Unitaria de Vide

Unha escola/biblioteca para unha comunidade rural
No medio rural galego, a dispersión da poboación en pequenas aldeas e lugares fai posible que a escola unitaria, de existir, poida converterse en lugar de encontro e dinamización cultural do seu contorno.

Sabela Lahuerta Mouriño
Mestra responsable da Escola Unitaria de Vide (EEI de Vide)
sabelavide@edu.xunta.es

 

Vide é una pequena comunidade rural situada ao pé do río Miño, no concello das Neves, cunha poboación orientada case exclusivamente á actividade agrícola e vitivinícola en pequenas explotacións familiares. Desde o alto semella un mar de vides do que emerxe o campanario da igrexa, a Casa da Auga e un bonito, aínda que deteriorado, edificio indiano: a escola unitaria.

A Escola Unitaria de Vide acolle a poboación de educación infantil da parroquia, ocupa a planta baixa do edificio, dúas aulas –unha delas funciona como biblioteca– e unha das vivendas da primeira planta onde están un despacho, a cociña e a aula de psicomotricidade.

As características do contorno –ruralidade, afastamento dos centros culturais de referencia, tradición consolidada de actividades comunitarias– e as peculiaridades propias dunha escola unitaria –illamento, precariedade de recursos, adecuación da escala de relación escola/familias– condicionaron o noso proxecto de traballo e converteron paulatinamente a unitaria nun espazo educativo aberto, lugar de encontro e dinamización cultural que supera as fronteiras da comunidade educativa para integrar ao redor dela toda a poboación da parroquia: alumnado e ex-alumnado, familias e veciños.

Unha escola aberta

Desde sempre, os veciños de Vide, relacionados ou non co alumnado da unitaria, entenderon a escola como unha institución propia, a “súa unitaria”, polo que de xeito natural están atentos a colaborar con ela: poñer a andar o muíño de auga para que nenos e nenas poidan coñecer o proceso do pan, invitarnos a participar na vendima, chamarnos cando nace un año, avisarnos onde hai un niño de curuxas ou “simplemente” pasar pola escola para compartir con nós os seus saberes e experiencias.
Ao mesmo tempo, o grupo de nais/avoas do alumnado participa activamente na vida escolar e na súa xestión e actúa como un verdadeiro equipo de apoio á mestra responsable, colaborando con traballo, ideas e recursos.

Conformouse así un xeito de entender a escola que superaba o mero espazo físico para se abrir á comunidade e integrarse nela.

O salto cualitativo e cuantitativo deuse no ano 2006 coa inclusión da Biblioteca da Escola Unitaria no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, o que supuxo o impulso que precisabamos para converter a tendencia en realidade e a escola nun centro de referencia cultural para a parroquia.

Foi entón cando se constituíu a Comisión de Biblioteca, co grupo máis activo de nais/avoas do alumnado e ex-alumnado. Este é un organismo estable, coordinado pola mestra responsable, que se reúne periodicamente, xestiona a biblioteca e programa, organiza e dirixe todas as actividades bibliotecarias e culturais.

Biblioescola

A actividade escolar organízase ao redor da biblioteca e dos seus recursos. O día comeza cando pola mañá nenos e familias entran na escola e se dirixen á biblioteca para escoller o libro que levarán para “pola noite”. É un tempo de encontro entre nenos, mestra e familias, onde as nais e os fillos deciden que levar para ler, mentres se fala de libros e lecturas e algunhas nais aproveitan para escoller a súa propia lectura na sección de adultos ou ler a derradeira entrada do blog da escola, Cadernos de Vide, proxectada no encerado dixital.

Cando as nais/avoas marchan, comeza o traballo diario, no que os recursos bibliotecarios seguen a ser protagonistas, apoiando o proxecto que se está a traballar. Moitas veces é un conto da biblioteca o obxecto do proxecto de traballo, outras veces os seus fondos permitirannos atopar a información necesaria, e ao remate, convertémonos en editores, elaborando e editando un novo libro de Editorial Unitariadevide.

Unha serie de actividades programadas achega o alumnado á lectura e á escritura e á xestión bibliotecaria mentres adquire as competencias básicas aprendendo a aprender. Unhas son diarias: a Hora de Ler, dez minutos de lectura libre, individual e silenciosa ao entrar do recreo, ou a Hora do Conto, media hora antes da saída, na que escoitan un conto que lles le a mestra, un compañeiro ou unha nai que, como chegou cedo recoller o seu fillo, “se apunta”. Outras son semanais como o Contacontos, lectura moi dramatizada dun conto, ou o Obradoiro Biblioteca, no que, como nos recunchos de infantil, partindo dunha táboa de dobre entrada, o alumnado escolle a actividade que vai realizar nesa sesión: bibliotecarios, lectores, informáticos ou xogos.

E sempre a porta da escola está aberta. Por ela entran nais, avoas ou veciños para lernos un conto, falarnos das súas experiencias, invitarnos ás súas casas ou amosarnos o seu traballo. Por ela saen decotío nenos e mestra cocer o biscoito no forno de Isabel, ir ver as lampreas que pescou Curro, investigar as clases de leitugas da horta de Geni, ou medir o que medrou o millo na veiga de Tareixa.

Biblioaldea

A escola “vive” da biblioteca e da colaboración de familias e veciños con ela e a biblioteca pon os seus recursos e iniciativas á disposición de todos os que vivimos en Vide, abrindo polas tardes e organizando actividades dirixidas a toda a poboación, sempre coa mirada posta nos máis novos da parroquia e no ex-alumnado. O motor é o grupo de mulleres da Comisión de Biblioteca, co apoio desde o curso pasado dunha nova comisión: o Club de Bibliotecarios, formado por ex-alumnado, que, ademais de colaborar na xestión, xa son quen de organizar actividades propias de dinamización lectora, como foi a Noite das Letras Galegas.

Os mércores pola tarde a biblioteca anuncia pola aldea, mediante carteis, a actividade programada, os Mércores de Cine, na que –como o seu nome indica– hai película; nos Paseos con Libro, nenos e maiores imos de andaina ata algún lugar significativo dos arredores, onde merendamos e escoitamos a lectura dun conto; nos Libros de Man en Man dámoslles saída ás doazóns e libros de expurgación, nunha feira de intercambio (se entregas un libro, recibes un vale polo valor doutro). Nas celebracións significativas, hai “festa” con contacontos, xogos… pero tamén as tardes dos mércores e venres a biblioteca está aberta a todos como espazo de lectura e estudo, coa posibilidade de utilizar os ordenadores e o acceso a internet .

Co obxectivo de achegar o libro e a lectura á poboación adulta, en colaboración coa Comunidade de Montes, creouse hai tres anos unha sección da biblioteca na Casa da Auga –local social de reunión veciñal–, con fondos dirixidos a mozos e adultos e que abre as fins de semana.
A biblioteca, coa Comisión de Biblioteca á fronte, dirixe tamén a súa mirada á recuperación da cultura e tradicións propias do contorno, para o que propón e organiza actividades nas que se implica toda a parroquia e solicita, de ser necesario, a colaboración doutras institucións.

Desde a biblioteca non só se fan actividades de recollida de cantares, publicando materiais recompilatorios, senón que a propia Comisión de Biblioteca se converteu en Pandeireteiras, recuperando vellos xeitos de cantar e tocar, e os pequenos e pequenas da aldea, seguindo o seu exemplo, tamén acoden os venres pola tarde á biblioteca para “aprender a pandeireta”.

Festas populares como a Festa do Magosto e Samaín ou a Fogueira de San Xoán son organizadas cada ano desde a biblioteca e, chegando maio, toda a veciñanza colabora coa súa comisión para organizar a Tarde de Fiadeiro, na que, recollendo a tradición dos antigos fiadeiros, cada casa contribúe con viño e viandas e as avoas collen as rocas para volver fiar mentres todo a vila canta e baila ao son de gaiteiros e pandeireteiras de toda a comarca.

Os cantos de reis son outra das tradicións recuperadas. Cando chega novembro, nenos e maiores xúntanse as tardes dos mércores na biblioteca para ensaiar os cantos cos que, montados en tractores, recorrerán Vide e o centro das Neves chegado o Nadal.

A intervención na comunidade desde a biblioteca coa promoción de actividades culturais e bibliotecarias deu lugar a que progresivamente se fose desdebuxando a separación biblioteca/unitaria e hoxe en día non saberiamos dicir se a escola ten unha biblioteca ou a biblioteca ten unha escola, o que si sabemos e que, mentres a escola unitaria siga aberta, en Vide existe un espazo de encontro para toda a poboación ao redor da cultura e dos libros.

Sección: