Sobre o uso das TIC nas aulas

O uso das TIC nas aulas vén sendo unha das teimas da escola 2.0. Pensamos acotío que o feito de traballar con nativos dixitais nos garante o éxito na tarefa. E diremos que é certo, que facilita as cousas, pero tamén fai que teñamos que refacer a idea que se forxara do uso das TIC nas aulas. Lonxe de ver nelas un instrumento de premio, ou mesmo de reforzo do coñecemento despois do traballo “tradicional” da aula, as TIC están a se converter no punto de referencia, no comezo da aprendizaxe e, sobre todo, na matriz que o envolve todo.

Cristina Corral Soilán
Xornalista e profesora de Lingua e Literatura Española
http://cristinacorralsoilan.com
cristina.corral.soilan@edu.xunta.es
Luis Losada Rodríguez (CEIP San Benito de Lérez, Pontevedra)
luislosada@edu.xunta.es
Javier Prado Espiñeira (CEIP de Parada-Campañó, Pontevedra)
javier.prado@edu.xunta.es

 

“Muchos vuelan como hojas. Pocos como aves.”  (José Narosky)

 

Cando o filósofo e estudoso das comunicacións Marshall Mcluham acuñou a súa famosa frase de que “o medio é a mensaxe”, deixou moi claro nun dos seus estudos sobre os medios de comunicación que, coa aparición dos medios dixitais, a mensaxe pasaría a redefinirse dun xeito novo. Xa non falamos da información que simplemente se transmite, senón que estamos a falar de como de potente pode chegar a ser o cambio cultural que esa información traída polos medios —neste caso dixitais— pode producir na sociedade.


Polo tanto e en paralelo con esta idea, cómpre facer esta reflexión na escola e pensar na importancia que o uso das TIC está levando ás aulas dos nosos centros. Neste sentido, Luís Losada e Javier Prado, mestres do CEIP San Benito de Lérez, conversan neste traballo sobre como esta idea se puxo en práctica nas distintas experiencias educativas do curso 2014/15.
 

Os recursos non son a única panacea

Moitas veces atopámonos coa idea de que para facer algo coas TIC na aula é mester dispoñer de moitas cousas e da última tecnoloxía. Non negaremos que as infraestruturas favorecen o resultado final do produto, mais non debemos esquecer que o realmente importante das TIC nas aulas non é o feito de usar moitos aparatos ou non, senón que o que importa é o que se obtén a través deles.

Seguindo a mesma liña, é interesante resaltar que, do mesmo xeito que debemos desterrar a idea de que as TIC son algo novo co que premiamos o alumnado (a radio e o vídeo levan nas aulas moita vida), temos que tratar de facer delas parte do currículo, de xeito que sexan un medio máis para acadar os resultados desexados para a aprendizaxe.

O feito de que as aulas se enchan nestes tempos de nativos dixitais debe ser usado, pois, como trampolín para facer do uso das TIC na clase algo habitual e mellorable día a día, de xeito que ese modo de traballar se converta en algo feito con dignidade, que permita valorar o uso que eles e elas mesmos fan das propias TIC. Só cando academos esa conxunción veremos —e verán— as novas tecnoloxías como cómplices dun traballo feito con seriedade, digno de formar parte do seu método de aprendizaxe natural e, asemade, do noso sistema educativo actual.

 

 

O artístico como condutor de sentimentos a través das TIC

Lonxe da idea das TIC como algo frío, afastadas do emocional, diremos que o seu uso nas aulas pode formar parte dunha estrutura de forte cohesión de transmisión de ideas e sentimentos. O feito, como diciamos, de que os medios fosen renovados a través do dixital, como é o caso da radio ou o audiovisual, e sexan de fácil acceso para o alumnado (móbiles, tabletas, portátiles...) deixa a un lado a preocupación sobre como achegar as súas ideas, os seus pensamentos, o seu sentir... aos demais, e o único do que resta preocuparse e de que transmitir. E aí é onde o profesorado ten que se converter nese gardián da chama do que Peter H. Reynolds fala, para sacar á superficie e manter esa luz de creatividade que de seguro ha de agromar en cada neno, en cada nena.

Por iso a escola, núcleo perfecto da interactuación social, ten que se converter nun campo aberto á imaxinación, á creación. Cada aula dixitalizada ou con acceso ás redes é unha oportunidade de facer estourar a creatividade. Programas de radio, de televisión, revistas dixitais, contos teatralizados son un fervedoiro de ideas, unha escada alta a que cada día teñen a oportunidade de subirse as crianzas e desde ela deixar voar a súa imaxinación, ese recurso inesgotable.

 

/p>

 

Do uso das TIC na aula á utilidade social

As TIC nas aulas son, ademais, sen case nos decatar, garante da aprendizaxe do traballo cooperativo, contribuíndo así ao discreto avance da sociedade como tal.

Neste sentido e máis aló de coñecer os medios audiovisuais desde dentro, de primeira man, xerando así individuos máis críticos, con criterio e que non serán doados de enganar no futuro, os traballos feitos grazas ás TIC permiten facer cambios sociais importantes. Dannos a posibilidade así de elaborar traballos que non quedan só na escola, senón que transcenden ao ámbito social. E é aí onde está o verdadeiro mérito da escola 2.0, das TIC e o do uso que delas facemos dentro da aula.

Poñemos en marcha a nosa alma de mestres 2.0. Hai crianzas aí fora agardando por nós.

 

 

Ao longo do curso 2014/15 leváronse a cabo no CEIP San Benito de Lérez unha serie de experiencias relacionadas co emprego das TIC nas aulas e o traballo por proxectos.

Das conversas entre Luis Losada e Javier Prado extráense as opinións sobre o traballo feito durante ese curso, que abrangueu todos os niveis educativos. Fundamentouse principalmente no emprego do vídeo e da radio escolar. Estes dous medios TIC, xunto coa web da escola e diversos blogs, foron utilizados como ferramentas de creación artística canalizadoras da educación emocional do alumnado.

Ao mesmo tempo, traballouse sempre coa conciencia de que o labor levado a cabo polo alumnado tivese unha vixencia que superase os muros da escola, chegando á contorna social na que vive.

Integráronse para iso dous blogs en diversas plataformas:

http://ceiplerez.blogspot.com.es

https://caracolaradio.wordpress.com

Alumnado de primeiro de primaria

No proxecto de formación do profesorado incluíase o traballo documental sobre a contorna do centro, neste caso o mosteiro de San Bieito de Lérez.

Desde a aula de primeiro de primaria traballouse na elaboración dun vídeo explicativo do tipo “como se fai”, onde o alumnado levaba a cabo unha estampación coas cores de Miró.

Alumnado de terceiro de primaria

Co alumnado de terceiro de primaria traballouse a edición fin de semana dun telexornal, xunto coa mestra en prácticas, Susi Omil.

O alumnado encargouse de elaborar as súas propias novas, redactando, resumindo e adaptando historias verosímiles sobre a contorna da parroquia de Lérez e Pontevedra.

Ademais participaron directamente no proceso de rodaxe do propio telexornal, encargándose de controlar e aprender partes máis técnicas como o teleprompter, o croma, a gravadora de son ou a cámara de vídeo.

Alumnado de sexto de primaria

O curso de sexto de primaria foi o encargado de levar a cabo unha recreación dun dos supostos milagres presenciados polo padre Feixoó. Adaptado a cine mudo con estilo de comedia, o alumnado de sexto de primaria executou a rodaxe nos exteriores do mosteiro de San Bieito de Lérez.

Alumnado de todos os niveis

Co gallo do Día Internacional do Pobo Xitano, o alumnado de todos os niveis, e en especial o de etnia xitana, participaron nun vídeo de sensibilización e apoio á campaña #yonosoytrapacero #yonosoytrapacera, que a Fundación do Secretariado Xitano puxo en marcha para lle esixir á Real Academia da Lingua Española a eliminación da acepción de trapacero na definición de xitano.

O vídeo implicou non só o alumnado, senón tamén as familias e a propia Fundación do Secretariado Xitano. O resultado tivo unha repercusión social tal que fixo, xunto coas outras campañas, que a RAE decidirá facer un apuntamento na definición de xitano para aclarar a problemática que suscitara a acepción de trapacero.

Alumnado de quinto de primaria

Dentro do traballo levado a cabo na radio escolar, Caracola Radio, destacou o proxecto de investigación sobre o rock and roll clásico, onde os alumnos de quinto de primaria se converteron en auténticos locutores. Vibraron coa música dos anos cincuenta e contáronnos diversas historias sobre os seus protagonistas, ademais aprenderon o funcionamento técnico dunha emisora escolar.

Pé de foto: “Foto fundacional da radio con Javier (mestre de AL), Manolo (conserxe), Pablo (mestre de EF) e Luis (director do centro)

Podcast do programa sobre o rock and roll

Este alumnado tamén aproveitou para facer diversas entrevistas na radio escolar a persoeiros da cidade de Pontevedra, como foi o caso do concelleiro de Xuventude e Normalización Lingüística Demetrio Gómez Xunqueira.

Podcast entrevista a Demetrio Gómez Xunqueira

Para o traballo coa radio emprégase a plataforma de radio en liña mixlr.com na que o CEIP San Benito de Lérez ten a súa propia canle, que lle permite emitir programas en directo e tamén gardar de xeito automático unha serie de podcasts.

As posibilidades que ofrecen dous medios TIC tradicionais, como son a radio e o vídeo, multiplícanse no momento de engadirlle internet, demostrando que a capacidade do noso alumnado está unicamente limitada polas nosas ideas. A potencialidade do emprego das TIC como canle de expresión artística, aprendizaxe curricular e transmisión de emocións, é infinita. En definitiva, apostar polo emprego das TIC na escola e apostar por converter os muros da nosa aula en fiestras cara ao resto do mundo.

Sección: