Fomento da lectura

Convocatoria de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario e outros. Curso 2018/2019

 
Publicouse xa no Portal Educativo a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para apoiar o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos que imparten ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e outros). 
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018.
 
 
Na imaxe, integrantes do club de lectura do CPI  O Progreso, de Catoira (Pontevedra).

No verán, se non les, non pasa nada!

nenos lendo

Achéganse os días de lecer e un pode escoller "pasar dos libros" e aventurarse por mil e un camiños... ou quedar na casa. Pero tamén pode escoller un feixiño de libros para facer deste verán un tempo único, rico en viaxes imaxinarias  e singular polos novos mundos que, a través das lecturas, se poden descubrir. Se ademais hai sorte, e podemos viaxar tamén na realidade, seguro que levamos os ollos máis abertos e podemos gozar máis das exploracións que fagamos, con máis coñecemento e máis recursos para observar e aprender. Ás veces, se non se le, non pasa nada, e iso é cousa ben triste. 

Pero para evitar tristuras deste tipo as bibliotecas escolares galegas están a difundir as súas "guías de lectura", as súas recomendacións de libros, películas, música, espazos web... Para non perder!!

 

O poeta Carlos Negro, Premio dos Clubs de lectura 2018

 

Carlos Negro

Na XI Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá en Compostela (Palacio de Congresos) ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 235 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2018 ao poeta CARLOS NEGRO.

O pasado 18 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a Carlos Negro por ser o escritor galego máis lido nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2016/2017 Carlos aparece cuarto na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores en vida e que cada autor ou autora pode recibilo unha soa vez.

É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2016/2017 aparecen tres títulos de Carlos Negro: Penúltimas tendencias, Makinaria e Masculino singular, o que indica ben que os seus poemas chegan á rapazada e consegue desmontar un dos prexuízos máis estendidos, ese que di que "á mocidade non lle gusta a poesía". Carlos Negro é, ademais, un dos autores cómplices co duro labor de educar en igualdade, desde o seu traballo como docente, e desde os poemas cos que nos agasalla ás persoas lectoras e ás mediadoras. Do seu libro, Masculino singular, este poema-declaración: 

"Sen pólvora e cun ramo de magnolias"

Algúns reclaman a liberdade pró meu pobo. 

Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo. 

XI Xornada dos Clubs de Lectura

cartel XI Xornada dos clubs de lectura

O vindeiro 1 de xuño reuniranse en Compostela (Palacio de Congresos), os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura participantes da convocatoria anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incentivar o funcionamento deste tipo de actividades nos centros de ensino secundario de Galicia. 

A que será a XI Xornada dos Clubs de Lectura volve ao seu formato máis habitual, con asistencia só do profesorado, ao ser unha actividade incluída no Plan Anual de Formación do Profesorado, vinculada ao Plan LÍA, de bibliotecas escolares, e coa limitación de poder acoller unicamente a este colectivo. No ano 2012 e no 2017 acudiran tamén unha representación do alumnado; agardamos poder volver a convocar tamén ao alumnado nunha próxima edición. 

Esta XI Xornada dos Clubs de Lectura acollerá, pois, a uns 240 docentes en representación dos seus centros. Cómpre lembrar que nunha porcentaxe moi alta dos centros con clubs de lectura acolle a varios grupos de lectura, en función de intereses, idades ou temáticas, estanod implicados directamente máis dun milleiro de profesoras e profesores na coordinación e na participación directa nestes grupos de lectura. En canto ao alumnado, arredor de 12.000 lectoras e lectores participan este curso na iniciativa dos clubs de lectura, compartindo periodicamente, de forma sistematizada, a súa experiencia lectora e levando a cabo actividades culturais diversas arredor das lecturas realizadas: asistencia a teatro, cine, librerías, feiras do libro, bibliotecas; encontros con autores e autoras; encontros con outros clubs de lectura, etc. En breve publicarase o informe dos clubs de lectura correspondente ao pasado curso 2016/2017, no que se poderá apreciar a riqueza de actividades destes clubs de lectura e a súa presenza nas comunidades educativas.

O programa desta xornada inclúe a entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2018 que se vén entregando ao autor ou autora galega,  máis lido polos clubs de lectura no curso precedente. Unha vez contabilizadas as lecturas realizadas no pasado curso, este galardón recibirao este ano o poeta CARLOS NEGRO, quen tamén impartirá unha charla e un obradoiro ao longo da xornada. Contaremos tamén con especialistas como Freddy Gonçalves, libreiro, escritor e experto en literatura infantil e xuvenil ou Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria. Mesas temáticas, talleres e comunicación de experiencias completan un programa ao que lle poñerá remate sonoro e narrativo o músico e escritor Xurxo Souto. 

 

Día das Letras 2018 nas bibliotecas escolares galegas

María Victoria Moreno é unha das figuras da literatura galega homenaxeada no Día das Letras que máis posibilidades de tratamento, de xogo, de achegamento á literatura e de vínculo coa lingua proporciona no contexto de lectores máis novos. Foi así que este ano, unha vez máis, as bibliotecas escolares galegas aproveitaron estas datas para organizar actividades relacionadas con esta autora e destinadas a valorar a lingua. Algúns exemplos podémolos atopar nas seguintes ligazóns: 

Analizando a "constelación literaria" de Maria Victoria Moreno - Letras Galegas 2018

 

 

Anagnórise é un exemplo da total actualidade que teñen os textos de María Victoria Moreno. Vinculáronse a este libro dous títulos referenciais da literatura galega que tratan, entre outras, as temáticas que se indican: adiccións, adolescencia, viaxe e aprendizaxe. Convídase a explorar novas relacións entre este texto e outros títulos que poidan ofrecer aos lectores e ás lectoras narracións enriquecedoras para esa aventura persoal que supón a adolescencia. Mar adiante foi un dos primeiros títulos infantís en galego que os mediadores de lectura e o profesorado en particular tivo á súa disposición, grazas a María Victoria Moreno, cando apenas había textos para este nivel lector na nosa lingua. Vínculase á Escola de piratas, de Agustín Fernández Paz e Sempre Cristina, de Úrsula Heinze, polas temáticas tratadas: a fantasía, unha crítica evidente ás restriccións dunha escola tradicional, a aventura, os animais... Aínda que non aparece no cartel, permite tamén unha relectura dalgunhas figuras  dos contos clásicos. 

Ao igual que nestes dous exemplos, a "constelación literaria" sobre María Victoria Moreno permite múltiples lecturas, que poden ser globais ou parciais dependendo do gusto e bo facer do profesorado. Podese comezar por ir analizando cada unha das ponlas até acadar unha visión global da "árbore" ou, pola contra, visualizar esta árbore e irse metendo, coma esquíos, por entre as ponlas, na procura de tosouros agachados. 

A biblioteca escolar pode, á súa vez, realizar unha exposición cos títulos que aparecen nesta constelación, co fin de facilitarlle á comunidade educativa o achegamento aos mesmos. É, tamén, unha proposta que vai más aló do an o 2018 e permitirá, se así interesa, traballar contidos literarios dunha forma que resulte máis significativa, vinculando uns libros con outros e axudar así, ao alumnado a medrar como lectores e lectoras. 

María Victoria Moreno: "constelación literaria" arredor dalgúns dos seus libros

Como contribución ao recoñecemento da figura de María Victoria Moreno, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2018, desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ponse a disposición do profesorado interesado un material elaborado desde a Asesoría de bibliotecas escolares, arredor de varios títulos desta autora. 

Trátase dunha selección de títulos que se vinculan, a modo de "constelación literaria" con outros libros referenciais da literatura infantil e xuvenil galega, en base a distintos criterios (temática, personaxes comúns e outros). Para cada un dos títulos de María Victoria Moreno, hai ademais un espazo baleiro dispoñible que convida a continuar estas propostas.

Este cartel, que se pode descargar desde esta páxina en formato DIN A3, chegará en formato impreso a todos os centros de Galicia en breves datas.

Agardamos que sexa un material útil e que poida axudar no labor do profesorado e das bibliotecas escolares por conseguir vincular ao alumnado á lectura en galego, a través de textos  dos nosos autores e das nosas autoras e, moi especialmente neste ano, a través dos libros de María Victoria Moreno

Día Mundial do Libro 2018

Achégase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2018.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso ao escritor, poeta e editor Fran Alonso, quen xenerosamente cedeu un texto para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas posibilidades e nos efectos da lectura.

Se ben o contido do texto, pola súa ironía, parece destinado especialmente ao alumnado adolescente, será o profesorado de infantil e primaria, co seu bo facer, quen axude a realizar tamén unha lectura axustada ao alumnado máis novo, e sacarlle todo o partido a esta excelente achega do escritor vigués, ao tempo que se introduce esta figura estilística, un rexistro cada vez máis difícil nestes tempos de pensamento único. Cómpre, así mesmo, axudar á lectura do texto ao alumnado con dificultades de comprensión lectora. Mesmo pode ser un reto para un exercicio de escritura creativa. 

- DÍPTICO COMPLETO

- CAPA DO DÍPTICO

- TEXTO DE FRAN ALONSO

 

 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2018

 

 

Coma en anos anteriores, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2018  correspondeulle a Letonia. Ten a autoría do texto a escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen titula a súa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.

Pola súa parte, a imaxe do cartel é do ilustrador Reinis Petersons, recoñecido debuxante deste país báltico. 

Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego. 

24 de febreiro, Día de Rosalía

Retrato de Rosalía de Castro
O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de referencia da literatura galega. Son moitas as institucións que se suman desde hai anos a esta celebración do DÍA DE ROSALÍA que as bibliotecas escolares aproveitan para dar a coñecer ao alumnado os poemas, a vida e o significado desta gran autora. A obra de Rosalía cobra vida nas voces de nenas e nenos que recuperan en recitais, lecturas compartidas e todo tipo de actividades a forza da súa palabra. Atopan mozos e mozas na lectura dos seus versos unha muller actual e poderosa que se amosa cada ano que pasa máis próxima a todos e todas, a medida que os investigadores van desfacendo cos seus estudos as capas de escuridade que nola ocultaban. 
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2018, baixo o lema #AbrideAFiestra, a celebrar este Día de Rosalía co agasallo dun libro galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de María Reimóndez e propón, así mesmo, múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. 
Recollemos aquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas, como exemplo de que Rosalía de Castro habita un ano máis nos centros educativos. Ogallá os seus poemas sementen nas nenas e nos nenos o vinculo coa lingua que ela tanto dignificou.

Relación dos 50 títulos máis lidos nos Clubs de lectura - Curso 2016/2017

 

Publicamos a relación dos 50 títulos máis lidos nos Clubs de lectura do ámbito educativo durante o curso 2016/2017. Clubs de lectura é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, integrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura no ámbito convocatoria de apoio ao funcionamento de grupos de lectura en centros públicos que matriculen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. 

No curso 2016/2017 funcionaron clubs de lectura en 243 centros públicos de ensino secundario de Galicia, cunha participación estable de 12.300 lectores e lectoras, entre alumnado, profesorado e outros adultos da comunidade educativa. O 32% dos centros participantes contan cun grupo de lectura de adultos, a maiores de outros grupos de alumnos e alumnas. 

Cómpre lembrar que os clubs de lectura dos centros participantes funcionan, como requisito da convocatoria, fóra das aulas, reuníndose de forma presencial periodicamente en recreos e tempos non lectivos do mediodía ou da tarde. A periodicidade pode ser semanal, quincenal ou mensual. En breve publicarase o informe completo correspondente ao curso 2016/2017, tal e como se fixo xa co curso precedente (Informe Clubs de Lectura 2015/2016). 

En datas próximas darase a coñecer, así mesmo, a relación de autores e autoras máis lidos durante o pasado curso, de cara á concesión do Premio dos Clubs de Lectura que se vén concedendo desde 2014 e que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas e Miguelanxo Prado. 

 

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2017/2018

 

 Club de lectura IES Universidade Laboral Culleredo

O Portal Educativo publicou xa a resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2017/2018, segundo Resolución do Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 28 de decembro de 2017. Distribúense contías, por un importe global de 215.000€ para o funcionamento de grupos de lectura en 231 centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquiran pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistencia ao teatro, sempre en actividades relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.  

As bibliotecas escolares recomendan...

 

As bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (e de cine, música e outros) para este tempo de inverno. Diferentes en contido, cantidade de información recollida ou eficacia das propostas, todas elas responden á intención do profesorado dos equipos de biblioteca de ofrecer orientación para unha lectura informada. A meirande parte destas guías recollen novidades pero, en ocasións loables, recuperan títulos imprescindibles, dos que xa teñen demostrado a súa capacidade para vincular os máis novos á lectura. En calquera caso, son unha ferramenta para o profesorado en xeral, para as familias e para os lectores e lectoras. Velaquí algúns exemplos:

Convocatoria dos Clubs de Lectura para o curso 2017/2018

 

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 1 de setembro de 2017, de convocatoria en apoio do funcionamento de clubs de lectura en centros de ensino públicos para o curso 2017-2018. Poderán presentar solicitude os centros que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou ensinanzas de réxime especial (Conservatorios de música, Escolas Oficiais de Idiomas, Ensinanzas de Persoas Adultas e outras). 

Incentivarase especialmente aquelas propostas que busquen vincular ao alumnado á lectura en galego, así como outras iniciativas destinadas a fomentar a participación de varóns nos grupos de lectura (na liña de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia), e tamén as propostas que contemplen a formación de grupos de lectura con alumnado de necesidades específicas de apoio educativo ( como actividade voluntaria fóra das aulas).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de outubro de 2017. 

 

X Xornada dos Clubs de lectura en prensa e redes sociais

A X Xornada dos Clubs de lectura foi unha oportunidade para o encontro entre lectoras e lectores, unha ocasión para seguir aprendendo, un espazo para a alegría de sabérmonos parte desa sociedade lectora que estamos a construír xunto cos autores e as autoras, os creadores todos (poetas, autores de textos teatrais, actores e actrices, ilustradores e ilustradoras, músicos, cineastas...) e outros axentes do mundo do libro como editoras, críticos literarios, especialistas no mundo do libro e da lectura, asociacións a favor do libro e da lectura e todo aquel que contribúa co seu traballo a facer accesibles os recursos culturais para o conxunto da poboación, así como  a estender a formación e as oportunidades para unha maior competencia lectora e literaria. Alegría que vén de saber que traballar a favor da lectura é traballar por unha sociedade democrática e, porque tal como dixo César Mallorquí na propìa xornada, "ler fai que as nosas vidas sexan mellores". 
Velaquí algúns exemplos da difusión que tivo esta xornada na prensa e nas redes sociais:

Lecturas para o verán que asoma

imaxe_santiagoapostolo

 

Quedan poucos días para o comezo das vacacións de verán e xa as bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas recomendacións de lectura: libros, películas, exposicións, música... propostas variadas para intereses diversos e pensando en todos os sectores da comunidade educativa. Será por libros!!

X Xornada dos Clubs de lectura: unha década a prol da sociedade lectora.

O 17 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) a X Xornada dos Clubs de lectura, unha iniciativa integrada no programa HORA DE LER da Consellería de Cultura, Educación e O.U. desde 2007, ano no que se publicaba a primeira convocatoria en apoio do funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro curso 2007/2008 no que se puxeron en funcionamento os primeiros cen clubs de lectura foron moitos os rapaces e rapazas, foron moitos tamén os adultos dos distintos sectores da comunidade educativa, que participaron nos diferentes grupos de lectura que se foron creando nos centros [Artigo publicado en Libro Abierto sobre esta iniciativa posta en marcha de forma pioneira  nas bibliotecas escolares de Galicia]
Con cada convocatoria medra o número de centros de ensino con club de lectura. Neste curso 2016/2017 son un total de 243 centros que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de idiomas, ensinanzas de persoas adultas). Os clubs de lectura, espallados por todo o territorio galego chegan mesmo aos cárceres,  como ben explica a profesora Eulalia Agrelo neste artigo publicado en EDUGA, creando alí tamén espazos para o diálogo a partir dos libros e a lectura. 
Tódolos anos, desde 2008, a consellería xunta ao profesorado que coordina estes clubs nunha xornada anual dos clubs de lectura, no que se comparten experiencias, inquedanzas e propostas, e onde interveñen expertos en materia de lectura, mocidade, literatura e outros, co fin de contribuír á formación deste profesorado para o exercicio da súa función como mediador no ámbito da lectura. En 2012 a V Xornada dos Clubs de lectura  reunira unha pequena representación do alumnado (180 rrapaces e rapazas), nunha sesión formativa inesquecible.
Co gallo da celebración dunha década dos clubs de lectura, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. convocou xa ao profesorado que coordina estes clubs de lectura á sesión formativa de carácter anual e amplía esta convocatoria a preto dun milleiro de lectores e lectoras procedentes dos diferentes clubs de lectura do ámbito educativo galego (en representación dos máis de 11.000 lectores e lectoras que se reúnen, periodicamente, para compartir experiencia lectora). Un programa ambicioso que pretende ofrecer aos participantes a oportunidade de compartir un tempo cos seus autores e autoras preferidos, ou de achegarse a diferentes territorios culturais relacionados coa palabra: o cómic, o teatro, o cine, a música, a cultura urbana e sempre, sempre, a literatura. No transcurso desta xornada darase entrega a MIGUELANXO PRADO do Premio dos Clubs de lectura 2017
Até o 2 de xuño
está aberto o período de inscrición para os lectores e lectoras, a través dun formulario web posto a disposición do profesorado coordinador, que será quen os acompañe nesta actividade.

Letras Galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 

 

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2017, incorporan a Carlos Casares ao seu equipo de biblioteca, pois hai na súa obra textos fantásticos para poñer nas mans de nenos e nenas, textos para cuestionar o mundo cos adolescentes, textos para a reflexión e mirada diverxente, textos para facer lectores en galego. Desde pequeniños, que así nolo demostran na EEI de Barrionovo (Arteixo), onde fixeron "acuarelas para Carlos Casares" como a que ilustra esta entrada. Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2017:

Actividades do Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 23 de abril principalmente, pero durante todo o "mes dos libros" as bibliotecas escolares galegas ferven de actividade e espallan por aulas, corredores e patios o pracer da lectura. Velaquí algúns exemplos: 

Premio dos Clubs de lectura 2017 para Miguelanxo Prado

Co gallo do Día Mundial do Libro, o Portal Educativo publicou a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 21 de abril de 2017, pola que se recoñece ao debuxante e autor de banda deseñada Miguelanxo Prado co Premio dos Clubs de Lectura pola súa contribución áao impulso da lectura en galego entre o alumnado que participa nos clubs de lectura de ensino secundario de Galicia. Miguelanxo Prado foi un dos autores máis lidos polos clubs de lectura no curso 2015/2016.  O premio seralle entregado o 17 de xuño na que será a X Xornada dos Clubs de Lectura, e que se celebrará en Compostela coa asistencia de un milleiro de lectores e lectoras, entre profesorado e alumnado, en representación dos máis de 11.000 lectores dos clubs de lectura de Galicia, do ámbito educativo.. 
Este galardón, creado en 2015 para recoñecer o apoio dos escritores e escritoras galegas aos mediadores no seu labor de fomento da lectura con adolescentes e mocidade, concédese cada ano a un autor ou autora diferente, en función das lecturas realizadas polos clubs, de forma autónoma, no curso anterior. Foron xa galardonados con este Premio dos Clubs de Lectura Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas.

Dia do Libro 2017

Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita, co gallo do Día Mundial do Libro, un pequeno marcapáxinas cun texto orixinal dun autor ou autora galega. Nesta ocasión é Rosalía Fernández Rial a poeta que agasalla co seu texto sobre o libro e a lectura ás Bibliotecas Escolares de Galicia.

Rosalía lévanos co libro ao mundo da palabra, da música, da maxia, do imprescindible aire para respirar. 

Medremos co libro!

 

Achégase abril, o mes dos libros (como acostuman a denominalo moitas bibliotecas escolares) e con el unha das datas máis significativas para os mediadores e mediadoras de lectura, o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil no que se celebra o nacemento de Hans Christian Andersen. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People), a súa sección española a OEPLI xunto coas entidades colaboradoras como GALIX, en Galicia, editan un cartel cunha mensaxe e unha imaxe especialmente deseñada para este día.

Nesta ocasión, a sección de Ibby de Rusia foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, do escritor ruso Sergey Makhotin fala da importancia do libro como acompañante imprescindible no proceso de maduración persoal ao longo da vida, e do pracer que o libro e a lectura proporcionan.  O debuxante e ilustrador Mikhail Fedorov pon a imaxe a este cartel que se difunde xunto co texto nas catro linguas do estado. Tamén está accesibe en inglés e ruso a través da páxina de Ibby. 

Coma en anos anteriores, GALIX anima a centros escolares, bibliotecas e librarías a colaborar na difusión desta mensaxe. Así mesmos, as bibliotecas e centros educativos poden participar no concurso "Andersen hoxe" que para a celebración deste día organizan a OEPLI e todas as súas seccións.  Pódese acceder a toda a información nesta ligazón.

24 de febreiro, Día de Rosalía

O Calendario do Libro e da Lectura 2017 que publica a Secretaría Xeral de Cultura recolle o día 24 de febreiro como o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Hai xa tempo que as bibliotecas escolares veñen celebrando o DÍA DE ROSALÍA nesta data a instancias da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Así Rosalía vive na voz de nenas e nenos que recitan os seus poemas; as mozas e mozos descubren nos seus versos á muller que é, como ben di Ledicia Costas no seu Manifesto polo Día de Rosalía, "unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda".

Velaquí algúns exemplos da actividade que percorre estes días as bibliotecas escolares galegas: 


Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2016/2017

 

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan as contías destinadas ao funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario de titularidade da consellería. Segue aumentanto o número de centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, que poñen en marcha un club de lectura con un ou varios grupos de lectores e lectoras. Neste curso 2016/2017 recibirán axuda da consellería un total de 243 centros.

Os clubs de lectura están a ser espazos de encontro e de intercambio de experiencia lectora; lugares para aprender a convivir coas ideas e opinións dos outros e onde poder expor, nun clima de confianza as ideas propias, compartir inquedanzas, coñecemento e entusiasmo. En definitiva, lugares nos que aprender a ser cidadáns activos e críticos, persoas lectoras que tecen vínculos entre sí e cos libros e a cultura. Na imaxe, alumnas e alumnos do Club de Lectura do IES San Mamed, de Maceda (Ourense). 

Inverno 2016: As bibliotecas escolares galegas recomendan...

Achéganse días de lecer, de facer agasallos, de compartir tempo con amigos e familiares e as bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas propostas de lectura. De lectura, de música, de cine... para todas as idades e intereses. Coma no IES A Pinguela (Monforte de Lemos), o libro e a lectura deberían estar presentes tamén neste días, coándose por todos os recunchos, coma o aire para respirar. Velaquí temos un bo feixe de títulos seleccionados para este tempo de inverno: 

 

COLABORACIÓNS