Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015

O DOG do 10 de abril de 2014 publica a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015, destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Trátase da décima convocatoria dun programa polo que se estimula a renovación das bibliotecas escolares de cara á que cada centro conte cunha biblioteca que poida exercer as funcións que o sistema educativo e a sociedade de información demandan: un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe; pero tamén un espazo de encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa, no que poder medrar e formarse como lectores e como usuarios da información. Bibliotecas que apoian a alumnado e profesorado en todos os procesos de aprendizaxe que se levan a cabo ao longo do curso escolar, que facilitan recursos variados e actualizados; favorecen a adquisición de competencias clave para o alumnado (lectura, aprender a aprender, competencia dixital, competencia informacional....); ofrecen formación específica para o uso e produción de información, e posibilitan o acceso a actividades culturais diversas como presentacións de libros, recomendacións, recitais, lecturas compartidas, clubs de lectura, etc. As modernas bibliotecas escolares son tamén laboratorios de ideas e espazos de experimentación no que alumnado, profesorado e familias poden compartir inquedanzas, formación e lecer e nas que a cultura impresa e a cultura dixital se integran de forma natural. O empeño de profesorado, os recursos, as orientacións, a difusión das boas prácticas e a formación permiten avances neste programa, incluído no PLAN LÍA  (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares da consellería.  

Os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2013/2014 deben solicitar a continuidade no programa, se así o desexan. Os centros que aspiren a formar parte do PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) poderán, así mesmo solicitalo con data límite do 10 de maio (incluído). Recoméndase en ámbolos dous casos unha lectura detallada da orde de convocatoria.