Decálogo para la mejora de la enseñanza online

Albert Sangrà (coord.)

Autora da recensión: María del Puerto Blanco de Santiago
maria.del.puerto.blanco@edu.xunta.gal
CFR de Pontevedra

 

 

En marzo de 2020, o inicio da pandemia da covid-19 provocou unha situación de emerxencia sanitaria e tamén educativa e, ante a necesidade de implementar prácticas de docencia a distancia, a Universidade Oberta de Catalunya decidiu poñer todo o seu coñecemento e experiencia ao servizo da comunidade educativa e deseñou un ciclo de webinars, abertos e gratuítos, para contribuír á transición dunha docencia presencial a unha educación en remoto. Proposta que se transformou posteriormente no programa de axuda Docencia no presencial de emergencia accesible desde o portal da UOC.

Co obxectivo de afondar en cada un dos aspectos formulados nos mencionados webinars, un equipo de oito profesoras e catro profesores dos Estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación da UOC, coordinados polo profesor Albert Sangrá, e todos eles membros de diferentes grupos de investigación como Edul@b, Feed2Learn, SINTE e Learning Media & Social Interactions, elaboraron este manual práctico e ben documentado no que comparten o seu amplo coñecemento sobre as particularidades da docencia híbrida (presencial e virtual) ou totalmente en liña, froito de vinte e cinco anos de labor docente e investigador nestes campos.

Esta publicación está estruturada en dez capítulos nos que se analizan desde a organización dos modelos de educación en liña ata a súa avaliación, pasando polo deseño de cursos, a colaboración entre docentes e estudantes, a interacción, o feedback, as ferramentas dixitais e o desenvolvemento de actitudes críticas do propio alumnado ante a tecnoloxía. Cada capítulo complétase con dúas amplas seccións, «Para saber más» e «Bibliografía», con abundantes ligazóns a arquivos e publicacións de grande interese, así como referencias bibliográficas de gran relevancia clasificadas con base na temática tratada. Hai que destacar os capítulos dedicados ao deseño de e-actividades, ás ferramentas e recursos imprescindibles e ao feedback, pola profundidade e practicidade coa que se analizan estes tres conceptos fundamentais.

O Decálogo para la mejora de la docencia online facilita un marco xeral de referencia a partir do cal cada docente pode ir tomando as decisións adaptadas ás súas necesidades específicas, pois ofrece estratexias, propostas e recomendacións prácticas de grande utilidade para desenvolver en escenarios en liña ou híbridos, potenciando que a presencialidade e a virtualidade flúan de maneira natural.

 

 

Sección: