A EXPONAV

O gran museo descoñecido

 

 

En Ferrol, na cidade galega naval por excelencia, encóntrase o Museo Nacional da Construción Naval, situado no edificio Herrerías, no extremo sur do Cantón de Molins. Inaugurado en marzo do ano 2008, forma parte da Fundación EXPONAV, que nace no ano 2005 e que abrangue outras ofertas da vida cultural ferrolá, como son una sala de exposicións ou unha biblioteca que alberga entre documentos, planos, revistas técnicas e arquivos multimedia, boa parte da historia da construción naval ferrolá.

O propio edificio Herrerías que alberga a fundación é unha auténtica xoia da arquitectura do século XVIII, perfectamente recuperada a súa condición inicial de 1781, grazas a un convenio no ano 2001 entre o Goberno do Estado, a Xunta e a Armada. A súa función era a de albergar as fundicións que eran necesarias para fabricar todos os elementos metálicos que necesitaban os nosos buques. Contaba con 32 fraguas das que hoxe en día nos quedan as correspondentes chemineas, dous pozos de auga doce para o servizo destas, e unha superficie de máis de 800 m2 divididos en dúas plantas; no taller traballaban uns 360 operarios.

 

 

Hoxe en día o edificio ocupa tres plantas, as dúas primeiras dedicadas ao museo e á sala de exposicións, e a terceira dedicada á administración da fundación, aos despachos de colaboradores, aos talleres de maquetas e de nós mariñeiros e á biblioteca. Todo isto rexentado por un padroado entre cuxos compoñentes temos, entre outros, a propia Armada, a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña, a Universidade da Coruña, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a AINE etc. Xunto a estes, un reducido grupo de colaboradores voluntarios conserva todo o legado, adminístrao e modernízao nun traballo encomiable sen máis recompensa ca o amor pola construción naval.

O museo ten dúas partes ben diferenciadas, na súa planta baixa encontrámonos cun percorrido pola historia da construción naval, comezando polos estaleiros e as diversas formas de “nacemento” dun barco, ao que segue unha ampla mostra da construción en madeira, comparando as súas diversas técnicas.

Nesta zona encontramos os restos do pecio da fragata Magdalena, fundida no ano 1810 na ría de Viveiro, acontecemento que nos deixa a curiosa anécdota do nacemento da orde de prohibición de estar embarcados no mesmo barco pais e fillos, tras encontrar os cadáveres do comandante e do seu fillo fundidos nun abrazo final.

 

 

Segue a planta mostrándonos a construción ata os nosos días, contemplando as súas diversas facetas e etapas, desde a forma de unir as súas múltiples partes, ata o comportamento do buque en diversas condicións de navegación, pasando polas etapas de deseño.

Completa a planta baixa un percorrido polas formas de propulsión dos buques, desde o remo ata as turbinas, pasando por caldeiras e motores, así como unha mostra comparativa dos aloxamentos das dotacións dos buques, do século XVIII e dos de hoxe en día.

Ao longo do percorrido encontramos diversos autómatas que o visitante pode usar para coñecer de maneira práctica as salas onde se encontra; por exemplo, autómatas de motores, da flexibilidade dun barco, da estabilidade etc. ; todos eles pode e debe activalos o visitante.

Na planta alta do museo, encontramos diversas salas temáticas: tipoloxía de buques; unha sala dedicada a Astano “Milagre na Ría”, outra dedicada á Armada, as súas escolas, os seus buques; a portos; a navieiras; a manobra e salvamento nos buques; a aparatos auxiliares etc. E estamos no labor de mostrar unha sala dedicada á electricidade, electrónica e comunicacións.

Temos un amplo horario de visitas, temos aberto para o público en xeral todos os días do ano, con visitas guiadas tanto para grupos coma para colexios; só necesitamos uns días de antelación para acomodarnos ás necesidades horarias do colexio. Como colofón á visita colexial ofrecemos a posibilidade de acudir ao noso taller de nós, onde un especialista ensinará os nós máis accesibles á idade dos asistentes (desde os 7 anos ata os 16). E para os máis peques temos un taller de pintura onde aprenderán máis cousas sobre o mar. Para aqueles colexios ou grupos que necesiten uns minutos de descanso (os peques para a “merendiña” da mañá), dispoñemos do espazo necesario.

 

 

A sala de exposicións está dedicada a exposicións temporais de todo aquilo que teña algo que ofrecer aos fins da fundación: mostras de pintura, fotografía, presentacións de libros, conferencias, audicións musicais etc.

Paralelamente á fundación existe a Asociación de Amigos do Museo da Construción Naval, que acolle os nosos colaboradores, os cales co seu altruísta esforzo soportan todas as actividades da fundación, a cal a cambio lles ofrece pequenas compensacións a tanto traballo. Benvido sexa quen decida apoiar esta magnífica idea.

 

 

Palabras clave: 
Sección: