Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

Día da Biblioteca 2014

O 24 de outubro é unha data sinalada no calendario de todas as bibliotecas pois desde os anos 90 celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, a instancias da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil, e en recoñecemento ao labor que exercen todos os bibliotecarios, todas as bibliotecarias, a prol da lectura, da educación e da cultura. 

Na imaxe, rapazas (previamente preparadas) do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, imparten unha sesión de "formación de usuarios" aos seus compañeiros e compañeiras. Un exemplo da vida que ferve nas bibliotecas escolares ao longo do curso, grazas ao esforzo das comunidades educativas que as fan posibles, e como resultado dun programa da administración educativa que pon o enfoque nas necesidades do alumnado en materia de lectura, de información e de aprendizaxe. 

Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou "as 5 leis da biblioteconomía":

  1. Os libros están para usarse.
  2. A cada lector o seu libro.
  3. A cada libro o seu lector.
  4. Hai que aforrar tempo ao lector.
  5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura "de por vida", e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia. 

 

Proposta: A Gran Guerra en Galiciana (1914-1918)

 

Desde a Biblioteca de Galicia, e máis concretamente desde Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia chéganos unha proposta para o aproveitamento dos recursos dixitais dispoñibles. Trátase dunha iniciativa integrada nunha proposta máis ampla, Add Your Story!, que xorde en Europeana, a Biblioteca Dixital Europea, na que se integran tanto HISPANA como GALICIANA

Búscase dar a coñecer os recursos de Galiciana e, ao mesmo tempo, estimular ao alumnado dos institutos de ensino secundario de Galicia para que contribúa a crear contidos para esta biblioteca dixital. 

O tema de traballo que se propón é a I Guerra Mundial, a través dos contidos dispoñibles en Europeana, e a súa contextualización en España e  máis concretamente en Galicia, a través dos materiais recollidos en Galiciana.  Proponse tamén investigar sobre algunhas mulleres pioneiras como a xornalista Sofía Casanova

Os destinatarios son os alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de BAC, así como os Departamentos de Ciencias Sociais e Linguas Estranxeiras  dos institutos galegos. 

PÓDESE CONSULTAR A PROPOSTA COMPLETA CON TODA A INFORMACIÓN 

Poética matemática

As matemáticas están presentes na vida cotiá, tamén na ficción  e mesmo na poesía. As bibliotecas escolares comezan a compartir recursos moi diversos para facer efectivo o lema deste curso "Biblioteca escolar... matemático!". Destacamos algúns deles relacionados coas  matemáticas e a poesía. 

 

Imaxe obtida aquí (ver recursos didácticos de matemáticas) 

 

Maletas viaxeiras en préstamo temporal aos centros.

Neste mes de outubro, declarado pola IASL como Mes Internacional da Biblioteca Escolar, as bibliotecas escolares galegas botan a andar proxectos anuais ben interesantes. A chegada aos centros do cartel co lema BIBLIOTECA ESCOLAR... MATEMÁTICO! é unha contribución da consellería á visibilización das múltiples posibilidades da biblioteca ao servizo do currículo e, tamén, da súa potencialidade para espertar o gusto polas matemáticas.

Como complemento a este material, póñense en marcha as MALETAS VIAXEIRAS DE MATEMÁTICAS (primaria - secundaria) , que xunto con outras de contido moi diverso (banda deseñada, ciencias naturais, física e química, bioloxía, inglés, ou maletas para familias) estarán dispoñibles para os centros que as soliciten, en préstamo temporal. Amplíase así a oferta xa existente nestes últimos cursos (poesía, lectura, cómic, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro). 

Para coñecer o contido das maletas dispoñibles, así como para realizar a SOLICITUDE ou coñecer o estada do RESERVA, débese acceder a esta APLICACIÓN DAS MALETAS VIAXEIRAS, que se mantén desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares

Clicando sobre a imaxe dunha maleta en concreto, accédese ao seu contido. Na maioría dos casos, hai tamén un documento con bibliografía e recursos complementarios. Velaquí o caso da maleta MATEMÁTICAS A (Secundaria).

Clicando no apartado RESERVA de cada unha das maletas, accédese ás INSTRUCIÓNS e ao FORMULARIO para realizar a solicitude

As maletas pódense solicitar en préstamo temporal de 15 días 30 días, ampliable se non houbese máis solicitudes pendentes. O traslado destes materiais é de responsabilidade do centro solicitante, que debe recoller e entregar na localización da maleta (en principio, a propia Asesoría de BE). 

 

V Xornadas de bibliotecas escolares

Está aberto en FPROFE o prazo de inscrición para as V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, que se organizan para os vindeiros 7 e 8 de novembro de 2014, en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). 

Retómase así esta cita anual do profesorado máis interesado no ámbito das bibliotecas escolares, a lectura e o traballo por competencias desde e coa biblioteca escola; o profesorado que mantén a xestión das bibliotecas nos centros ou precisa para exercer a súa función docente destes instrumentos esenciais para o desenvolvemento do currículo e a formación integral do alumnado.

O programa destas V Xornadas de  Bibliotecas Escolares de Galicia contará con experiencias moi variadas nas que a biblioteca ten un papel protagonista (lectura e alfabetizacións múltiples, traballo coas matemáticas, proxectos interdisciplinares), e coa presencia de expertos en áreas imprescindibles á hora de avanzar no campo das bibliotecas como a profesora Mónica Baró (referencia fundamental no ámbito das bibliotecas escolares desde a Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universitat de Barcelona). Pola súa parte, Javier Guallar  (profesor de documentación e de comunicación en varias universidades e editor da revista EPI, El profesional de la Información , co autor do libro "El content curator" e do blogue "Los content curators" ) introduciranos na "curación" de contidos nas bibliotecas. As xornadas iniciaranse coa conferencia do escritor Ricardo Gómez, autor de varios títulos de ficción e de divulgación nos que as matemáticas están moi presentes. Pechará estas V Xornadas o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona, Jose Manuel Pérez Tornero, director do Gabinete de Comunicación e Educación nesta universidade, experto e consultor da UNESCO e da Unión Europea en materia de alfabetización informacional e mediática. Entre outras actividades, estas xornadas incluirán a presentación do informe do Consejo de Cooperación Bibliotecaria sobre "Prospectiva das bibliotecas 2020: As dez áreas que máis van cambiar nas nosas biblitoecas nos próximos anos". En breve difundirase o programa completo. 

O prazo de inscrición nestas xornadas remata o vindeiro 12 de outubro

A biblioteca escolar con acentos do sur


Desde o Programa de Lectura y Bibliotecas escolares  de Andalucía, e concretamente desde a Delegación Territorial de Málaga, chéganos esta campaña de difusión sobre os beneficios da biblioteca nos centros, a través dun vídeo titulado Bibliotecas Escolares de Andalucía al servicio de la comunidad educativa. Hai tempo que Andalucía e Galicia comparten obxectivos e traballan pola dignificación das bibliotecas escolares e, finalmente, pola mellora e actualización da educación que se imparte nos centros. 
Neste comezo do curso cómpre lembrar experiencias coma estas, recollidas tamén en formato vídeo na sección Biblio-Videoteca desta páxina. 

Convocatoria en apoio dos Clubs de lectura para o curso 2014/2015

O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que, con data 15 de setembro, busca incentivar o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos, de titularidade da consellería, que acollan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxima especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas e outras). 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de outubro de 2014. 

 

TEXTO DA CONVOCATORIA

Imaxe: club de lectura no CPI José García García (Ourense)

Resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015

Bibliotecas escolares de GaliciaPublicado no DOG do martes 9 de setembro de 2014 a Orde do 1 de setembro de 2014 a resolución definitiva dos centros que forman parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares para este curso 2014/2015.

Nesta ocasión son 550 os centros integrantes do Plambe o que significa un aumento de 26 con respecto aos centros do curso pasado.

 

 

Bibliotecas escolares de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no contexto das actuacións do PLAN LÍA de bibliotecas escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), publica cada ano uns carteis divulgativos que pretenden facer visible as distintas posibilidades da biblioteca escolar como apoio ao desenvolvemento do currículo e como instrumento fundamental para a formación das persoas lectoras. 

O lema elixido para este curso 2014/2015, Biblioteca escolar... matemático!!!, salienta o papel imprescindibe da biblioteca escolar nos centros educativos e busca espertar, ao tempo, o interese polas matemáticas. A ilustración corresponda á interpretación que deste lema fixo David Pintor

+ información

Biblioteca escolar... matemático!!!

 

 

 

 

Biblioteca escolar... matemático!!! é o lema elixido este ano para o cartel da campaña de comezos de curso nas bibliotecas escolares galegas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa así a liña iniciada no pasado curso, coa que se pretende incidir na función da biblioteca como apoio ás necesidades das distintas áreas de aprendizaxe. Nesta ocasión, o lema xoga a salientar o papel imprescindible da biblioteca escolar e, ao tempo, quere lembrar a necesidade de espertar o interese polas matemáticas, achegándose a elas de forma natural e incitando a descubrir a súa presenza na natureza e nos obxectos que nos rodean. 

O ilustrador David Pintor foi o encargado de poñer imaxe ao lema desta campaña e velaquí a súa interpretación: unha biblioteca matemática polos catro costados, chea de vida e ben ilustrativa do que este espazo educativo pode ofrecer ao noso alumnado. 

Existen xa interesantes experiencias en bibliotecas escolares galegas que contemplan entre as súas actividades propostas concretas arredor das matemáticas. Agardamos que esta  nova iniciativa sirva para apoiar novas propostas e favoreza unha maior presenza desta área do coñecemento nas bibliotecas escolares e no día a día dos centros. 

 

 ACCESO AO CARTEL

Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa biblioteca escolar. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica, nesta data de inicio do ano escolar, as INSTRUCIÓNS de 1 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2014/2015, e que afectan a todos os centros docentes de niveis non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

ACCESO Á PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO 

ACCESO AO TEXTO DAS INSTRUCIÓNS

Informe Proxecto Kamishibai (2012-2014)


Neste vídeo podemos ver a nenas e nenos de 1º B do CEIP Frián-Teis, de Vigo, empregando o kamishibai para a presentación dun dos seus traballos de investigación, neste caso sobre a historia do Rainbow Warrior, a compañeiros seus do cuarto curso de primaria, un bo exemplo das posibilidades deste teatriño xaponés.

Trala recollida de valoracións dos 15 centros que participaron  no Proxecto Kamishibai no periodo 2012-2014, presentamos un breve infome sobre as posibilidades do kamishibai nas bibliotecas escolares e nas aulas. 

Entre as conclusións que se extraen das valoracións do profesorado destacamos: "O kamishibai é valorado claramente como un recurso moi útil para as actividades de expresión oral, narracións e recitais dentro da biblioteca escolar. Da mesa forma, considérase un recurso útil para a realización de actividades de expresión plástica e artística. Favorece o traballo e os intercambios colaborativos". Un 80% dos equipos de biblioteca consultados (usuarios do kamishibai), valoran positivamente o kamishibai como recurso para a adquisición de competencias básicas. 

  • "Aprenderon a sintetizar o texto nun só debuxo con trazos moi sinxelos"
  • "É un bo recurso para a atención á diversidade"
  • "Permite traballar distintas competencias de forma diferente"
  •  "Permite mellorar a competencia en comunicación lingüística desde a creación dos propios textos ata a posta en escea traballando a lectura expresiva".

ACCESO AO INFOME COMPLETO

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015

Publicada no Portal Educativo a relación de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015, segundo resolución provisional contemplada na convocatoria (Orde de 25 de marzo de 2014, DOG de 10 de abril). Son 26 os novos centros seleccionados entre os 159 solicitudes presentadas. Este número poderá incrementarse no caso de renuncias ou baixas, tal e como estaba previsto na convocatoria. Desta forma, o programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unniversitaria integrará no curso 2014/2015 un total de 550 centros educativos. A resolución definitiva publicarase no mes de setembro no DOG, con detalle das asignacións destinadas a todos estes centros, trala valoración das memorias preceptivas do curso 2013/2014.

Publicados novos artigos nas sección de Bibliotecas escolares de Eduga

Publicado número 67 da revista Eduga indicamos a continuación a relación de artigos da sección de Bibliotecas

Nesta ocasión podemos atopar entre as diferentes seccións da revista (Biblioteca, Boas prácticas e Hora de ler) unha ampla relación que conforman estes 19 artigos de diferentes centros onde a biblioteca escolar está funcionando de forma activa e así nolo reflexan a través das súas experiencias.

Por ter sido o lema deste curso "Ler ciencia na Biblioteca escolar" podemos observar como varios destes artigos fan referencia directa a esta temática. Tamén contamos con artigos sobre o interesante recurso que é o Kamisibai, aspectos pedagóxicos tan importantes como a avaliación, os proxectos documentais de investigación e outras numerosas experiencias como as que xorden nos clubs de lectura.

TítuloCentroConcelloProvincia
A arte que nos rodea CEIP de CervoCervoLugo
A biblioteca democrática, unha biblioteca para todos IES de VilalongaSanxenxoPontevedra
A biblioteca e o proxecto de investigación documental O mar CEIP Plurilingüe MontemogosBueuPontevedra
A lingua sabe a pan CEIP Plurilingüe Frián-TeisVigoPontevedra
As TIC na biblioteca como motor de cambio CEIP A PonteLugoLugo
Clubs de lectura en primaria. Unha experiencia de lectura compartida CEP Xosé María Brea SegadeRianxoA Coruña
Da biblioteca escolar á escola bibliotecaria CEIP MilladoiroMalpica de BergantiñosA Coruña
De ciencia, con ciencia e para a ciencia CPI de San SadurniñoSan SadurniñoA Coruña
Fomentando a lectura de prensa desde a biblioteca IES Gregorio FernándezSarriaLugo
Lecturas compartidas IES Poeta Díaz CastroGuitirizLugo
Matemáticas, ciencia e tecnoloxía desde a biblioteca IES Pazo da MercéAs NevesPontevedra
Microrrede da Mariña, dinamizando as comunidades educativas a través da literatura 
O kamishibai, recurso versátil e dinámico da nosa biblioteca CEIP de OímbraOímbraOurense
Proxectos interdisciplinares e biblioteca IES Alexandre BóvedaVigoPontevedra
Quen somos? De onde vimos? A onde imos? CEIP Plurilingüe da RibeiraO PorriñoPontevedra
Recursos dixitais de apoio á lectura 
Traballo colaborativo entre bibliotecas escolares IES David BujánCambreA Coruña
Unha experiencia poética, na aula e máis alá da aula 
Unha traxectoria a prol da lectura CPI Luís Díaz MorenoBarallaLugo

Total: 19

Lendo ciencia no IES de Ponteceso


Desde o departamento de Bioloxía do IES de Ponteceso e, máis concretamente, desde a asignatura de Ciencias pra o Mundo Contemporáneo, chéganos esta presentación de libros lidos polo alumnado no curso 2013/2014. Neste enlace podemos atopar maior información: CIENCIAS MUNDO CONTEMPORÁNEO
A ciencia nas mans dos mozos e mozas demostra unha vez máis que cando estes son acompañados debidamente, con coñecemento e intención educadora, len moito e len o que se tercie, mesmo que sexa ensaio (ese do que tantos adultos fuxen a cotío). Parabéns á profesora Isabel Segura polo seu empeño en facer da divulgación científica entre o alumnado unha realidade.

Biblioteca e ciencia, proxectos compartidos

FEIRA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA on PhotoPeach


Un exemplo de traballo colaborativo entre a biblioteca escolar e os departamentos de ciencias, desde o IES Blanco Amor, de Ourense.

Lecturas para o verán 2014

 

Van chegando as recomendacións de lectura para o verán que elaboran as bibliotecas escolares galegas. Estas guías de lectura, diversas en forma e contido, supoñen unha ferramenta esencial para as persoas mediadoras, e dan fé do excelente traballo dos equipos de biblioteca dos centros, ofrecendo títulos de libros ou películas, referencia electrónicas ou musicais para toda a comunidade educativa. En conxunto, son un instrumento ao servizo da lectura no noso país, porque detrás destas recomendacións están outras prácticas de gran interese como os préstamos especiais para o verán ou os intercambios bibliotecarios coas bibliotecas públicas municipais de referencia. Velaquí o que o colectivo das bibliotecas escolares recomenda para este periodo vacacional: 

 

VII Xornada dos Clubs de Lectura

 
O vindeiro 6 de xuño reuniranse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas, escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música. Arredor de 215 mediadores de lectura, comprometidos coa formación do seu alumnado e coa construción dunha sociedade lectora.

Ao abeiro da convocatoria de axudas a Clubs de lectura deste curso 2013/204, recibiron apoio un total de 209 centros, que contan na súa meirande parte con varios grupos de lectura. Un mínimo dun 25% destes centros teñen tamén un grupo de lectura de adultos, nos que participa profesorado, nais e pais e persoal non docente.

A VII Xornada dos Clubs de lectura servirá para afondar no coñecemento do papel do mediador e no perfil dos lectores que conforman estes grupos de interese arredor da lectura, os libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Haberá tempo para debates arredor de temas como as narrativas transmedia, os clubs de lectura para adultos, en contexto educativo, os clubs temáticos en función dos xéneros ou as disciplinas e, tamén, as posibilidades desta fórmula para traballar a lectura co alumnado de necesidades educativas específicas. Acompañarán ao profesorado participante o especialista en temas de lectura, Luis González, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o escritor Pedro Feijoo.

III Día da Arte Galega na Escola, nas bibliotecas da Mariña luguesa

Trala primeira convocatoria desde a biblioteca do CEIP de Cervo, van xa tres cursos nos que os centros da Mariña de Lugo (e algúns outros espallados por toda Galicia) veñen celebrando o Día da Arte Galega, arredor da data do 1 de xuño, no que se conmemora o nacemento do artista galego Luís Seoane. Cada centro acomoda a celebración aos seus proxectos anuais e contactan con artistas da zona (pintores, fotógrafos, escultores...) para que as nenas e os nenos coñezan de preto o seu traballo e poñer así en valor a creatividade máis próxima. Desta vez, no CEIP de Cervo adicaron este día (e o traballo previo) á fotografía. Podemos ver imaxes e unha pequena crónica no seu blog. 

Iniciouse a Xornada do Voluntariado de Lectura no CRD da Coruña, en Culleredo

 

Os alumnos e alumnas  de Voluntariado de lectura-A, dos centros seleccionados para pasar unha semana no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo), chegaron a última hora da mañá ás instalacións que lles servirá de base esta semana para unhas xornadas de convivencia arredor dos valores relacionados coa solidariedade, o voluntariado e o traballo colaborativo. Déronlle a benvida o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos (de onde parte esta iniciativa, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado), así como a Subdirectora Xeral de Centros e a Directora do CRD da Coruña. O alumnado, procedente do CEIP José María Lage (Ortigueira), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Filomena Dato (Barbadás) e do CEIP Manuel Sieiro (Crecente) participou, trala comida inicial, dunha tarde adicada aos xogos cooperativos e a aprender os rudimentos da Lingua de Signos. No segundo día destas xornadas de convivencia teñen prevista unha visita ás instalacións da Cruz Vermella, de A Coruña, con participación en obradoiros diversos, e xa pola tarde, terán oportunidade de presentar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades de Voluntariado de lectura que levaron a cabo na biblioteca escolar e en actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro, polas que foron seleccionados. 

+ INFORMACIÓN

Voluntariado de lectura-A: centros seleccionados.

 

O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.

Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.

Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014,  recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.

 

Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - IV


 Paco Nogueiras canta ao poeta Díaz Castro

  • O grupo Fuxan os Ventos súmase á celebración do Día das Letras con esta versión do poema Penélope, de Díaz Castro, que poñen a disposición de todas as persoas interesadas na súa páxina de facebook
  • O profesor de música do CEIP Fernández Latorre de A Coruña musicou o poema Esmeralda. Coñecémola a través do CEIP Milladoiro (Malpica) Canta unha alumna de 4º do CEIP Fdez. Latorre
  • Esmeralda, en versión musical da profesora de música do IES Poeta Díaz Castro
  • Esa Lus, poema de Díaz Castro nas voces de alumns do IES Poeta Díaz Castro 
  • Nimbos, en versión de 2naFronteira
  • Penélope, na versión do alumnado do IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)  

Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - III

Recompilamos aquí diversos materiais elaborados e difundidos desde os centros educativos galegos e as súas bibliotecas escolares, para conmemorar o Día das Letras Galegas 2014, relacionados co poeta Xosé Mª Díaz Castro.

 


 

Esa lus, canción para Díaz Castro desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz