Competablets por tarefas

A nosa experiencia foi totalmente iniciática, o que hai que ter presente ao longo do artigo na execución dos contidos que traballamos no seminario, a pesar de haber participantes con moita experiencia. No noso seminario pretendemos abordar moitos aspectos: tecnolóxicos, metodolóxicos. Tratábase de traballar a integración dos dispositivos móbiles, ao mesmo tempo que aprendiamos a traballar por tarefas e todo iso tendo como protagonista o alumnado.

Manuel Ángel Núñez Campos
María Gloria García Fernández
CEIP CANICOUVA (Vigo - Pontevedra)

 

O seminario “Competablets por tarefas” durante o curso 2014-2015 xurdiu por unha mestura de casualidades. Comezou coa participación de dous membros nun curso anterior “Desenvolvemento da competencia nas TIC a través da resolución de tarefas”, do 17 de febreiro do 2014 ao 2 de abril de 2014 no cfr de Vigo sobre tablets no que tamén se introducía o emprego de tarefas integradas. Tamén influíu o dilema do profesorado do centro sobre que ferramentas tecnolóxicas deberían guiar a nosa actividade cotiá. E, desde logo, a inquietude da maioría dos membros por acadar un cambio máis ou menos real na práctica educativa.

O eixe principal no seminario viu dado por un proxecto documental que se fai no centro e que xa vai polo cuarto ano. Nesta ocasión o tema escollido foi “Países do mundo”, xa que a idea sempre parte do equipo da biblioteca . Como colofón do proxecto sempre facemos unha exposición final que soe ser no mes de xuño. Nela cada curso ou nivel expón durante aproximadamente media hora todo o traballado ao longo do curso sobre o país escollido. Axudou moito que de vintecinco membros do claustro contabamos con dezasete no seminario. Así partíamos de que cubríamos case todas as titorías e as especialidades. De xeito que dependendo das distintas tarefas e necesidades agrupámonos en consecuencia.

Por exemplo, todos os membros da etapa de educación infantil que fixemos o seminario (4) e tamén os que non formaban parte do seminario aportamos ideas e traballo para realizar a tarefa “CONTINDIO”. Decidimos que para dar unha visión global do traballado sobre a India o máis axeitado era facer un conto.

Os elementos que xogaron un papel principal para elaborar ese produto final que ía formar parte da exposición final foron moitos e variados. Ao mesmo tempo que os expoño xa vou explicando cales foron as nosas vivencias no seminario. O compoñente artístico viu marcado polo traballo “analóxico” xa que no conto incluimos debuxos feitos polos alumnos como se pode observar na foto co tigre, pero tamén na montaxe dixital na que os alumnos-as tiveron participación.

Como se trataba de traballar coas tablets empregamos os ipad prestados polo CFR Vigo e as apps correspondentes (Touch Cast, Doceri, Toontastic, Pic Collage, iMovie). Os alumnos-as tiñan que ter un protagonismo directo, real e activo. En todo o proceso do seminario isto tiña que ser respetado por enriba de todo. Polo tanto, no deseño da tarefa o primeiro que analizabamos era como podían os alumnos-as implicarse. Así no conto se pode observar como aparecen debuxos feitos polos nenos-as que logo aparecen a través das aplicacións, as súas voces para ir narrando o conto, interpretacións gravadas, … En resumo, tivemos conta de que dalgún xeito todos os alumnos-as da etapa se sentiran partícipes do produto final. Algo que non era sinxelo xa que falamos de cen alumnos-as.

Ademais polo feito de estar ese produto na rede e ser observado por todo o centro os nenos-as teñen claro que eles foron os protagonistas das súas propias producións.

Por outra banda, como tarefa principal que creou o grupo de infantil tivemos que deseñar, planificar, e levar á práctica os elementos necesarios para levar a cabo unha tarefa. Actividades e os seus estándares, exercicios, produto final. É dicir, tivemos que afrontar unha nova maneira de traballar, unha metodoloxía que implica un cambio gradual pero necesario.  [enlace]

Na mesma liña aportamos tamén o traballado na titoría de sexto que tiña como tema país Exipto. Nesa tarefa colaboraron a titora de sexto e a especialista de relixión. Ademais de axudas puntuais doutros compañeiros-as e das asesoras do CFR Vigo, Cris Puga e Ana Mariño . O proceso de aprendizaxe e vivencial foi similar. Primeiro planificación da tarefa, intentando cubrir tanto a vertente curricular como a vertente práctica e metodolóxica.

Nesta ocasión o produto final foi un telexornal onde os rapaces ían dando a súa visión do aprendido sobre Exipto, respetando as súas ideas tanto a nivel de guión como de representación. [enlace]

Un último exemplo é a tarefa realizada polo titor de cuarto de primaria coa colaboración da especialista de Audición e Linguaxe e tamén axudas puntuais doutros compañeiros-as. Nela o titor preparou unha entrega duns Óscars moi particulares. Tiñan como país EEUU así decidiron que darían os premios nos seguintes apartados: mellor artista, mellor deportista, mellor presidente e mellor persoa polos dereitos humanos. Os nominados tiñan a súa base tecnolóxica a través da app Thinglink. E iso foi incluido na reprentación final que serviu de exposición do traballado ao longo do curso sobre ese país.  [enlace]

A principal conclusión é que ademais do exposto; introdución de dispositivos móbiles, traballo por tarefas integradas de xeito que se cubren indicadores ou estándares dos currículos de infantil e primaria, protagonismo absoluto dos alumnos-as, tamén quedou demostrado que o traballo dos mestres en cooperación da uns froitos dificilmente alcanzables de xeito individual. Tamén quedou claro que hai outras maneiras de traballar moi efectivas e nas que os alumnos-as implícanse nun maior grao no seu proceso de aprendizaxe. Entre os aspectos máis destacados, observamos como os alumnos-as axúdabanse moito máis entre eles acentúado por unha iniciativa e unha autonomía que na práctica “rutinaria” non é tan palpable. Tamén con claridade podemos comentar que alumnos-as cunha participación activa baixa nesta ocasión cambiou o seu rol, chegando a casos nos que a sorpresa a ese nivel foi sorprendente pero moi positiva, moi favorable.

Finalmente, cabe dicir que o seminario xa ten a súa prolongación noutro seminario xa máis enfocado ao traballo por tarefas coa intención de introducir nelas técnicas, metodoloxía do aprendizaxe cooperativo sen descartar o emprego de tablets no momento que sexan necesarias.

 

 

Sección: