"Como facer un traballo monográfico". Materiais para a competencia informacional desde a biblioteca escolar.

COMO FACER UN TRABALLO MONOGRÁFICO


A biblioteca escolar do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra) elaborou esta presentación como material para aprender a realizar un traballo, destinada ao alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria. Simple e ben documentada, é un material que pode ser empregado para a educación documental desde a biblioteca escolar.

Apertas pola Paz, Radio Patio pola Paz, Xogos Pacíficos, xornada de convivencia...

Apertas pola paz no IES Lagoa de AntelaÁ formación dos máis novos nunha Cultura de Paz esixe romper esquemas, rachar inercias e chamarlle ás cousas polo seu nome. As biblitoecas escolares galegas lideran nos centros iniciativas que procuran unha educación en valores sen paliativos, unha educación de cidadáns activos con capacidade para sentir, para pensar, para expresarse e actuar. Algúns exemplos de actividades levadas a cabo nesta semana a cabalo entre xaneiro e febreiro nos centros galegos:

30 de xaneiro: Día Escolar pola Paz - 2012

Unha das datas do calendario civil que máis oportunidades ofrece para a educación en valores é o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, que se vén celebrando o 30 de xaneiro en conmemoración da morte de Mahatma Gandhi. As bibliotecas escolares acostuman difundir listados de libros e outros materiais que poden apoiar ao profesorado no tratamento de contidos propios da cultura de Paz, tan necesaria. Velaquí algúns exemplos:

Na páxina do Seminario de Educación para a Paz pódense atopar máis informacións, materiais e propostas.

IV Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Spiderman e Batman na Biblioteca do IES Perdouro de BurelaNo IES PERDOURO de Burela (Lugo) deron comezo os IV Encontros de Banda Deseñada na Mariña, unha cita xa ben asentada na dinámica do centro, con ampla repercusión na comarca. Estes encontros, organizados conxuntamente pola Biblioteca do centro e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, implica a todo o profesorado e alumnado do centro e conta coa colaboración do concello de Burela. Podemos ver imaxes do acto de inauguración que tivo lugar na biblioteca o día 18 de xaneiro, á hora do recreo, no blog dos encontros BANDA DESEXADA.

En palabras dos organizadores, os encontros pretenden, por un lado, a posta en coñecemento do apaixoante mundo do cómic e, por outro, dinamizar a vida da Biblioteca, xa que o cómic é un bo recurso para fomentar a lectura entre o máis novos. A adquisión de moitas obras novas para os fondos da Comiteca posibilita a consulta e a lectura de calidade, o que fai que o noso alumnado mostre interese por este tipo de obras.
Ademáis das actividades programadas (obradoiros, encontros, exposicións, proxeccións de películas...), a biblioteca do IES Perdouro convoca un concurso de creación de banda deseñada, con tres categorías: ata 13 anos, de 14 a 18 anos e unha categoría aberta. Pódense consultar as BASES no blogue dos encontros. O prazo de presentación de orixinais remata o 20 de marzo de 2012.

Bibliotecas escolares de Galicia, espazos ALFIN

O portal ALFARED, dedicado á difusión de actividades relacionadas con Alfabetización Informacional, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (Secretaría de Estado de Cultura), vén de publicar un dosier monográfico sobre Alfabetización Informaciónal que inicialmente ía ser publicado na revista, tristemente desaparecida, Educación y Biblioteca. O dosier titulado "Veintitantas experiencias ALFIN y una canción esperanzada", recolle principios básicos de ALFIN y experiencias concretas en distintos ámbitos (biblioteca pública, biblioteca universitaria, biblioteca escolar). As bibliotecas escolares galegas protagonizan este último ámbito, a través do artigo Bibliotecas escolares de Galicia, espacios ALFIN poco a poco.

Ás portas do Aninovo

Todo un ano por diante para traballar polas bibliotecas escolares e a lectura. Que veñan ben dadas!!!

Clubs de lectura 2011/2012. Resolución da convocatoria

O Portal Educativo da Consellería de Educación e O.Universitaria, publica a Resolución de 30 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se adxudican contías para o funcionamento de CLUBS DE LECTURA, para o curso 2011/2012, ao abeiro da convocatoria de 1 de setembro. En total, reciben axudas 215 centros públicos que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de Persoas Adultas, Ensinanzas de Réxime Especial.

RESOLUCIÓN

CEIP A Lama, 1º premio nacional de boas prácticas 2011

No BOE do 20/12/11 a Secretaría de Estado de Educación fai pública a resolución do concurso nacional de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2011. Lembramos os centros galegos que recibiron galardón na convocatoria deste ano:

Parabéns, unha vez máis, a todas as comunidades educativas que ven recoñecidos así os seus esforzos por facer posible esas pequenas utopías que son as bibliotecas escolares. Reproducimos do BOE a explicación do primeiro premio, que resulta signnificativa:

En la modalidad a) correspondiente a los Centros de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Especial y Educación de Personas Adultas los siguientes premios:

Un primer premio dotado con 14.000 euros al centro: CEIP A Lama, de A Lama (Pontevedra), por haber convertido la biblioteca en un recurso de primer orden al servicio del currículum y del proyecto educativo del centro, favoreciendo el desarrollo de las competencias básicas a través de un espacio multimedia bien organizado, gestionado y adaptado a las necesidades de la comunidad escolar.

Recomendacións de lectura para tempos fríos: Nadal 2011

Achégase o final de ano e con el o tempo de Nadal. As bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas recomendacións de lecturas para estas datas: seleccións de títulos recentes e outros non tanto, que hai moito bo que recuperar para os lectores máis novos. Libros, cine, música... porque as lectoras, os lectores, que medran en contacto coas diversas manifestacións da cultura desenvolven maiores capacidades de comprensión dos textos, teñen máis recursos cos que enfrentarse ás novas aprendizaxes. Porque a ler se aprende lendo, velaquí algunhas propostas: 

 

Felicitación de Nadal desde o IES As Barxas


Untitled from edu plastica on Vimeo.

As bibliotecas escolares ofrecen oportunidades múltiples á hora de alfabetizar ao alumnado na cultura audiovisual. Son xa moitos os centros que aproveitan estas posibilidades no seu empeño por formar a mozos e mozas nas linguaxes da imaxe e dos medios audiovisuais, a través dos obradoiros de imaxe e a produción de curtas. Velaquí un exemplo desde o IES As Barxas (Moaña), unha colaboración entre a biblioteca e o Departamento de Plástica.

Memorias dun neno labrego na voz dos mozos e mozas do IES Pino Manso


Durante o curso 2010/2011, os mozos e mozas xunto ao profesorado do IES Pino Manso, de O Porriño, foron grabando pequenos vídeos coas súas lecturas de MEMORIAS DUN NENO LABREGO. Balbino cobra vida a través deles e bota a correr polos camiños de hoxe, porque aínda temos moito que aprender canda el. A biblioteca escolar deste centro marcou así unha pista para futuras iniciativas, ben interesante.  Pódense ver todos os vídeos neste ENLACE

6 premios para as bibliotecas escolares galegas no Concurso Nacional de boas prácticas 2011, do Ministerio de Educación.

O Ministerio de Educación vén de comunicarlle á esta consellería que no Concurso Nacional de boas prácticas na xestión e dinamización das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011, acadaron galardón seis bibliotecas escolares desta comunidade. Por segundo ano consecutivo, o primeiro premio na modalidade de ensino infantil e primario é para un centro galego. Velaquí a relación de centros premiados:

Parabéns ás comunidades educativas destes centros polo esforzo realizado, e polo recoñecemento que estes premios supoñen á profesionalidade e o compromiso do profesorado que pon en marcha e mantén estas bibliotecas, estes espazos educativos de primeiro nivel. As nenas e os nenos que se forman nelas como lectores e como cidadáns, ben o merecen.

Dúas bibliotecas escolares galegas nos VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Extremadura

Unha vez máis, a Consejería de Educación de Extremadura inclúe no programa das súas xornadas de bibliotecas escolares a experiencia de bibliotecas de centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares de Galicia. Nestas VII Jornadas sobre Bibliotecas Escolares de Extremadura, a celebrar en Cáceres o día 30 de novembro, van participar dúas bibliotecas:

As bibliotecas escolares galegas celebran esta excelente representación do traballo que, a cotío, se realiza en centros educativos da nosa comunidade.

 

Marco de referencia para as bibliotecas escolares.

No contexto do pasado congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Santiago de Compostela, o Ministerio de Educación distribuíu entre os asistentes e fixo a presentación do "Marco de referencia para las bibliotecas escolares", documento elaborado no seo da Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares (que está integrada á súa vez no Consejo de Cooperación Bibliotecaria), da que forman parte representantes do Ministerio e das distintas CCAA que traballan en materia de bibliotecas escolares e lectura nas respectivas consellerías. Tal e como se di na introdución deste documento, "el Ministerio de Educación ha creído conveniente elaborar unas orientaciones dirigidas a todos los miembros de la comunidad escolar, especialmente a los responsables de las políticas educativas y a cuantos técnicos y asesores docentes deben poner en marcha, asesorar o evaluar las bibliotecas de cada centro".

Este "documento de Santiago" presenta o modelo de biblioteca escolar que precisa o actual sistema educativo, sinala as condicións básicas para o seu correcto funcionamento e os ámbitos de actuación que, desde a biblioteca escolar, permiten o desenvolvemento de metodoloxías activas. Pode ser un instrumento para a formación dos integrantes dos equipos de biblioteca, para a orientación das comunidades educativas á hora de analizar a situación da súa biblioteca escolar e de planificar melloras na práctica xa iniciada. Xunto coa guía para a autoavaliación da biblioteca escolar, Bibliotecas escolares, ¿entre interrogantes?, tamén presentada no seo do congreso, constitúe unha equipaxe valiosa para quen, desde distintos postos e ámbitos de actuación, está interesado polas bibliotecas escolares e a calidade da ensinanza nos centros.

Outras referencias na Rede:

Unha biblioteca de outono: formación de usuari@s e Samaín.


Son moitos os centros escolares que están xa empregando os recursos audiovisuais co seu alumnado, dunha forma activa. Velaquí un exemplo de producíón propia coa colaboración do alumnado que ilustra a vida cotiá dunha biblioteca escolar, neste caso, a do IES de Ponteceso (A Coruña). Os rapaces e rapazas de 1º de ESO participan nunha sesión de formación de usuari@s; tamén podemos asistir á lectura de contos de medo, co gallo do Samaín. Un exemplo da actividade deste centro e unha iniciativa de "documentación" da actividade da biblioteca que resulta de gran interese.

Bibliotecas escolares galegas

Bibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Este vídeo foi rodado en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares de diferentes recunchos de Galicia, e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de Educación.
As imaxes exemplifican a distribución de espazos nas novas bibliotecas, e algunhas das actividades que o alumnado realiza nelas día tras día.

 

"Bibliotecas escolares, ¿entre interrogantes?"

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez, a través do portal especializado en lectura LECTURA LAB, vén de publicar a guía para a autoavaliación das bibliotecas escolares, que se presentara hai uns días no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito. Inés Miret, Inmaculada Vellosillo, Teresa Mañá e Mónica Baró son as autoras desta ferramenta, "Bibliotecas escolares, ¿entre interrogantes?", que pretende facilitar ás comunidades educativas radiografiar as súas propias bibliotecas, contribuír á mellora da súa práctica neste ámbito, e potenciar o uso destes recursos educativos, en beneficio dunha educación máis adaptada ás necesidades do alumnado actual. Éste material publícase coa colaboración do Ministerio de Educación.

Biblioteca escolar, última xeración

Achégase o mes de outubro e as bibliotecas escolares están xa inmersas en proxectos e actividade. Por moi escuro que sexa o futuro, sen dúbida está aí, chamando á porta, e as bibliotecas han estar preparadas e adiantarse un paso, sen deixar de soñar.

Para celebrarmos o Día da biblioteca (24 de outubro), o mes da biblioteca escolar (segundo convocatoria da IASL), un curso máis, a Consellería de Educación edita un cartaz cunha imaxe dun autor galego. Nesta ocasión, Emma Ríos, ilustradora do mundo do cómic, interpreta o lema proposto, Biblioteca escolar, última xeración, e ofrécenos unha visión alegre e cómplice do que son e poden ser as bibliotecas escolares: lugares de encontro e de convivencia, espazos de aprendizaxe e de contacto gozoso coa cultura escrita; integración dos distintos soportes e formatos que albergan a información e os contidos culturais, oportunidades para soñar e imaxinar; apoio para a adquisición de competencias básicas e construción de coñecementos de calquera tipo; escolas de cidadanía.

+ información sobre EMMA RÍOS no portal Banda Deseñada, do Consello da Cultura Galega.

+ Emma Ríos na Wikipedia

Formación de usuari@s na biblioteca CEIP de Pedrouzos (Brión, A Coruña)

 
Desde a biblioteca do CEIP de Pedrouzos (Brión), achégannos un enlace á súa aula virtual onde podemos entrar como convidados e coñecer un material de formación de usuarios, feito coa ferramenta LIM e que exemplifica o tipo de actividades que se poden levar a cabo desde a biblioteca, coa finalidade de desenvolver no alumnado habilidades específicas para o uso das fontes informativas e dos recursos que esta pode ofrecer. Agradecemos a xenerosidade do equipo da biblioteca poñendo a disposición de todos esta ferramenta.

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

logo de Bibliotecas Escolares de GaliciaO DOG do 13 de setembro publica a Orde de 1 de setembro pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, para o curso 2011/2012. Incorpóranse 84 novos centros a este programa, que se iniciara no curso 2005/2006 co obxectivo de impulsar a renovación e a actualización das bibliotecas dos centros de ensino non universitario. Actualmente integran o Plan de mellora de b.e. un total de 449 centros públicos, de distintos niveis de ensino.

RESOLUCIÓN

Lembrando a IV Xornada dos Clubs de Lectura


Vídeo resume da IV Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 10 de xuño.

+ INFORMACIÓN e MATERIAIS