Tendendo pontes

Un proxecto de innovación educativa,adaptable ao ensino mixto, entre educación superior e ensinanzas medias no ámbito da Xeografía e Historia
Ensinar historia doutra forma é posible. Máis alá das clases maxistrais e da sinxela memorización de contidos, ábrese un mundo de creatividade, investigación, aprendizaxe autónoma, motivación... No noso ámbito temos á man todo o preciso para que o noso alumnado se converta no protagonista desta historia, da súa historia. A universidade bríndanos a oportunidade de desenvolver proxectos conxuntos que fomentan esta forma de ensino-aprendizaxe (E-A): tendemos pontes?

Beatriz Nieto Outumuro, docente de Xeografía e Historia
Colexio Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle (Ourense)
beatriz.nieto@edu.xunta.es

Que é?

Tendendo pontes é un proxecto de cooperación entre as ensinanzas medias e a educación superior que nace co gallo de fomentar a curiosidade e o pensamento crítico do alumnado de secundaria da materia de Xeografía e Historia mediante o emprego dunha metodoloxía de aprendizaxe por descubrimento ou investigación.

O emprego desta forma de ensino permite manter o alumnado motivado e «enganchado» á materia. O alumno convértese no protagonista do proceso E-A e nun elemento activo, deixa atrás a pasividade implícita na metodoloxía tradicional.

 

Cales son os obxectivos que se pretenden acadar?

  • Desenvolver novas metodoloxías de aula co obxectivo de mellorar a calidade do sistema educativo e de acadar a excelencia educativa.
  • Traballar de forma activa nas aulas e amosar que o proceso E-A e de adquisición de competencias non ten por que ser un proceso pasivo na que o estudante sexa un mero receptor de información.
  • Comprobar novas metodoloxías didácticas, a súa aplicación nas aulas e os seus resultados entre o alumnado.
  • Traballar cara a unha formación integral do alumnado.
  • Fomentar o pensamento crítico entre o alumnado.
  • Comprender e empregar o sistema hipotético-dedutivo como método de traballo nas aulas.
  • Traballar mediante a investigación e a análise de diversas fontes históricas como medio para comprender mellor os feitos obxecto de estudo.
  • Ampliar coñecementos específicos sobre o tema traballado.
  • Dar a coñecer a realidade dos centros educativos nas ensinanzas superiores para adaptar procesos de traballo do alumnado universitario que posteriormente se dedique á profesión docente.
  • Achegar o alumnado á dinámica de traballo das universidades.
  • Asentar mecanismos de colaboración entre docentes da educación secundaria e docentes da educación superior.

 

A quen vai dirixido?

Nesta ocasión o proxecto desenvolveuse co alumnado de primeiro e cuarto da da ESO, os Little Historiadores, traballando ambos coa mesma metodoloxía (adaptada ao seu grao madurativo), pero con diferentes temáticas.

 

Por que e como se organiza?

O Departamento de Xeografía e Historia do Colexio Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle aposta polo emprego de metodoloxías didácticas innovadoras e activas, que convertan os estudantes nos seus propios motores da aprendizaxe e nos protagonistas do proceso de ensino.

 

 

Deixando a un lado as clases meramente expositivas, sen interacción do alumnado, concíbese unha proposta metodolóxica baseada no fomento do pensamento crítico, da participación activa e da propia construción de coñecementos.

Desta concepción do proceso de E-A xorden os Little Historiadores, unha especie de proxecto de proxectos, unha grande epígrafe que engloba todas as actividades levadas a cabo na materia de Historia para educación secundaria obrigatoria formuladas desde a óptica da ABP (aprendizaxe baseada en proxectos), da aprendizaxe por investigación e da resolución de problemas e na que o alumno é suxeito dunha avaliación formativa.

Tendendo pontes é un deses proxectos dentro do proxecto co que, coa colaboración imprescindible da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, se conseguen acadar os obxectivos propostos e manter a motivación do alumnado cara á materia e cara á súa propia aprendizaxe.

Partindo dos contidos e competencias que estipula o correspondente currículo, as áreas de traballo propostas pertencen á area da historia antiga no nivel do primeiro curso da ESO e á da historia contemporánea no cuarto curso da ESO.

A encargada de supervisar os traballos do alumnado de primeiro da ESO desde a Universidade de Vigo foi a decana da Facultade de Historia de Ourense, Susana Reboreda, profesorado Departamento de Historia Antiga. Pola súa banda, o profesor Julio Prada, do Departamento de Historia Contemporánea, foi quen dirixiu o traballo do estudantado de cuarto da ESO desde o eido universitario.

 

Recepción da decana da facultade, Susana Reboreda, aos alumnos de 1º ESO na súa primera visita á Universidade

 

Para o primeiro curso propúxose o traballo sobre a antiga Grecia, afondando no papel da muller na Antigüidade, investigando sobre a súa consideración social e os diferentes roles que se lle atribuían. A elección deste tema encaixa perfectamente na liña de traballo de Susana Reboreda que, como mencionamos, foi encargada de guiar desde a facultade o traballo destes cativos e, asímesmo, nos contidos curriculares do citado curso.

No caso do cuarto curso daESO, pola contra, afondouse na represión de xénero mediante o emprego da rapa como castigo para as mulleres ao longo da historia. Este tema de traballo adáptase mellor ao grao madurativo dos estudantes e aos seus intereses e encaixa na liña de investigación do profesor Julio Prada.

 

Como se levou a cabo?

Para comezar a traballar, os alumnos recibiron na aula, por parte da docente da materia, unha aproximación ao correspondente contexto histórico. Mediante o emprego de buscas en Internet individuais e conxuntas, esta primeira achega converteuse nunha investigación inicial por parte do alumnado que lle ofreceu unha visión máis clara do contexto no que se ía afondar.

Os alumnado de primeiro da ESO comezou esta primeira fase cun repaso do papel da muller desde a Prehistoria ata as civilizacións grega e romana. Para acadar unha visión o máis obxectiva posible, os alumnado —guiado pola profesora— buscou fontes primarias onde aparecesen representacións femininas e analizou o papel que estas desenvolvían (mostras de literatura, frescos, gravados, ilustracións en cerámicas gregas etc.) De forma conxunta debateuse sobre o papel da muller na Antigüidade ata obter unhas hipóteses previas de traballo.

Pola súa parte, o alumnado de cuarto da ESO comezou analizando o auxe dos totalitarismos en Europa (as súas causas e consecuencias) a través da análise doutro tipo de fontes primarias, neste caso cartelería, prensa, fotografías etc. Unha vez que asimilou o contexto histórico, centrámonos nas formas de represión máis habituais empregadas tras un conflito na historia contemporánea e, de forma conxunta, recompiláronse varias destas e algunhas hipóteses sobre a súa orixe.

O segundo paso neste proxecto démolo cando, divididos en grupos segundo o nivel educativo, realizamos unha primeira visita á Facultade de Historia de Ourense e ás instalacións da Universidade de Vigo neste campus. Nesta primeira visita presentouse de forma conxunta, entre a decana da facultade, o profesor Julio Prada e a profesora encargada da materia, o proxecto que se ía desenvolver e marcáronse os pasos que había que seguir e as áreas de estudo e investigación obxecto deste.

Asímesmo, a decana aproveitou esta oportunidade para presentar o grao de Xeografía e Historia, convertendo este proxecto nunha oportunidade de difusión para os estudos da propia facultade. Este apuntamento non carece de relevancia, pois que todos os axentes implicados no desenvolvemento dun proxecto destas características poidan formulalo con base nuns obxectivos propios (ademais dos comúns) facilita que se poida repetir en máis ocasións ou exportar a outros centros ou agrupamentos.

Unha vez remarcados os obxectivos de traballo dos estudantes, presentóuselle ao alumnado a metodoloxía que había que seguir nas súa investigación, tratando de fomentar o método hipotético-dedutivo empregado na investigación histórica. Así, o alumnado de primeiro da ESO que, como acabamos de ver, traballaría no campo da historia antiga, contextualizou o proxecto cunha visita ao gabinete de arqueoloxía onde observou de primeira man como se traballa con fontes primarias. Con esta visita conseguiuse manter elevada a motivación do alumnado ao verse quen de identificar patróns —que observara no traballo previo desenvolvido na aula— nas cerámicas expostas e poder examinar de primeira man as diversas pezas expostas.

 

Visita ao Gabinete de Arqueoloxía da Facultade de Historia da Uvigo

 

Observando peza de Arqueoloxía

 

O alumnado de cuarto da ESO, pola contra, puido visitar a biblioteca do campus de Ourense da Universidade de Vigo para achegarse aos estudos bibliográficos necesarios para o traballo en historia contemporánea. Dirixidos polo profesor Julio Prada e a docente encargada da materia, aprenderon a identificar bibliografía pertinente para o obxecto de estudo proposto e a empregar a información obtida desta forma. Do mesmo xeito, recibiron indicacións para traballar con fontes primarias propias da historia contemporánea (prensa, fotografías, diarios, cartas, memorias etc.) e analizalas desde un punto de vista crítico, intentando diferenciar achegas obxectivas de subxectivas.

Co obxectivo de crear un traballo conxunto de toda a clase que dese resposta ás incógnitas propostas, seguindo o método de traballo histórico e que puidesen presentar na universidade, de volta na aula, os alumnos de ambos os cursos foron divididos en pequenos grupos aos que se lles asignou un tema dentro de cada unha desas epígrafes propostas.

No caso do estudo do papel da muller na Antigüidade clásica para primeiro da ESO, decídese afondar nas mulleres-deusas (a súa consideración e o seu rol, festividades, ritos, crenzas etc.) dado o maior número de fontes existentes e a súa accesibilidade para a investigación de alumnos de 12-13 anos.

No caso do cuarto curso de ESO, tendo en conta as particularidades do grupo e a súa capacidade de traballo e análise, proponse unha serie de temas sobre o emprego e evolución histórica da rapa como forma de represión contra as mulleres.

 

Os alumnos realizaron pequenas investigacións sobre as subdivisións creadas polos docentes mediante o emprego de diversas fontes e o método de investigación histórica. Cos resultados destas indagacións, crearon presentacións grupais que expuxeron na aula e someteron a coavaliación.

En cada un dos grupos, un alumno da aula foi nomeado polos compañeiros como o encargado de recoller as conclusións ás que chegaron de forma conxunta, as achegas válidas e útiles dos traballos grupais e aquelas achegas que debían descartar, ben porque non se axustaban ao tema, ben porque entre todos consideraban que non daban resposta á incógnita formulada.

No primeiro curso da ESO, a profesora Susana Reboreda visitou o centro tras as primeiras exposicións e impartiulle unha masterclass ao alumnado titulada «A muller na antiga Grecia», coa que os estudantes puideron perfilar a súa proposta final.

Ambos os cursos acudiron, finalmente, á Facultade de Historia para formular as súas conclusións finais diante dos correspondentes profesores e doutros membros da comunidade universitaria. Logo das exposicións, tiveron a oportunidade de debater e formular todas as cuestións que lles quedaran pendentes.

Os alumnos de cuarto da ESO, ademais, recibiron unha masterclass do profesor Julio Prada sobre o tema obxecto de traballo coa que puideron, finalmente, despexar todas as súas dúbidas e cubrir as lagoas que atoparan ao ter limitado o acceso ás fontes precisas para o estudo dun tema tan complexo.

Logo da finalización do proxecto, realizouse unha sondaxe entre o alumnado para avaliar a consecución dos obxectivos marcados e a adquisición das aprendizaxes comprendidas no proxecto e todos os indicadores acadaron niveis rexistrados entre un 90 e un 100% de puntuación. Os resultados desta sondaxe son, en realidade, os que demostran que aprender historia doutra forma é posible.

 

Podería repetirse este proxecto en caso de ensino semipresencial ou a distancia?

Hoxe en día é importante programar as actividades das nosas materias tendo en conta as condicións sanitarias nas que estamos a desenvolver a nosa profesión.

Non cabe dúbida de que esta situación condiciona a nosa práctica e fai que, ás veces, lles deamos máis dunha volta aos proxectos que queremos desenvolver co noso alumnado.

Pero... é posible repetir esta experiencia nas circunstancias actuais? A resposta é un rotundo si.

Aínda que o traballo colaborativo entre os estudantes debe realizarse con todas as medidas preventivas observadas no protocolo covid-19 para centros educativos, non hai ningún impedimento real para desenvolver novamente este proxecto. As sesións universitarias —de docencia ou titorización, por exemplo— poden desenvolverse mediante o sistema de videoconferencias do centro e o resto de actividades poderán facerse do modo habitual. Se a situación persistise e ao final do proxecto o alumnado non puidese visitar a universidade para presentar os seus traballos, empregaríase de novo o sistema de videoconferencias para comunicarse co docente universitario correspondente e recibir feedback. A solemnidade do acto podería manterse igualmente, coa invitación da decana ou decano da devandita facultade ou as autoridades que fosen pertinentes.

 

Conclusión

Traballar en historia doutra forma é posible. Esta materia presenta una versatilidade que ningunha outra posúe e é algo que debemos aproveitar.

Que o alumnado sexa o encargado de investigar, buscar e contrastar información, presentar as súas achegas etc. convérteo nos protagonistas da súa propia aprendizaxe.

O proxecto Tendendo pontes pretende basearse en todo isto e mais darlle a coñecer o método de traballo histórico ao noso alumnado. A colaboración coa universidade é imprescindible para manter a motivación dos estudantes, pois xera neles unhas expectativas de traballo e de excelencia no seu desenvolvemento.

Asímesmo, permite achegar a realidade das aulas universitarias á comunidade escolar e tender pontes entre os docentes de ambos os niveis.

Nos tempos que vivimos, marcados pola crise da covid-19, faise máis preciso ca nunca encontrar estratexias e proxectos que poidan desenvolverse independentemente das condicións sanitarias que nos ocupen. Esta é unha delas.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bloom, B.S. (1956). Taxonomía de los objetivos educacionales. Manual I: El dominio cognitivo. Nueva York: David McKay Co Inc.

Bonorino Ramírez, P.B. (2016). El debate en el aula. Vigo:Universidade de Vigo.

Bueno I Torrens, D. (2019).Neurociencia aplicada a la educación. Madrid: Síntesis.

Rodríguez, F., Santiago Campión, R., Tourón Figueroa, J. (pr.) (2015).Gamificación: Cómo motivar a tu alumnado y mejorar el clima en el aula. Barcelona:Océano. Recuperado de https://www.researchgate.net/publication/299584812_Gamificacion_Como_motivar_a_tu_alumnado_y_mejorar_el_clima_en_el_aula.

García-Varcálcelmuñoz-Repiso, A. e Basilotta Gómez-Pablos, V. (2017). Aprendizaje basado en proyectos (ABP): evaluación desde la perspectiva de alumnos de educación primaria. Revista de Investigación Educativa, 35 (1), pp. 113-131. Dispoñible en http://revistas.um.es/rie/article/view/246811.

Gardner H. (2011). Inteligencias múltiples: la teoría en la práctica. Barcelona: Paidós.

Larmer J. e Mergendoller J. (2010). The Main Course, Not Dessert. Buck InstituteforEducation. Recuperado de https://my.pblworks.org/resource/document/main_course_not_dessert

Mora, F. (2017). Neuroeducación: solo se puede aprender aquello que se ama. Madrid: Alianza Editorial.

Santiago Campión, R., Bergmann, J., Mazur E. (pr.) (2018). Aprender al revés: FlippedLearning 3.0 y metodologías activas en el aula. Paidós Ibérica.

Thomas, J. (2000). A review of research on project-basedlearning. Recuperado de http://www.bobpearlman.org/BestPractices/PBL_Research.pdf

Waelti, P., Dickinson, A., Schultz, W. (2001). Dopamine responses comply with basic assumptions of formal learning theory.Nature, 412.


 

Sección: