Microrrede da Mariña, dinamizando as comunidades educativas a través da literatura

Coa entrada no PLAMBE (Plan de mellora de Bibliotecas Escolares ) de moitas das bibliotecas escolares de Viveiro, xorde a idea de formar unha microrrede de traballo colaborativo, co fin de sumar esforzos, xuntar propostas, interrelacionarnos, intercambiar experiencias lectoras e, sobre todo, levar a cabo un proxecto anual común que incida sobre todas as comunidades educativas e fomente a relación e o peso da literatura en familia, implicándoas no hábito lector.

Carmen Ferreiro Maseda, integrante do grupo de biblioteca do EEI San Roque
Genma Rego Rouco, coordinadora da biblioteca do EEI San Roque
Marta Pérez Lage, coordinadora da biblioteca do CEIP Pedrosa Latas
M.ª del Pilar Sánchez Veiga, coordinadora da biblioteca do CEP Lois Tobío
María Rolle Insua, coordinadora da biblioteca do CEIP de Covas
Susana Quintela Díaz, coordinadora da biblioteca do IES María Sarmiento
M.ª Luz Iglesias López, integrante do grupo de biblioteca do CEIP Pedro Caselles Rollán
Carolina Mariño García, integrante do grupo de biblioteca do IES Vilar Ponte
Contacto:  msveiga@edu.xunta.es

CONTEXTO

Viveiro está situado na beira do litoral cantábrico, na Mariña Occidental; a vila conta con varios centros de ensino non universitario que ofertan as diferentes etapas da educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Temos, polo tanto, unha situación que propicia e facilita o encontro e a colaboración intercentros.

Por outra banda, as vilas que configuran a nosa comarca están próximos entre si e iso fixo posible que a nosa microrrede puidese medrar, estenderse e aglutinar outros colexios, como son o de Xove e Cervo.

XUSTIFICACIÓN

A formación dunha pequena rede de traballo colaborativo é a resposta á necesidade de sumar esforzos para alcanzar un propósito común.

Desde hai algúns anos, vivimos nos centros educativos experiencias colaborativas, de interrelación, con actividades como apadriñamentos lectores, animación á lectura entre diferentes niveis… que foron sempre moi gratificantes e altamente positivas, dado que algúns colexios reciben o alumnado procedente de centros veciños, desde infantil a secundaria e, para os maiores, volver aos lugares onde pasaron parte da súa vida escolar era una fonte de motivación; pero esa non foi a única razón que nos levou á formación do grupo colaborativo. Logo de que moitos dos nosos centros tiveron a oportunidade de formar parte do PLAMBE, as bibliotecas modificáronse, tanto no que ten que ver co seu espazo físico coma no tocante a súa dinamización. Foron os Encontros de Bibliotecas Escolares en Santiago –aos que acudimos moitas veces en grupo unidas pola proximidade xeográfica na que vivimos– os que nos levaron a coñecernos, intercambiar opinións, ideas, experiencias… e así nace o xerme que agroma e segue a medrar nos nosos centros educativos.

Á volta das xornadas do ano 2011, con ánimos renovados e moitas ansias de ampliar o ámbito das nosas actuacións, fíxose unha primeira proposta de traballo colaborativo; pensando e intentando que resultase un éxito para poder darlle forma á creación dunha microrrede de bibliotecas escolares.

Neste grupo de traballo, a interdependencia positiva entre todos os membros é un factor fundamental. Unha persoa realiza unha achega e espera que o resto dos compoñentes do equipo contribúan no mesmo sentido para poder transformar o traballo individual nun produto máis rico. Para conseguilo necesítase dunha boa comunicación e interacción entre os participantes.

 

                                  Inauguración da primeira exposición

 

DESENVOLVEMENTO

Os obxectivos que nos propuxemos foron:

  1. Facilitar o encontro das distintas representantes dos colexios para, de xeito organizado, ter a oportunidade de intercambiar experiencias e levar á práctica outras en común.
  2. Impulsar a colaboración, a aprendizaxe común e a coordinación de esforzos.
  3. Incorporar as familias como responsables e colaboradoras na formación lectora dos fillos.
  4. Promover un ambiente cultural axeitado e colaborativo entre todos os membros da familia e enlazalo coa escola.
  5. Compartir experiencias, sentimentos e emocións entre os diferentes membros da familia, unidos a través dunha proposta escolar.
  6. Dar a coñecer o traballo desenvolto nas diferentes comunidades educativas e expoñelo nun marco común, servindo para compartir ideas, ilusións, emocións...
  7. Recuperar a memoria tradicional da literatura e as súas repercusións no ambiente cultural das familias.
  8. Contribuír á promoción da cultura na vila e no seu contorno, desde o humilde traballo dos escolares que constitúen as xeracións do futuro.

O obxectivo específico é o de fomentar os hábitos lectores e recuperar a literatura infantil e xuvenil como parte da vida cotiá das familias e como fonte de pracer na vida das persoas.

                                  Traballos realizados

 

Organización:

Estableceuse como actividade para desenvolver anualmente un miniproxecto que vai renovando a súa temática, e que implica no seu tratamento o alumnado e as súas familias.

Para a súa consecución, formulamos inicialmente un calendario de reunións onde poder dar ideas e planificar o proxecto anual que supón sempre, nos meses de abril e maio, unha actividade conxunta de exposición de traballos e animacións culturais.

Nas diferentes reunións decidimos:

  • O tema do proxecto.
  • O formato único para todos os colexios.
  • A nota informativa ás comunidades educativas, explicando a actividade e invitando a participar nela.
  • O programa de actuacións de animación á lectura por parte do alumnado e profesorado dos centros participantes.
  • A petición dun local no concello onde montar a exposición conxunta dos traballos.
  • O estudo dos medios e recursos para a difusión da actividade.
  • A elaboración do programa de desenvolvemento da semana de exposición e animación.
  • O calendario de gardas para apertura e atención da exposición durante a semana.
  • A avaliación da actividade e suxestións para a próxima convocatoria.

ACTIVIDADES

Desde a formación desta microrrede leváronse a cabo as seguintes actividades:

  1. O primeiro proxecto levou por título De onte a hoxe… lembrando o pasado. Consistía en recuperar da memoria familiar aquel libro que, por unha ou outra razón, deixara pegada en alguén da familia. Elixida a obra, os escolares fixéronlle unha pequena recensión e acompañaban o seu traballo dunha creación plástica na que recrearon e ambientaron o libro.
    O formato de presentación foi unha cartolina A3 con forma de libro e cor diferente segundo o colexio participante.
  2. O segundo proxecto titulouse Unha primavera de poemas. Consistía en ler poesía na procura dun autor e a súa obra; finalmente escolleron un poema que reescribiron e acompañaron da correspondente obra artística coa que ilustraban e ambientaban o poema. Como fío condutor actuaba a primavera, cada centro elixiu un motivo da estación para facer un modelo que lles enviou ás familias. Desta maneira, cada colexio tiña o seu formato que se unificaba pola temática. Houbo de todo: paxaros, plantas, bolboretas, papaventos, abellas…
  3. O terceiro proxecto está en proceso. Titúlase Daqueles contos… a novos finais. Consiste en elixir un conto clásico, dos que nos contaron de pequenos, e facer a nosa particular adaptación. Sobre unha cartolina de tamaño A3, repartida en tres rectángulos, escribirán de modo moi resumido a historia que escoitaron ou leron, elaborarán un final distinto ao tradicional e cambiarán, polo tanto, o rumbo dos protagonistas e da súa historia. Irá acompañado pola correspondente composición plástica que axudará na comprensión e lle dará vistosidade ao traballo. A cor empregada no modelo de cada centro educativo será diferente.

Todos os proxectos se desenvolven durante os meses de marzo e abril e os produtos finais expóñense nunha primeira fase dentro de cada colexio. Para rematar, aló polo mes de maio, faise a exposición conxunta nun local do Concello de Viveiro e ábrese a todas as comunidades educativas, que poden visitala ao longo dunha semana en horario de tarde.

Cada día da semana hai animacións que se achegan desde os distintos colexios. Son os propios alumnos e os seus mestres e mestras os que protagonizan esas animacións, que fundamentalmente consisten en contacontos, recitados con acompañamento musical, dramatizacións, representacións e actuacións musicais.

Narración oral na sala de exposición

AVALIACIÓN

A avaliación é positiva para o grupo de traballo porque somos quen de complementarnos, retroalimantarnos e, aínda atopando moitas dificultades, continuamos con ilusión.

A motivación intrínseca de todas as participantes constitúe un motor imprescindible grazas ao que a rede segue en pé e aberta a novos proxectos.

O traslado da proposta aos claustros e familias é outra experiencia gratificante por conseguir lograr un alto grao de participación que, por suposto, é necesario.

O resultado final do traballo, que remata coa exposición pública durante unha semana, constitúe a ferramenta máis importante para a avaliación do proxecto e o funcionamento da microrrede. Este resultado foi moi satisfactorio, tanto polo número de traballos achegados que implicaron unha inmensa maioría das familias das distintas comunidades educativas, coma polo alto grao de participación nas diferentes actividades de animación cultural que se realizan durante ese tempo.
En conclusión, a valoración final do funcionamento deste grupo de traballo é moi favorable porque os resultados que se obteñen son moi gratificantes e os obxectivos cúmprense nunha porcentaxe elevada; pero aínda así queremos mostrar as principais vantaxes atopadas e os atrancos máis importantes.

O maior desafío é lograr a motivación a partir dos recursos humanos e materiais cos que contamos en cada momento.

Como vantaxes destacamos:

  1. A interacción entre as compoñentes do grupo enriquece, sensibiliza e abre novas vías de colaboración.
  2. O compromiso que supón formar parte dunha rede é garantía para manter o nivel de motivación e concluír cun bo resultado final.

E como dificultades:

  1. A busca dunha proposta común axeitada e asumible polas distintas comunidades educativas e os diferentes niveis de ensino aos que vai dirixida.
  2. As horas de dedicación que supón formar parte desta rede están fóra do horario lectivo e sabemos que non é valorado o traballo docente fóra das horas de clase propiamente ditas.
  3. Este horario de traballo, fóra do regulamentado, tamén supón dificultades de organización, pois hai que contar con desprazamentos, compromisos de traballo no centro de cadaquén e outro tipo de obrigas.

Aínda así, as posibilidades que ofrece un traballo colaborativo entre profesionais que se propoñen un mesmo proxecto e marcan uns obxectivos comúns son moi grandes e enriquecedoras. Prodúcense resultados de maior calidade e compártense informacións que conclúen na mellora das aprendizaxes.

Sección: