21 de marzo, equinoccio de poesía

Coincidindo co equinoccio de primavera, celebramos hoxe o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración, aprobada pola UNESCO en 1999, ten como principal obxectivo apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
Leamos poesía porque como di Fran Alonso: A poesía é unha barricada de palabras rebeldes, un aturuxo de liberdade. A poesía é diurética, dixestiva e antiestresante; é flexible coma o chicle e o seu ADN é profundamente subversivo. Un poema no aire é unha bomba de palabras

Poesía

Materiais dos Encontros PLAMBE 2016/2017 en RedeBE

 
 
 
 
 
Celebrados os Encontros PLAMBE 2016/2017, desde a Asesoría de bibliotecas escolares se poñen a disposición de todo o profesorado interesado os materiais (presentacións e outros) das diferentes intervencións, a través do espazo Moodle RedeBE. En breve engadiranse os vídeos das diferentes sesións, así como un vídeo resume dos encontros. 
 

Os Encontros do PLAMBE 2017 en twitter

IV Concurso de Traballos por Proxectos. Convocatoria 2016/2017

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 10 de marzo de 2017, pola que se convoca o IV CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS (coordinados ou coa participación da biblioteca escolar) destinado a centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Poderanse presentar traballos realizados durante o curso 2016/2017, nalgunha das seguintes modalidades: 

  • Proxectos de carácter interdisciplinario (os chamados Proxectos Documentais Integrados), coordinados desde a biblioteca escolar, que conten cunha participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou cun 40% dos departamentos).
  • Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, coas seguintes sub-modalidades: Traballos de grup/nivel - Traballos de ciclo/departamento - Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO "Investigación e Tratamento da Información", ou noutras materias equivalentes de ESO ou primaria.
  • Proxectos de investigación inter-centros, promovidos desde as bibliotecas de até un máximo de 3 centroS (nova modalidade).
A temática escollida para o proxecto pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero contemplarase un apartado especial de traballos de ámbito científico. Entre as investigacións presentadas recoñeceranse un total de 19 proxectos.O prazo límite de presentación da solicitude de participación e da memoria correspondente remata o 10 de xullo de 2017.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

Os vindeiros 16 e 17 de marzo o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela acollerá unha vez máis os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES. Coma en anos anteriores, está convocado para a primeira xornada o profesorado dos centros que se incorporaron a este programa no curso 2016/2017, así como unha treintena de coordinadores da biblioteca do seu centro que son novos nesta responsabilidade. Xa na segunda xornada, o 17 de marzo, reuniranse os responsables da biblioteca da totalidade dos centros Plambe, que neste curso inclúe  615 bibliotecas (605 centros públicos e 10 centros privados concertados). 

En tempos de evolución e cambios profundos no ámbito social e educativo cómpre empregar utensilios ben calibrados para acertar no rumbo a seguir; imponse a necesidade de estudar ben as direccións dos ventos e a súa intensidade; é obrigatorio dotarse de argumentos e razóns para seguir adiante nos camiños de innovación encetados e sortear, así, perigos diversos. O faro como símbolo da luz e o coñecemento tense empregado para referirse ás bibliotecas. Reivindicámolo aquí tamén como invento humano imprescindible para guiarse na escuridade: o mesmo que a biblioteca escolar.

 

Novas experiencias do EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) cos Escornabots e as familias

Nestes días quixemos que as familias formaran parte opinando sobre os okupas que tiveron nas casas durante unha semana a través das mochilas viaxeiras. Outra visión do traballo coa robótica desde a biblioteca escolar.

8 de marzo, e seguimos a traballar pola igualdade

As bibliotecas escolares, na súa actividade cotiá, brindan moitas oportunidades para practicar e aprender a vivir e medrar en igualdade. Pero iso só é posible cando o equipo de biblioteca é consciente do seu papel "regulador" das circunstancias para que estas sexan favorables. O profesorado ha estar atento e intervir cando "eles" pretendan copar os equipos informáticos (por exemplo) ou cando "elas" se retraian e non tomen a iniciativa cedendo o espazo que lles corresponde. A selección de lecturas e outros materiais para a colección da biblioteca é unha decisión clave tamén, e cando non se fai con intención coeducadora pódense colar os ventos da desigualdade polas catro esquinas porque a gran industria editorial ou audiovisual  serve a outros intereses. Empoderar é posible tamén desde a biblioteca escolar. O espazo manipulativo (robótica, inventos, espazo creativo...) é unha oportunidade máis da biblioteca ao servizo da igualdade.

Compartimos unha achega bibliográfica sobre coeducación que fixemos  para o Salón do Libro de Pontevedra 2017.  

Velaquí algunhas actividades das bibliotecas escolares galegas arredor desta data:

Medremos co libro!

 

Achégase abril, o mes dos libros (como acostuman a denominalo moitas bibliotecas escolares) e con el unha das datas máis significativas para os mediadores e mediadoras de lectura, o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil no que se celebra o nacemento de Hans Christian Andersen. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People), a súa sección española a OEPLI xunto coas entidades colaboradoras como GALIX, en Galicia, editan un cartel cunha mensaxe e unha imaxe especialmente deseñada para este día.

Nesta ocasión, a sección de Ibby de Rusia foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, do escritor ruso Sergey Makhotin fala da importancia do libro como acompañante imprescindible no proceso de maduración persoal ao longo da vida, e do pracer que o libro e a lectura proporcionan.  O debuxante e ilustrador Mikhail Fedorov pon a imaxe a este cartel que se difunde xunto co texto nas catro linguas do estado. Tamén está accesibe en inglés e ruso a través da páxina de Ibby. 

Coma en anos anteriores, GALIX anima a centros escolares, bibliotecas e librarías a colaborar na difusión desta mensaxe. Así mesmos, as bibliotecas e centros educativos poden participar no concurso "Andersen hoxe" que para a celebración deste día organizan a OEPLI e todas as súas seccións.  Pódese acceder a toda a información nesta ligazón.

24 de febreiro, Día de Rosalía

O Calendario do Libro e da Lectura 2017 que publica a Secretaría Xeral de Cultura recolle o día 24 de febreiro como o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Hai xa tempo que as bibliotecas escolares veñen celebrando o DÍA DE ROSALÍA nesta data a instancias da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Así Rosalía vive na voz de nenas e nenos que recitan os seus poemas; as mozas e mozos descubren nos seus versos á muller que é, como ben di Ledicia Costas no seu Manifesto polo Día de Rosalía, "unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda".

Velaquí algúns exemplos da actividade que percorre estes días as bibliotecas escolares galegas: 


Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2016/2017

 

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan as contías destinadas ao funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario de titularidade da consellería. Segue aumentanto o número de centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, que poñen en marcha un club de lectura con un ou varios grupos de lectores e lectoras. Neste curso 2016/2017 recibirán axuda da consellería un total de 243 centros.

Os clubs de lectura están a ser espazos de encontro e de intercambio de experiencia lectora; lugares para aprender a convivir coas ideas e opinións dos outros e onde poder expor, nun clima de confianza as ideas propias, compartir inquedanzas, coñecemento e entusiasmo. En definitiva, lugares nos que aprender a ser cidadáns activos e críticos, persoas lectoras que tecen vínculos entre sí e cos libros e a cultura. Na imaxe, alumnas e alumnos do Club de Lectura do IES San Mamed, de Maceda (Ourense). 

Traballos premiados no III Concurso de Traballos por Proxectos

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares iremos dando difusión detallada dos traballos galardoados no III Concurso de Traballos por Proxectos recollidos na Resolución de 1 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, responsable desta iniciativa integrada no Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe).

Este certame pretende "estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP), realizados en centros non universitarios durante o presente curso 2015/2016".  

Encádrase nas actuacións en materia de bibliotecas escolares coa intención de impulsar a existencia de bibliotecas que recollan, entre outros, “o deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición da competencia informacional ou de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos”, así como “as posibilidades que ofrece a biblioteca para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.”

Velaquí un cadro resume dos traballos seleccionados con acceso ás memorias de cada un dos proxectos:

Modalidade

Temática

Título

Centros

Concello

Provincia

1. Proxectos Documentais integrados, coordinados
desde a biblioteca escolar

Xenérica

 

25 anos de Pepe de Xan Baña

CEIP P. Pepe de Xan Baña

Santa Comba

A Coruña

3,2,1, Acción! Un colexio de película

CEIP de Cervo

Cervo

Lugo

Coñecemos Lobios

CEIP do Xurés

Lobios

Ourense

Aquí todos pintamos moito

CEIP P. de Meaño-As Covas

Meaño

Pontevedra

Vivir tocando o mar

CEIP Valle Inclán

O Grove

Pontevedra

As bibliolimpiadas

IES Castro Alobre

Vilagarcía de Arousa

Pontevedra

Científica

 

DinosauRus

CEIP Canosa-Rus

Coristanco

A Coruña

Cinturón verde

CEIP Lamas de Abade

Santiago de Compostela

A Coruña

Un universo de libros

CEIP P. A Pedra

Bueu

Pontevedra

Expericiencia

CEIP O Piñeiriño

Vilagarcía de Arousa

Pontevedra

2.a. Proxectos de
investigación de grupo/nivel

Xenérica

 

Coñecendo Outes

CEIP Serra de Outes

Outes

A Coruña

A Prehistoria

CEIP Feliciano Barrera

Ponteareas

Pontevedra

Científica

 

Espirais no Universo

CEIP Manuel Rodríguez Sinde

A Guarda

Pontevedra

Descubrindo a PHI

IES Mestre Landín

Marín

Pontevedra

As bolboretas

CEIP Quintela

Moaña

Pontevedra

2.b. Proxectos de
investigación de ciclo/departamento

Xenérica

 

Da cociña á mesa

CEIP Milladoiro

Malpica de Bergantiños

A Coruña

2.c. Proxectos realizados na
materia de 1º /2º de ESO “Investigación e tratmento da información” …

Xenérica

 

Prender a Luz

IES Xoán Montes

Lugo

Lugo

 

Resolución do III Concurso de Traballos por Proxectos

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 1 de decembro de 2016, pola que se dá a coñecer a relación de traballos seleccionados no III Concurso de Traballos por Proxectos coordinados ou coa participación da biblioteca escolar, realizados durante o curso 2015/2016, segundo convocatoria de 11 de abril de 2016.

Reciben premio un total de 17 traballos en distintas modalidades e temáicas contempladas na convocatoria do concurso. Algunhas das modalidades foron declaradas desertas polo que foron ampliados os premios concedidos noutros dos apartados do concurso. 

Así, na modalidade de "Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar", na que houbo unha maior porcentaxe de participación, resultan premiados un total de 10 traballos, tres máis dos inicialmente previstos. 

En breve daranse a coñecer todos estes proxectos a través desta páxina. 

Bibliotecas escolares, espazos educativos contra a violencia de xénero

Fóra das aulas hai, nos centros, dous espazos privilexiados para traballar os valores de igualdade: o patio de xogos e a biblioteca escolar. As bibliotecas escolares son lugares únicos para a aprendizaxe da convivencia e dos valores democráticos, de igualdade e de cidadanía.

O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas  de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade. Ao igual que nos asuntos da Cultura de Paz ou no fomento da lectura, de nada sirven aquí os globos de colores, é urxente ír ao cerne dos asuntos e desenmascarar as verdaderas causas da violencia de xénero. A literatura, a poesía, sempre nos vai axudar, pero o profesorado das bibliotecas escolares bota man da imaxinación e xorden actividades creativas de moito interese por todos os recunchos. Velaquí algúns exemplos:

 

#mannequinchallenge na biblioteca do CEIP Lamas de Abade

O alumnado voluntario na biblioteca escolar do CEIP Lamas de Abade, de Santiago de Compostela, xunto co profe responsable da bibliotecaamósannos a súa biblioteca de paso que participan desta "moda" que percorre as redes sociais e que para nenas e nenos é un reto ben divertido. Que a biblioteca sexa obxecto desta atención merece todos os parabéns. E que quietiños quedaron!!

Materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

 

Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os pasados 18 e 19 de novembro. Tamén estarán, en breve, os vídeos das diferentes intervencións. 

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 18/19 novembro

 

Os días 18 e 19 de novembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, terán lugar as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, a cita anual do profesorado interesado polas bibliotecas escolares, a lectura e as competencias en medios e información (ALFIN/AMI).

Serán día e medio intensos dedicados a revisar algúns aspectos fundamentales sobre a biblioteca escolar e as súas funcións nos centros educativos, como soporte e ferramenta imprescindible para unha educación acorde ás necesidadees do alumnado do século XXI e no contexto galego.

Xunto coa difusión de experiencias de interese en todos os ámbitos de actuación da biblioteca escolar (promoción da lectura, traballo coa información, metodoloxía de proxectos, implicación das familias na construción de lectores, apoio ao desenvolvemento do currículo, integración das TIC, interculturalidade e atención á diversidade (biblioteca inclusiva)... Así mesmo haberá unha sesión para comunicacións super-breves titulada "A fume de carozo" no que se poderán coñecer un máximo de 10 actividades "potentes" procedentes de 10 centros (en breve abrirase o prazo de propostas).

A lectura e as linguaxes artísticas, as narracións transmedia, a poesía, a educación artística ou musical, a metodoloxía de proxectos e as necesarias transformacións no modelo de biblioteca escolar serán tema para a reflexión e a ampliación de coñecementos, axudados por expertos nos seus ámbitos como Andrea Giráldez, Xosé Tomás, Silvia González Goñi, Mónica Muñoz Sobrino e Asunción Carballo, Glória Durban, Maria Conceição Tomé, Carlos C. Scolari e Fran Alonso.

Até o día 23 de outubro está aberto o prazo de inscrición en FPROFE: https://www.edu.xunta.es/fprofe/ empregando a referencia G1602011.

As candidaturas que desexen inscribirse na actividade "A fume de carozo"  deberán remitirse até o 25 de outubro.

 

 

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas escolares- 2016

 

A ciencia debera estar en galego en calquera día do ano, pero como chamada de atención, ben sirva esta proposta de celebrar un mes dedicado á ciencia en galego nas bibliotecas; tamén nas bibliotecas escolares. Velaquí algunhas das actividades que se levan a cabo nos centros galegos integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, por mor desta proposta normalizadora: 

 

Pola súa parte, desde a Asesoría de bibliotecas escolares mantéñense estes dous espazos con recursos para a ciencia en galego: 

Explorando o máis próximo co apoio da biblioteca escolar

Neste novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, chéganos unha nova desde o o IES Miguel Ángel gonzález Estévez, de Carril (Vilagarcía de Arousa), que amosa o resultado dun traballo colaborativo, coa participación de profesorado do Departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e a Biblioteca Escolar do centro durante o curso 2015/2016. Gústanos saber, ademais, que este traballo do alumnado de 1º de ESO (agora en 2º curso) segue a estela do lema "Biblioteca EScolar, base de exploracións" proposto ás bibliotecas escolares galegas no pasado ano escolar.

O espazo verde do IES Carril é unha "completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar  do centro desde os seus inicios alá polo ano 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos. A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés,  o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular do exemplar do instituto."

Programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" para o curso 2016/2017

O Portal Educativo publica a Resolución do 7 de novembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se publica a convocatoria do programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS para o curso 2016/2017, integrado no PLAN LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As accións incluídas neste programa, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, van destinadas aos centros públicos de nivel non universitario e de titularidade desta consellería. 
Coas diferentes accións integradas en "Bibliotecas Escolares Solidarias" pre´tendese estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias, nos centros públicos de titulariade da consellería, e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar "bibliotecas escolares inclusivas", que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe, por calquera das causas posibles. No cadro que segue resúmense as diferentes accións do programa:

 

Iniciativa

Finalidade

Características

1

Concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria”

Recoñecer a bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar.

  • Convocatoria anual.
  • Presentación de memorias por parte dos centros interesados: 10 de maio de 2017.
  • Concesión dos selos (un máximo de 15 selos por curso escolar) 

2

Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria)

Recoñecemento de horas de voluntariado na biblioteca escolar, para o alumnado colaborador, mediante a emisión de diplomas de acción voluntaria correspondentes.

Destinado a alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial.

  • As bibliotecas escolares deberán adherirse ao programa, no momento que se estipule e levar rexistro das actividades do alumnado (data límite: 20/12/2016).
  • Remitir datos alumnado  (data límite: 31/05/2017)

3

Voluntariado de lectura – A

(Primaria)

Estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura, entre o alumnado de 5º e 6º de primaria.
  • Inscrición con data límite 20/12/2016
  • Os centros inscritos presentarán memoria de actividades (data límite 25/04/2017).
  • Seleccionaranse  un mínimo de 4 experiencias. Concreción en convocatoria complementaria (febreiro-marzo de 2017).

Aprendizaxe por descubrimento, ou como facer andar ao escornabot

Andan xa os escornabots nas mans de nenas e nenos dando os seus primeiros pasos. Desde a biblioteca do CEIP do Foxo (A Estrada), achégannos varios  vídeos a través dos que podemos coñecer os avances das nenas e nenos de infantil no seu trato co pequeno robot, así como un exemplo de utilización como "axudante" de biblioteca: 

Outros vídeos de interese:

OUTRAS EXPERIENCIAS:

+ información

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas-2016

O auditorio da Biblioteca Pública Ánxel Casal, de Santiago de Compostela, foi o escenario para a presentación do Manifesto e as actividades de NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS, unha iniciativa conxunta da Secretaría Xeral de Cultura (Subdirección de Bibliotecas), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Asesoría de Bibliotecas Escolares), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en apoio da presenza da divulgación científica en galego en todas as bibliotecas da comunidade autónoma galega. 

A Arquitecta Isabel Aguirre de Urcola, Premio de Ciencia "María Josefa Wonenburger"- 2015, foi a científica convidada este ano para a elaboración do "Manifesto" a favor da ciencia en galego nas bibliotecas, que se edita e se distribúe polas bibliotecas de Galicia. Na presentación, Isabel Aguirre insistíu na importancia das bibliotecas como espazos de depósito do coñecemento, na diferencia entre información e coñecemento e na importancia de aprender a ciencia en galego nas escolas. Incidíu na sorte que temos os galegos de podermos contactar na nosa lingua con millóns de persoas por todo o mundo "algo que deberíamos darlle máis valor". 

O Secretario Xeral de Cultura presentou, así mesmo, o díptico que se edita coas actividades das bibliotecas públicas programadas para este mes de novembro, así como os recursos e actividades que sobre a ciencia en galego se levan a cabo tamén nas bibliotecas escolares. 

 

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

O DOG de hoxe, 26 de outubro, publica a Orde de 13 de outubro pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/2017. A resolución detalla as contías asignadas a cada centro para este curso que para os centros con máis de dous anos de permanencia no programa será só para fondos, e para os incluídos nesta convocatoria e na correspondente ao curso anterior, será para fondos, mobiliario e outros equipamentos imprescindibles, así como para gastos de funcionamento. 

As bibliotecas escolares, deben ter, ademais, no orzamento "ordinario", derivado dos gastos de funcionamento do centro, de entre un 5% e un 10%, segundo as instrucións de comezos de curso da D.X. de Centros e Recursos Humanos. 

Intégranse 38 centros públicos e 10 centros concertados, polo que o total de centros integrados neste "rede de bibliotecas escolares" que constitúe o PLAMBE chega este ano a 615 centros, coa seguinte distribución:  

O Plan de mellora de bibliotecas escolares beneficia directamente a uns 181.600 alumnos e alumnas e ás súas familias e nel están integrados, tomados no seu conxunto, o 54% dos centros públicos galegos. 

- TEXTO DA RESOLUCIÓN (DOG do 26/10/201)

- PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

24 de outubro, Día da Biblioteca, de todas as bibliotecas.

 

O 24 de outubro é, desde hai 20 anos, o Día da Biblioteca, pois van xa dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. Nesta ocasión foron dúas mulleres da "periferia", a ilustradora vasca Elena Odriozola e a escritora galega Ledicia Costas, as encargadas de darlle fondo e forma e esta mensaxe a prol da existencia das bibliotecas. 

Fermosísimo é o texto de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura 2016, que nos facilita GALIX na súa versión  orixinal en galego e do que entresacamos un parágrafo: 

"Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Sería xenial organizar unha festa con confeti e pompas de xabón. Celebrala ao grande. Encantaríame vestirme para tal ocasión como o personaxe dalgún libro, sentarme na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo e esperar a que fosen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda, Atreyu, Drácula ou mesmo Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñerte botas de pelo, plumas, zancos e chapeus. Chapeus! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, atraída polas cores e formas do meu chapeu:

-- Sombreireira tola, que festa máis marabillosa! Sería tan amable de servirme unha cunca de té?" 

En Galicia, a campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017 lembra que a Biblioteca Escolar é "territorio das Artes", un espazo no que aproximarse á produción artística do noso país e de todas as culturas, a través dos libros, dos vídeos, dos mil sitios aos que internet nos permite acceder... pero é tamén un espazo no que vivir a música, a pintura, as artes visuais (fotografía, cómic, cine), a escultura, a danza, o teatro e, moi especialmente, a literatura en todos os seus xéneros e temáticas; e vivir é experimentar e compartir, pero tamén expresarse e comunicar a través das distintas opcións artísticas. 

As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas propostas arredor desta importante data:

Iremos subindo algúns exemplos máis, porén, unha visita aos blogues de PRIMARIA ou SECUNDARIA permitirá coñecer a actividade que se desenvolve en moitas bibliotecas escolares neste comezo de curso. Convidámos á facer esta exploración nestes días finais de outubro, mes da Biblioteca Escolar segundo propón a IASL