Educación documental

"Caderno de bitácora". Materiais do IES Pedras Rubias para a competencia informacional.

Desde o IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas (Pontevedra), achégannos un excelente material para traballar a competencia informacional co alumnado, froito dun Grupo de Traballo que se desenvolveu no centro ao longo do curso 2011/2012.  Segundo nos conta a responsable da  biblioteca o título que lle deron a este material está ben xustificado: A  nosa unidade trata de solucionar a educación documental dixital, a través dunha especie de "Caderno de bitácora" no que guiarse para aprender buscas na Rede, distinguir páxinas fiables, etc. En definitiva, a tan nomeada e necesaria alfabetización dixital. ACCESO a "Caderno de Bitácora". Educación documental dixital.

Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade

Segundo se achega a data do 17 de maio vanse multiplicando as actividades nos centros educativos, a maioría das veces froito da colaboración entre os equipos de Biblioteca, Normalización Lingüística e TIC, un bo exemplo de que a integración dos distintos programas existentes no centro é o camiño a seguir.

Boa mostra disto son os materiais que recolle a Secretaría Xeral de Política Lingüística no repositorio de actividades sobre a figura de VALENTÍN PAZ ANDRADE co gallo da celebración do Día das Letras 2012, e que a meirande parte corresponde a actividades xurdidas de programacións conxuntas en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (CEIP ADR Castelao (Rianxo, A Coruña), CEIP A Ponte (Lugo), CEIP dos Dices (Rois, A Coruña), CPI José García García (Ourense), CEIP Nosa Sra. de Xuvencos (Boborás, Ourense), CEIP de Rebordáns (Tui, Pontevedra), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense). Deste último centro é o libro interactivo sobre Valentín Paz Andrade da imaxe.

Preparando as Letras Galegas 2012


As mozas e os mozos do CPI dos Dices (Rois, A Coruña) están a traballar xa coa figura de Valentín Paz Andrade, preparando motores para a celebración do Día das Letras Galegas, e ofrecéndonos un documento excelente para achegarnos desde as aulas a este personaxe da cutlura galega. Parabéns a este grupo de "reporteiros" e ao profesorado que os estimula e guía,  polo seu traballo.

É obvio o gran traballo de documentación que hai detrás deste "informativo". E detrás, está tamén, de forma evidente, unha biblioteca escolar como centro de recursos para a  información e a aprendizaxe.

Velaquí outros traballos e actividades en distintos centros:

Formando usuarios da biblioteca escolar: CEIP Mestres Goldar

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de facilitar materiais que favorezan o desenvolvemento de habilidades de uso da información entre o alumnado do centro; un primeiro tramo nesa carreira de fondo que é a adquisición da competencia informacional, pasa por coñecer a biblioteca escolar e saber moverse por ela cun mínimo de seguridade, gañando así en autonomía e "aprendendo a aprender".

Velaquí un excelente exemplo, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo: un material a disposición da comunidade educativa para o traballo de competencias básicas.

 

 

Día Internacional da Muller, 8 de marzo 2012, nas bibliotecas escolares galegas.

moza lendo

(...)

ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco mil
apañando cozas e garabullos no medio do monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.  (...) Olga Novo

Coas palabras da poeta galega Olga Novo e unha imaxe, por fortuna moi común nos nosos centros, iniciamos unha breve recompilación dalgunhas das actividades que se levan a cabo nestes días nas bibliotecas escolares galegas, ou de materiais elaborados e difundidos por elas, para lembrar o moito que aínda queda por facer para acadar xustiza e igualdade:

"Como facer un traballo monográfico". Materiais para a competencia informacional desde a biblioteca escolar.

COMO FACER UN TRABALLO MONOGRÁFICO


A biblioteca escolar do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra) elaborou esta presentación como material para aprender a realizar un traballo, destinada ao alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria. Simple e ben documentada, é un material que pode ser empregado para a educación documental desde a biblioteca escolar.

Unha biblioteca de outono: formación de usuari@s e Samaín.


Son moitos os centros escolares que están xa empregando os recursos audiovisuais co seu alumnado, dunha forma activa. Velaquí un exemplo de producíón propia coa colaboración do alumnado que ilustra a vida cotiá dunha biblioteca escolar, neste caso, a do IES de Ponteceso (A Coruña). Os rapaces e rapazas de 1º de ESO participan nunha sesión de formación de usuari@s; tamén podemos asistir á lectura de contos de medo, co gallo do Samaín. Un exemplo da actividade deste centro e unha iniciativa de "documentación" da actividade da biblioteca que resulta de gran interese.

Formación de usuari@s na biblioteca CEIP de Pedrouzos (Brión, A Coruña)

 
Desde a biblioteca do CEIP de Pedrouzos (Brión), achégannos un enlace á súa aula virtual onde podemos entrar como convidados e coñecer un material de formación de usuarios, feito coa ferramenta LIM e que exemplifica o tipo de actividades que se poden levar a cabo desde a biblioteca, coa finalidade de desenvolver no alumnado habilidades específicas para o uso das fontes informativas e dos recursos que esta pode ofrecer. Agradecemos a xenerosidade do equipo da biblioteca poñendo a disposición de todos esta ferramenta.

"Un bosque para ler e navegar", ou como artellar un Proxecto Documental Integrado (PDI).

O 2011 foi declarado Ano Internacional dos bosques polos organismos internacionais. Esta circunstancia foi aproveitada por moitos centros escolares para centrar a súa actividade, nalgún momento do curso, no mundo dos bosques, desde destintos enfoques. Un exemplo de bo facer é este Proxecto Documental Integrado (PDI), Un bosque para ler e navegar, deseñado e desenvolvido durante todo o curso no CEIP Frián-Teis, de Vigo, coa participación de toda a comunidade educativa. Recomendamos unha visita aos distintos apartados deste traballo, apoiado pola biblioteca a través dos seus recursos informativos, porque ilustra estupendamente como se pode aprender e ensinar aproveitando fontes diversas, partindo do medio, do máis próximo e significativo para o alumnado, sumando forzas, creando vínculos entre os distintos sectores da comunidade escolar, integrando tecnoloxías tradicionais e dixitais... en definitiva, educando a alumnado actual con metodoloxías axeitadas, sen esquecer o importante: o dereito das nenas e dos nenos a aprender e a medrar como cidadáns activos.

UN BOSQUE PARA LER E NAVEGAR

Ver: Proxectos Documentais Integrados. Rosa Piquín. 2006

Selo "Buena práctica Leer.es" do mes de xullo para o CEIP A Lama

O centro virtual LEER.ES, do Ministerio de Educación, vén de conceder os seus "selos de boas prácticas" correspondentes ao mes de xullo. Novamente, unha biblioteca escolar galega acada esta distinción que vén recoñecer un traballo ben feito no ámbito da lectura e a innovación educativa. O CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra) desenvolveu este ano un PDI (Proxecto Documental Integrado) arredor do tema da auga. Lectura, investigación, aprendizaxe significativa, metodoloxías adaptadas ao alumnado, ás formas de aprender na sociedade da información, relación co medio, comunicación, interdisciplinariedade... entusiasmo, profesionalidade e aproveitamento dos recursos culturais e do medio. Parabéns ao profesorado responsable deste proxecto e á biblioteca escolar que lle dá apoio e soporte a este tipo de actividades.

Normas de uso da biblioteca no Frei Sarmiento de Pontevedra


Untitled from IES Frei Martín Sarmiento (Bibl on Vimeo.

No IES Frei Sarmiento, de Pontevedra, na estela do que xa fixeran no IES de Ponteceso (Ponteceso, A Coruña) e coa colaboración do Obradoiro de Imaxe do centro e dos rapaces  e rapazas de 3º de ESO, elaboraron este vídeo para difundir as normas de uso da biblioteca. "Maneiras de vivir" a biblioteca que benefician a tod@s.

Unha biblioteca escolar que se transforma: CEIP de Chans de Bembrive


Velaquí un vídeo que ilustra o proceso de transformación da biblioteca escolar en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao tempo que facilita a formación de usuarios e usuarias. Parabéns á comunidade educativa do CEIP Chans de Bembrive (Vigo, Pontevedra), pola súa nova biblioteca e polo seu traballo.

Formación de usuarios en clave de "lipdub" no IES Fontem Albei

 


A formación de usuarios e usuarias pódese facer de moitas maneiras, pero cando se aúna humor, participación, música, visibilidade e bo facer, o éxito está asegurado. Velaquí o primeiro "lipdub" dunha biblioteca escolar galega. Parabéns ao equipo de Biblioteca do IES FONTEM ALBEI (A Fonsagrada, Lugo), por esta iniciativa!

"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para,  ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas"

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 8 de marzo, unha das datas claves no calendario civil para a formación dos cidadáns, que son, os rapaces e rapazas do país, as bibliotecas escolares ofrecen oportunidades de aprendizaxe diferenciadas, nas que se aúna lectura e investigación, valores e sensibilidade, convicción e desexos de xustiza e de igualdade. A título de exemplo, algunhas destas actividades das que nos foi chegando noticia:

Aprender a usar a información e cultura de Paz desde as bibliotecas escolares

Achégase o 30 de xaneiro e moitos centros educativos fan xirar boa parte das actividades de aprendizaxe de lectura, escritura e tratamento da información arredor do tema da Paz. Esta data, aniversario da morte de Gandhi, foi declarado pola UNESCO Día Escolar pola Paz.  Comezan a chegarnos materiais elaborados desde as bibliotecas escolares con esta finalidade, que iremos difundindo a través desta páxina:

Bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe

Cada día, todos os días do curso, as bibliotecas escolares ofrecen recursos e oportunidades para a aprendizaxe: aprendizaxe guiada e, de forma paulatina, aprendizaxe autónoma. Velaquí dous exemplos de distintos niveis educativos: No CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña), as rapazas e rapaces dos distintos ciclos andiveron a investigar sobre as mulleres científicas e, logo de recoller información en distintas fontes, prepararon unhas "conferencias" para os seus compañeiros e compañeiras. Pódemos coñecer esta actividade no blog da biblioteca: HIPATIA (6º B) - MARIE CURIE (5º B)  - MARY ANNING (3º A) - SALLY RIDE (3º B) - ENHEDUANNA ( 2º)

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Un ano máis, chegado o mes de marzo, as bibliotecas escolares enfocan a súa actuación na conmemoración do Día Internacional da Muller, con finalidade educativa no amplo sentido do termo. A biblioteca do IES Río Cabe (Monforte de Lemos, Lugo) achéganos un dos seus excelentes carteis, con rostro de muller.... e os múltiples blogs das bibliotecas escolares de Primaria ou de Secundaria abren as súas fiestras e permítennos coñecer a intensa actividades destes días. A título de exemplo, esta interesante actividade, cunha persecptiva colaborativa, levada a cabo no IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra):"Bata por fóra, muller por dentro" e que podemos coñecer a través do blog da biblioteca.   

As bibliotecas escolares forman usuarios de bibliotecas

Entre as funcións da biblioteca escolar está a formación do alumnado como usuarios de bibliotecas de diferente tipoloxía. Cando para a organización se empregan sistemas estandarizados, de uso na meirande parte das bibliotecas (como é a CDU para a clasificación dos materiais), ou se realizan prácticas de busca de información con fin de que o alumnado aprenda a moverse con fluidez polo mundo dos libros e dos recursos electrónicos, estáselle a educar para o uso dos instrumentos culturais que a sociedade pon ao seu servizo.

As bibliotecas escolares galegas programan, xa de forma cotiá, actividades neste ámbito. Tamén difunden, mediante guías específicas, as posibilidades e os recursos da biblioteca. Así podemos ver este exemplo de guía de usuarios da biblioteca, do CEIP Mestres Goldar, de Vigo (Pontevedra).

Aquí poden verse outros exemplos.

30 de xaneiro, Día Internacional da Paz

O calendario civil proporciona oportunidades de aprendizaxe moi valiosas, que o profesorado sabe aproveitar na consecución dos seus obxectivos. Unha destas datas é o 30 de Xaneiro, Día Internacional da Paz e da Non Violencia. Comezan a chegar materiais elaborados ou recompilados polas bibliotecas escolares, exercendo a súa función de proporcionar recursos ao profesorado do propio centro para o tratamento dos contidos curriculares, a educación das habilidades de uso da información (educación documental/ALFIN) e o fomento da lectura.

A prol dos Dereitos Humanos

As bibliotecas escolares apoian os programas e actividades incluídas no Proxecto Educativo do Centro. Un exemplo máis de cómo as bibliotecas escolares galegas realizan esta función, día a día: desde Monforte de Lemos, a biblioteca do IES Río Cabe, referente xa na elaboración de excelentes carteis para este día, nos envía unha imaxe ben expresiva para traballar os contidos propios do Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, incluída no calendario civil e no calendario escolar, e tan esquecida no "calendario" da realidade social. A título de exemplo, tamén, a webquest realizada pola responsable da biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), para traballar a educación documental co alumnado de 3º ciclo de Primaria,  a través dos contidos relacionados cos dereitos humanos.

As bibliotecas escolares buscan e poñen a disposición de profesorado e alumnado recursos diversos para o tratamento dos temas do currículo.  E como exemplo, este traballo de recompilación de materiais en relación cos dereitos humanos que fixo a biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo, Pontevedra).

Novos materiais para formación de usuarios/educación documental

Desde a biblioteca do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco (Ourense), chéganos un novo material para avanzar na educación documental do alumnado: Partes dos documentos que nos axudan na procura de información.

Parabéns e agradecementos a Xoaquín, responsable da biblioteca, por este recurso que pon a disposición das bibliotecas escolares galegas.

Educación no acceso á información: Obras de referencia

 

Os profesionais das bibliotecas escolares galegas non descansan.... Velaquí un recurso máis para a educación en información do alumnado, feita con rigor e bo gusto, que tamén é educativo. Agradecemos a Xaquín,  responsable da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco (Ourense) a súa xenerosidade á hora de compartilo.

Letras Galegas 2009

Está o Día das Letras petando na porta e levan todo o ano as bibliotecas escolares traballando por mantelas vivas, as Letras. Por se esto fose pouco, tamén preparan recursos e materiais específicos para a conmemoración da efeméride, adicada este ano a Ramón Piñeiro.  

E Darwin segue a dar moito que investigar

Chéganos outro recurso, ben coidado e ben interesante, para avanzar na educación documental e na competencia informacional do alumnado de ensino primario, a través da figura de Darwin. Apoiando as palabras dos seus creadores, "nestes tempos de creacionistas, deseñadores intelixentes e ensino trilingüe, reivindicar un espirito científico como o de Darwin é completamente necesario", felicitamos aos responsables da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco de Valdeorras, por esta iniciativa, e a súa xenerosidade á hora de difundila e poñela a disposición de todo o profesorado.

Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO

A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.