Biblioteca Escolar - Territorio das Artes

 

 

"Biblioteca escolar - Territorio das Artes" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezo do curso 2016/2017  con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. Nesta ocasión foi MINIA REGOS a creadora convidada a interpretar o lema anual.

A imaxe creada por Minia Regos garda moitas sorpresas para as lectoras e os lectores; propón un xogo de exploración e aventura por este "territorio" complexo e engaiolante que é toda biblioteca escolar.  

Nos últimos anos, as bibliotecas escolares demostraron que é posible integrar as ciencias e as humanidades nas actividades de lectura e de acceso e construción do coñecemento. Os materiais de divulgación científica, os xogos matemáticos, a xeografía ou as aventuras da exploración física ou simbólica foron temática de traballo e son xa parte esencial das programacións e dos proxectos coordinados desde as bibliotecas. Cómpre agora facer visible esa parte do coñecemento humano que conecta directamente coa creatividade: as Artes todas teñen cabida na biblioteca escolar e así o demostran as múltiples actividades programadas anualmente con está temática. 

Biblioteca escolar, territorio das Artes convida a explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo  a experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos).

Convidámosvos a descubrir o último vídeo de Agustín Fernández Paz para as Bibliotecas Escolares dentro deste cartel a través da aplicación Aurasma de Realidade Aumentada.

 

Convocatoria dos clubs de lectura 2016/2017

O Portal Educativo publicou xa a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 1 de setembro de 2016, pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros que imparten ensinanzas de secundaria, bacharelato, formación profesional, e ensinanzas de réximie especial (escolas oficiais de idiomas, conservatorios, escolas de arte, ensinanzas de persoas adultas), todos eles de titularidade pública. Diante da importante aceptación desta iniciativa, integrada en HORA DE LER (programa para o fomento da lectura en ámbito educativo) e das valoracións do profesorado implicado, o orzamento global destinado aos clubs de lectura para o curso 2016/2017 increméntase ata os 210.000€.
Igual que en anos anteriores, tal e como recolle a convocatoria "valoraranse especialmente aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo dos mozos e mozas coa lingua e a literatura galegas".
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro. 

Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2016/2017

O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2016/2017, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE). 

 

 

Resolución provisional Convocatoria Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

 

O Portal Educativo publica hoxe, 28 de xullo, a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2016/2017, coa relación de centros que se incorporan a este programa. Esta relación poderá verse ampliada na resolución definitiva (no apartado de centros públicos), na medida en que se produzan renuncias ou baixas dalgún  dos centros integrados até este momento no PLAMBE, tal e como se contempla na Orde de 23 de maio de 2016, de convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares-2016/2017 (DOG de 08/06/2016). A resolcuón definitiva publicarase en setembro no DOG e recollerá a totalidade dos centros integrados (615) xunto coas contías asignadas a cada centro. 

Deixounos Agustín Fernández Paz

Vimos de coñecer a nova do falecemento de Agustín Fernández Paz. Seguirá connosco sempre.

Lecturas para o verán 2016: as bibliotecas escolares recomendan...

Albíscanse xa os días de lecer e as bibliotecas escolares ultiman as súas seleccións de lecturas para grandes e pequenos, unhas "guías de lectura" moi diversas en contido e formato que responden á intención dos equipos de biblioteca por orientar aos distintos sectores da comunidade educativa na escolla de lecturas, música ou cine para os vindeiros meses. Un servizo máis da biblioteca escolar que nalgúns centros se complementa con préstamos múltiples para o verán. Velaquí algúns exemplos.

EN COLABORACIÓN:

Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A 2016

Entre o 24 e 27 de maio celebráronse no CRD da Coruña (Culleredo) as Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A deste curso 2015/2016, coa participación de 50 nenas e nenos, xunto co profesorado que os acompañaba, procedentes de catro centros de distintos lugares de Galicia que participaran nesta iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Un programa intenso de actividades pensado para que a experiencia fose educativa e enriquecedora: obradoiros de xogos cooperativos e tradicionais, lectura expresiva, narración oral, danzas do mundo, teatro, cantos e danzas tradicionais, formación de usuarios e elaboración dun booktrailer co teléfono móbil completáronse coa visita á Biblioteca Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, ambos en A Coruña.

Este vídeo, elaborado por Aurora Ramilo, do CEIP de Leirado, ilustra moi ben o ambiente vivido nestes catro días de convivencia e aprendizaxe por nenas e nenos que colaboran durante todo o ano na biblioteca escolar do seu centro,  unha actividade que lles axuda a medrar como persoas autónomas, con habilidades para a toma de decisións e o traballo colaborativo, ao tempo que reforzan as súas destrezas en materia de lectura e de escritura.  

- Información sobre a visita á Biblioteca Pública Municipal Ágora en SUMA ÁGORA

Concedidos 6 Selos "Biblioteca Escolar Solidaria"

 

O Portal Educativo publica a Resolución de 14 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dan a coñecer os centros aos que se concede o Selo "Biblioteca Escolar Solidaria" neste ano 2016, no contexto do programa Bibliotecas Escolares Solidarias, unha iniciativa que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da consellería de Política Social. Entre as candidaturas presentadas, obteñen este Selo os centros seguintes:

O Selo "Biblioteca Escolar Solidaria" é un distintivo de calidade en termos de traballo solidario e a favor das persoas que forman parte do colectivo escolar, que recoñece a bibliotecas que fan un esforzo salientable por compensar as desigualdades no acceso aos bens culturais entre os distintos integrantes da comunidade educativa.

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2016/2017

O DOG do 8 de xuño de 2016 publica a Orde de 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolaresen centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/2017.

Poden participar nesta convocatoria os centros non universitarios incluídos nos seguintes apartados:
a)    Centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

        • Os centros integrados no programa en convocatorias anteriores (2005 a 2014), que recibirán asignacións para fondos.
        • Os centros integrados na convocatoria de 2015 (Plambe _11), que poderán recibir tamén contías destinadas á outros conceptos (mobiliario ou outro equipamento), así como para gastos de funcionamento específicos.
  • Seleccionaranse 30 novos centros, para a súa integración no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2016/2017 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no Plambe). En igualdade de puntuación terán preferencia os centros situados en concellos rurais.

b)    Centros privados concertados:

  • Seleccionaranse 10 centros privados concertados, aos que se destinará unha liña de axudas para a mellora da biblioteca escolar, que deberán reunir os mesmos requisitos e que adquirirán as mesmas obrigas que o resto dos centros que se integran neste programa.

O prazo para a presentación de solicitudes de incorporación ou de continuidade remata o 8 de xullo de 2016.

Materiais dos ENCONTROS do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2015/2016

 

Todos os materiais (presentacións, ligazóns de interese, VÍDEOS e outra documentación) correspondentes aos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2015/2016, celebrados en Compostela os pasados 7/8 de abril, están xa dispoñibles en redeBE, o espazo virtual aberto a todo o profesorado interesado. Nesta entrada, unha pequena entrevista realizada a Mónica Baró, unha das relatoras participantes nestes encontros.

Os Escornabots camiñan xa polas bibliotecas escolares

O pasado 13 de maio celebrouse en Compostela a sesión presencial da actividade formativa incluída no Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar", coa participación de profesorado vinculado á biblioteca escolar dos 20 centros seleccionados para a súa participación nesta nova iniciativa integrada na segunda fase do Plan LÍA Bibliotecas Escolares. Participaron, así mesmo, asesores e asesoras de varios centros de formación do profesorado, tamén vinculados ás actividades de formación en materia de bibliotecas escolares.
Durante a xornada, tras as inforamcións iniciais e a contextualización do proxecto, houbo ocasión para montar os pequenos robots e para comprobar algunhas das súas posiblidades didácticas. 
A actividade formativa continúa de forma virtual a través de Platega. Posterioremente, todos os recursos e propostas ficarán en aberto para o conxunto do profesorado. 
Algúns exemplos que nos van chegando:

IX Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 10 de xuño reunirase en Compostela o profesorado que coordina os Clubs de lectura acollidos á convocatoria en apoio aos Clubs de Lectura da D.X. de Centros e RRHH, que neste curso 2015/2016 chegou a un total de 239 centros de ensino con ensinanzas de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (persoas adultas, conservatorios, escolas oficiais de idiomas, etc.) de toda Galicia. 

Os Clubs de lectura acollen este curso a máis de 11.000 lectoras e lectores que, periodicamente, se reúnen para compartir experiencia lectora e realizar actividades a partir das lecturas realizadas. Aumentan cada ano os encontros entre distintos clubs e as rutas literarias que realizan, ben por iniciativa propia, ben aproveitando rutas xa deseñadas por distintas institucións. 

A IX Xornada dos Clubs de Lectura iniciaranse coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2016 á escritora Ledicia Costas, quen participará tamén na xornada cunha intervención en formato entrevista.

O programa previsto para o resto da xornada deseñouse con dous focos de interese principais: as rutas literarias e a poesía. Acompañarán ao profesorado Manuel Bragado, Fran P. Lorenzo, Raúl Vacas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial e Darío Xohán Cabana. Tamén será ocasión para coñecer experiencias de rutas literarias desde o IES de Rodeira, de Cangas,  o IES de Porto do Son e o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, xunto coa Fundación Curros Enríquez de Celanova. Na sesión de tarde, ademais dos obradoiros cos poetas anteriormente citados, haberá unha mesa de experiencias denominada "Xéneros e temáticas "para valentes", aproveitando o lema deste ano para o pasado Día Mundial do Libro, de autoría de Pedro Feijoo: Club de lectura de Manga Intercentros, desde o IES A Paralaia, de Moaña, e Clubs de lectura, biblioteca e poesía, con intervencións desde o IES de Poio e o IES San Paio de Tui. A Xornada rematará cun recital poético musical no que intervirán Raúl Vacas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial, Darío Xohán Cabana e a cantautora Alba María. 

 

Manuel María nas bibliotecas escolares. Letras Galegas 2016

 

O alumnado de 3º e 4º de primaria do CEIP A Pedra, de Bueu, elaborou unha biografía de Manuel María para kamishibai. Esta é unha das moitas actividades que nestes días iluminan as bibliotecas escolares e os centros todos cos versos e a mirada de Manuel María sobre o mundo. Velaquí algúns outros exemplos da intensa actividade que se está a dar arredor da figura do poeta homenaxeado este 2016 polo Día das Letras: 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares preparouse para este ano a Maleta MANUEL MARÍA que xa vai de centro en centro coa súa carga de versos. 

OUTROS ENLACES DE INTERESE

Letras Galegas 2016: Manuel María

Un ano máis, as mozas e mozos do CPI dos Dices Rois (Rois, A Coruña), baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, achégannos o telexornal sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Manuel María recibe este ano a atención de institucións culturais de todo tipo pero é nos centros educativos onde a súa voz vai cantar máis alegre, nas múltiples actividades organizadas polos Equipos de Normalización Lingüística e as bibliotecas escolares. Este TELEXORNAL MANUEL MARÍA é un excelente exemplo de educación para os medios e de aprendizaxe baseada en proxectos. O propio Luís Aldegunde explícanos:
No Telexornal Manuel María participou todo o alumnado do club e lectura e outro alumnado de 3º e 4º de ESO. É o resultado de oito meses de traballo (porque xa empezamos en agosto) e para estes vinte e cinco minutos foron necesarias moitísimas horas de traballo: concertar entrevistas, asistir a varios actos na Casa Museo, participar en varios roteiros, gravación das localizacións que foron importantes na vida de Manuel María, preparación de guión con grupos de whats app co alumnado incluídos, gravación con chroma no propio centro, etc.
O telexornal Manuel María vén de ser galardoado pola Asociación Pedagóxica Galega no seu VI Certame de curtas para Rosalía.  Segundo o xurado  recoñécese o ‘Telexornal Manuel María’ “pola súa eficaz achega para o coñecemento e difusión da obra e o legado de Manuel María, co mérito acrecentado de estar protagonizada por escolares que se dan moi ben coa expresión audiovisual e axudan a construír un exemplo vivo de comunicación social galega emancipada”. + info

Voluntariado de lectura-A, 2015/2016. Centros seleccionados para as Xornadas de convivencia

O Portal Educativo publicou recentemente a Resolución da D.X. de Centros e Recursos Humanos, de 6 de maio de 2016, pola que se resolve a convocatoria de Voluntariado de lectura-A correspondente ao curso 2015/2016, unha iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Recibidas as memorias de actividades do alumnado voluntario na biblioteca escolar durante o presente curso, a comisión de valoración prevista na convocatoria acordou seleccionar catro centros de entre os inscritos nesta iniciativa, co fin de que unha representación do seu alumnado voluntario participe nas Xornadas de convivencia do Voluntariado de Lectura, a celebrar do 24 ao 27 de maio no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo). Ao renunciar o único centro inscrito da provincia de Ourense, acordouse escoller un centro máis da provincia con maior porcentaxe de participación:

Un grupo de 50 alumnas e alumnos (acompañados dun/ha profesor/a) procedentes destes centros participará durante catro días dun intenso programa de actividades todas elas relacionadas con actividades colaborativas, xogos tradicionais, lectura expresiva, xogo dramatizado, danzas do mundo, narración oral ou música e danza tradicionais. O programa complétase cunha visita á Biblioteca Pública Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, de A Coruña. Cada grupo de alumnos e alumnas voluntarios da lectura terá oportunidade para amosar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades que ao longo do curso realizaron como axudantes da biblioteca escolar na xestión da biblioteca pero tamén na organización de actividades de lectura destinadas a outros alumnos e alumnas do centro, as chamadas activdades de lectura compartida dentro ou fóra do centro.

Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar". Centros participantes

 

O Portal Educativo publicaba o pasado xoves 28 de abril a Resolución da D. X. de Centros de Recursos Humanos de 28 de abril, pola que se dá a coñecer a relación de centros seleccionados, segundo os criterios da convocatoria, para participar neste proxecto que se iniciará o vindeiro 13 de maio coa sesión presencial de fase formativa prevista. 

Esta iniciativa intégrase no contexto dun modelo de biblioteca aberto ás distintas linguaxes, no que se promove a expresión oral, a alfabetización múltiple, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

  1. Mis robots en pijarama. Michael Leblond. Kalandraka
  2. O neno que tiña medo dos robots e o robot que tiña medo dos nenos. Miguel Vázquez Freire. Rodeira
  3. Pájaro amarillo. Olga de Dios. Apila Ediciones
  4. Vídeo relacionado: Programación, unha linguaxe a ter en conta en tempos de multialfabetismo (Intervención de Tucho Méndez nas VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia). 
  5. Fondos robóticos na biblioteca da EEI Barrionovo ( Arteixo, A Coruña)

Premio dos Clubs de Lectura 2016 para Ledicia Costas

A escritora Ledicia Costas acadou o Premio dos Clubs de Lectura 2016, segundo se contempla na Resolución do 23 de abril do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, publicada o mesmo 23, Día Mundial do Libro, no Portal Educativo.

Con este premio, creado en 2015, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. quere recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandonno, ao ampliarse ao abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. 

O premio recoñece ao autor ou autora máis lido polos clubs de lectura de ensino secundario que participan no programa de Clubs de lectura desta consellería.  Revisadas as memorias de actividades destes clubs así como as lecturas realizadas no pasado curso, a vista da relación de autores máis lidos polos clubs nese curso 2014/2015, e tendo en conta os requisitos do premio, concedeuse este galardón á escritora LEDICIA COSTAS, autora de títulos moi variados tanto en xénero como en contido, que concita o interese dun grande número de lectores e lectoras de todas as idades. Os títulos máis lidos desta autora polos clubs no pasado ano foron: O corazón de Xúpiter, Escarlatina, a cociñeira defunta e Unha estrela no vento.

Ledicia Costas participará na vindeira IX Xornada dos Clubs de Lectura que terá lugar en Compostela o 10 de xuño, coa participación do profesorado que coordina os clubs de lectura en 239 centros con ensinanzas de secundaria, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (CMUS ou Escolas Oficiais de Idiomas), durante o presente curso, e no transcurso desta xornada seralle entregado o galardón co recoñecemento do profesorado e, por el representados, das lectoras e dos lectores. 

+ INFORMACIÓN

Os libros son para valentes! EEI Barrionovo (Arteixo)

As nenas e nenos da EEI de Barrionovo (Arteixo) demóstrannos o valentes que son: entran sen medo ningún nos libros e buscan a compaña de lobos, xabaríns, osos ou baleas, métense en covas escuras, súbense á táboa de surf cando máis forte é o temporal... 

Recursos e iniciativas a prol das ciencias

Os pasados 14 e 15 de abril tiveron lugar en Compostela, na sede do Consello da Cultura Galega, os XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados por esta institución baixo o lema"Nas bocas do futuro: mocidade e lingua".

Convidouse á Asesoría de Bibliotecas Escolares a participar na exposición de recursos para a ciencia en galego e contribuímos con este "póster" no que se recollen recursos e iniciativas desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e O.U. deseñadas para impulsar a presenza das ciencias nas bibliotecas escolares e a integración das ciencias e das humanidades nas actividades e propostas destas bibliotecas. Por descontado que estas iniciativas son tamén a favor do uso do galego nas ciencias. 

  • É de gran interese a exposición virtual de todos os pósters que podemos visitar AQUÍ

 

 

 

 

Día Mundial do Libro 2016: "Os libros son para valentes" Pedro Feijoo

Achégase o Día Mundial do Libro, o 23 de abril, unha das datas máis significativas do calendario civil nas bibliotecas escolares galegas. Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita un pequeno díptico cun texto orixinal agasallo dun autor ou autora galega. Desta vez, o texto co que celebramos o Día do Libro é de Pedro Feijoo, un dos creadores galegos máis lidos nos clubs de lectura dos centros de ensino, quen afirma con rotundidade no seu texto Os libros son para valentes: "... eu tamén sei que para cada un de nós hai un libro. Un que nos explicará como é que funciona isto de vivir, como se sae adiante, como se avanza. Ou polo menos como poñerlle o rabo ás cereizas..."

Materiais e actividades das bibliotecas escolares:


III Concurso de Traballos por Proxectos. Convocatoria curso 2015/2016

O Portal Educativo publicou o 12 de abril a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 11 de abril de 2016, do III Concurso de Traballos por Proxectos, coordinados ou coa participación da biblioteca escolar, correspondente a traballos realizados durante o curso 2015/2016. Poderán participar os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e O.U.

Establécense varias modalidades: 

  • Proxectos de carácter interdisciplinario (os chamados Proxectos Documentais Integrados), coordinados desde a biblioteca escolar, que conten cunha participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou cun 40% dos departamentos).
  • Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, coas seguintes sub-modalidades: Traballos de grup/nivel - Traballos de ciclo/departamento - Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO "Investigación e Tratamento da Información", ou noutras materias equivalentes de ESO ou primaria.
A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero contemplarase un apartado especial de traballos de ámbito científico. Entre as investigacións presentadas recoñeceranse un total de 18 proxectos.O prazo límite de presentación da solicitude de participación e da memoria correspondente remata o 30 de xuño de 2016.

Proxecto piloto " Escornabots na biblioteca escolar". Convocatoria.

O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria do 8 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos referida ao proxecto piloto "ESCORNABOTS NA BIBLIOTECA ESCOLAR", unha iniciativa incluída no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares que está destinada aos centros de infantil e primaria que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2015/2016.

As bibliotecas en xeral, tamén as escolares, están a vivir importantes transformacións e unha das máis importantes e a de acoller todo tipo de actividades nas que as persoas usuarias (neste caso, alumnado, profesorado e familias) poden atoparse para pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntas, na liña dos makerspaces ou dos laboratorios de ideas.

Na actualidade, as bibliotecas escolares contemplan todo tipo de linguaxes (oral, escrito, icónico, audiovisual, artístico...) e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación. Neste contexto de alfabetización múltiple encádrase a presente iniciativa, destinada a introducir nas bibliotecas escolares unha nova linguaxe, a linguaxe de programación, e impulsar a utilización de pequenos robots en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, a creatividade, o traballo colaborativo, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e o xogo.  

O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de abril de 2016.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2015/2016

Os días 7 e 8 de abril próximos celebraranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares do curso 2015/2016, coa asistencia de 145 responsables de bibliotecas integradas no programa, na primeira xornada, e representantes da totalidade dos centros (575) xa na segunda xornada.  Este encontro anual do profesorado que xestiona e coordina as bibliotecas integradas no PLAMBE, serve para avanzar na formación deste colectivo e constitúe un espazo de reflexión, intercambio de experiencias e propostas arredor dos ámbitos de actuación da biblioteca escolar: a lectura, a información, a aprendizaxe.

Abordaranse os retos educativos que a biblioteca debe enfrontar e as posibilidades que ofrece para o cambio metodolóxico imprescindible. Entre outras experiencias de interese presentaranse varios dos traballos galardoados no II Concurso de Traballos por Proxecto, coordinados ou co apoio da biblioteca escolar. 

Acompañarán ao profesorado expertos e investigadores en diversos ámbitos: Gemma LLuchMónica Baró, Eduardo Sáenz de Cabezón ou Ana Bernal. Pechará os encontros Manuela Silva, actual coordinadora da Rede de Bibliotecas Escolares de Portugal, programa que cumpre agora os 20 anos de existencia cunha excelente realidade, a pesar de todos os atrancos, faro sempre para as actuacións desde esta consellería.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2016

Achégase abril, o mes dos libros (como acostuman a denominalo moitas bibliotecas escolares) e as primeiras actividades específicas para este mes arredor do libro e a lectura aparecen arredor do 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People), a súa sección española a OEPLI xunto coas entidades colaboradoras como GALIX, en Galicia, editan un cartel cunha mensaxe e unha imaxe especialmente deseñada para este día.

Nesta ocasión, a sección de Ibby do Brasil foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, da escritora brasileira Luciana Sandroni, recrea a fascinación que pode exercer unha biblioteca  nunha pequena lectora e o estímulo que os contos supoñen para a imaxinación de quen se deixa levar polo poder da lectura. O debuxante e ilustrador brasileiro Ziraldo pon a imaxe a este cartel cunha sinxeleza e evocación só propias dos grandes artistas.