lectura 2023 para Manuel Núñez Singala

 
 
Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional  e Universidades , fai pública a Resolución de 21 de abril de 2023 pola que se recoñece a Manuel Núñez Singala co Premio dos Clubs de Lectura 2023. 
 
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Desde o curso pasado, contribúe a este recoñecemento o alumnado dos clubs de lectura da educación primaria. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020), Eva Mejuto (2021) e Antía Yáñez (2022).
 
Manuel Núñez Singala é un dos autores máis seguidos polo lectorado infantil e xuvenil galego.  Dous dos seus títulos, O achado do castro e  Atranco no bancoestán entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2021/2022. 
 

Día Mundial do Libro 2023

 
                                                                                           
 
Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2023.
 
Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso á Profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Montse Pena Presas. cuxa investigación está moi centrada na literatura infantil e xuvenil contemporánea, cun foco específico na literatura galega, na educación literaria e nos estudos de xénero. Montse, creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, "que é unha celebración da mediación, de ser profe, bibliotecaria, mestra."
 
Este agasallo ás bibliotecas escolares de Galicia, complétase cunha versión longa, baixo o lema Dar de ler, que afonda no papel das mediadoras e mediadores no mundo do libro.
Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que "Para nosoutras, silandeiras e navegantas, todos os días son o día do libro."