El arte de dar clase (según un lingüista)

Autor: Daniel Cassany
Editorial: Anagrama, colección Argumentos, Barcelona, 2021
ISBN: 978-84-339-6464-9   189 páx

 

Autor da recensión: Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.es
Centro de Formación e Recursos da Coruña

 

 

Daniel Cassany é autor dalgúns dos libros máis representativos do ámbito da pedagoxía da lectura, da escritura e da ensinanza de linguas publicados en España nestes últimos anos. Títulos como Describir el escribir (1987), La cocina de la escritura (1995), Tralas  liñas. Sobre la lectura contemporánea (2000), Afilar el lapicero (2007), En_liña: Escribir y leer en red (2002), Laboratorio lector (2019), forman parte da biblioteca de moitos departamentos de centros do noso país.

El arte de dar clase está dirixido a todas esas persoas que se estrean como docentes, e que teñen que aprender a convivir e a traballar nun espazo como é a aula, cada vez máis complexo e cambiante.  Deste xeito, o libro está repleto de consellos e orientacións moi pertinentes tanto para mestres e mestras principiantes como para os máis expertos que desexen repensar o seu traballo na aula. Tamén atoparán recursos útiles para pór en práctica metodoloxías de aprendizaxe cooperativa, uso adecuado da comunicación verbal e non verbal, xestión dunha aula dixital, e mellora de todas as destrezas lingüísticas. 

O libro está escrito cun enfoque subxectivo que non foxe das vivencias e das anécdotas máis persoais para conseguir que a lectura se faga amena, cercana, e que as propostas se perciban como moi reais. Todas as pautas e recursos que se ofrecen neste manual están baseadas na propia experiencia persoal do autor, e son froito directo dos moitos obradoiros impartidos por Cassany en diferentes contextos, e con alumnado heteroxéneo dabondo. Neste sentido resultan de  grande utilidade os oitenta e dous cadros que enriquecen a obra e que inclúen exercicios, actividades e pautas para xestionar eficazmente unha aula.   

No mesmo título da obra figura unha frase que subliña que o libro está escrito dende a perspectiva dun lingüista. Esta precisión non exclúe como destinatarios de El arte de dar clase a profesionais da educación que non posúan esta condición. O mesmo autor afirma na introdución que “todo mestre é mestre de lingua”, frase que moitos educadores partillamos. A lingua é unha ferramenta esencial de aprendizaxe que deben dominar e coñecer todos os docentes. Esta premisa é a que canaliza moitas das actividades que aparecen recollidas no libro de Cassany polo que resultarán de grande interese e utilidade para calquera profesor e profesora interesado por cuestións relacionadas coa expresión escrita e a comprensión lectora.

Fiel á premisa de que actualmente é máis prioritario crear situacións de aprendizaxe adaptadas ao contexto que dar leccións, neste manual atoparemos propostas para darlle un enfoque práctico e creativo ao noso labor como docentes.

 

 

Sección: