Rosalía de Castro... vive nas bibliotecas escolares galegas

Unha das datas do "calendario da lectura" en Galicia é o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Calquera momento do ano é bo para achegarse á escritora, pero na Biblioteca Escolar do CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela-Redondela (Pontevedra), aproveitan para recompilar materiais e realizar propostas ao alumnado, abrindo novas vías para dar a coñecer a súa obra. Elaboraron unha guía que titulan RABUÑANDO CANTARES na que podemos atopar as distintas edicións dos libros de Rosalía que poden resultar máis próximos ás nenas e aos nenos, así como discos de diferentes autores que versionaron os seus poemas ou lle dedicaron as súas creacións. Contén propostas de actividades para os distintos ciclos de ensino infantil e primaria e unha selección de recursos electrónicos para ampliar a mirada sobre esta autora clave da nosa literatura e do noso universo cultural, polo que é tan necesario axudar a camiñar aos máis novos, ás máis novas. Parabéns á "caracola Tola" e a todo o seu equipo.  

A biblioteca do IES SAN PAIO, de Tui (Pontevedra) preparou tamén materiais específicos en relación con ROSALÍA DE CASTRO e a conmemoración do día 21 de febreiro  do Día Internacional da Lingua Materna.