Aquí unha biblioteca, aquí unha ministra. Un acto a prol das bibliotecas escolares.

Esta mañá de novembro a biblioteca do CEIP Bispo Guerra Campos recibiu a visita da Conselleira de Educación do goberno galego e da responsable do Ministerio de Educación, nun acto académico destinado a poñer en valor as bibliotecas escolares, tomando como escusa a sinatura da addenda 2008 ao convenio para a mellora das bibliotecas escolares polo que, desde o ano 2006, veñen colaborando ámbalas dúas administracións.

A TVG fíxose eco deste acto, ao que acudiron numerosas autoridades educativas e civís, que tiveron ocasión de escoitar (acaso por vez primeira algunhas delas, de forma tan específica) discursos centrados na importancia das bibliotecas escolares para unha educación de calidade e na educación lectora do alumnado. Estiveron presentes, ademáis do profesorado do centro anfitrión,  profesorado dalgunhas bibliotecas do "Plan de mellora de bibliotecas escolares" e, tamén, as asesoras  de bibliotecas escolares, tanto dos servizos centrais da consellería como da rede de centros de formación do profesorado. Os momentos finais do acto serviron para un encontro informal con todos estes profesionais que veñen traballando a prol da renovación e a visibilidade das bibliotecas escolares galegas, así como a dignificación do profesorado que as xestiona e dinamiza.