II Seminario ALFIN: Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía

Os días 22 e 23 de xaneiro celebrouse en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) o II Seminario: Biblioteca, aprendizaje y ciudadanía. Prácticas y experiencias de alfabetización informacional, tres anos despois do I Seminario ALFIN, celebrado en Toledo, e que dera lugar á Declaración de Toledo sobre Alfabetización Informacional. Nesta ocasión, ademáis do Ministerio de Cultura, organizaba o Col-legi oficial de Bibliotecaris-Documentalistes de Catalunya e o Departament de Cultura i Mitjans de Comunicació de la Generalitat de Catalunya. Alí estiveron tamén as bibliotecas escolares galegas.

Nas conclusións do seminario podemos ler un apartado dedicado á articulación de ALFIN (alfabetización informacional) no contexto escolar:

  1. A complexidade e sobreabundancia de información, así como os perigos dun uso incompetente desta, xustifica a necesidade de desenvolver esta competencia nas etapas educativas.
  2. A biblioteca escolar é imprescindible no desenvolvemento das competencias para a aprendizaxe polo que a ALFIN debe ser parte do proxecto educativo de cada centro escolar.
  3. Cómpre facer evidente que a competencia informacional  facilita, contribúe e axuda na consecución das competencias básicas e o conxunto dos contidos curriculares.
  4. O profesorado debe favorecer escenarios e propiciar espazos de traballo colaborativo que conduzan á aprendizaxe da competencia informacional.
  5. Os plans de fomento da lectura e o traballo baseado en proxectos de investigación poden ser escenarios para a sistematización e a corresponsabilidade no proceso de aprendizaxe da competencia informacional.