As TIC na biblioteca como motor de cambio

Proxectos colaborativos de innovación no CEIP A Ponte de Lugo
O artigo trata da importante transformación que se está experimentando na metodoloxía do profesorado coa introdución das TIC na biblioteca e nas aulas ante os retos tecnolóxicos actuais, onde a biblioteca ten un papel fundamental como impulsora e motivadora de proxectos, favorecendo a cooperación do profesorado, así como a súa formación e as competencias do alumnado.

Encarna Opazo Fernández
Coordinadora da biblioteca
CEIP A Ponte de Lugo

O CEIP A Ponte de Lugo débelle o seu nome á ponte romana que comunica o centro da capital co barrio do mesmo nome situado na beira do río Miño e preto da Termas Romanas, enclave natural e atractivo para estudos da nosa historia e do noso medio. É un centro educativo de 10 unidades, tres de educación infantil, seis de primaria e unha de autismo, que acolle un total de 200 nenos e nenas do medio rural e urbano.

A nosa biblioteca escolar é un bonito espazo cheo de luz e cor, situado na planta baixa do centro, á que se accede facilmente desde calquera punto do colexio e tamén desde o exterior. Está en funcionamento desde o 2004 e desde o 2007, integrada no PLAMBE, formando parte dun foro virtual de colaboración e participación entre profesionais que enriquece e ofrece novas ideas para o traballo diario. Nela conviven en perfecta harmonía libros en formato papel, libros electrónicos, sete puntos de conexión á rede por cable e acceso wifi para tablets e outros. Véñense realizando multitude de actividades e proxectos, dirixidos ao alumnado, ao profesorado e aos pais e nais; todos encamiñados á adquisición das competencias básicas do alumnado. Coa evolución do traballo realizado e a incorporación das novas tecnoloxías, foi experimentando cambios importantes no seu espazo, na perspectiva do centro, no modelo de traballo do profesorado e na apertura á comunidade educativa.

 

Cambio metodolóxico

O equipo de biblioteca está formado por oito mestres e mestras con destino definitivo no centro, que colaboran coordinadamente cos equipos TIC e DL para a realización dos proxectos de biblioteca, unha biblioteca motivadora, buscando sempre os temas de maior interese para o alumnado, que o fagan sentir a gusto e nun medio innovador e actual.

O profesorado é consciente de que o uso de encerados dixitais e ordenadores tanto na aula coma na biblioteca, nunha época de acceso á información e coñecemento marcada por cambios constantes, implica un cambio de metodoloxía, lento pero necesario. A formación é a solución a tantas inseguridades, que aínda segue habendo, ante a aparición cada vez con máis frecuencia de novos recursos informáticos. Cursos presenciais no centro e grupos de traballo fannos adquirir a formación necesaria e reflexionar para deixar de depender exclusivamente do libro de texto e así comezar a utilizar co alumnado materiais de elaboración propia ou elaborados por outros a través da rede, como as webquest e as miniquest ou as cazas do tesouro entre outros.

Ante esta situación e a experiencia que nos supuxo a realización co alumnado destes e doutros traballos a través da rede, chegamos á conclusión de que o uso das novas tecnoloxías supón unha maior motivación entre o alumnado e contribúe a unha maior implicación nas súas aprendizaxes. Estas tecnoloxías, principalmente as da web 2.0, facilitan que o alumnado participe na súa propia aprendizaxe e que a biblioteca estea presente en calquera espazo e accesible á comunidade educativa.

A principal innovación, motor dos máis importantes cambios, é, neste caso, o interese pola alfabetización dixital por parte do profesorado, que fai que o equipo de biblioteca, conxuntamente co equipo TIC, se estea formando pouco a pouco nestas destrezas e, en consecuencia, colabore, participe e reflexione sobre novas estratexias de aprendizaxe. Paulatinamente, estamos en condicións de lles dar resposta ás novas formas de busca da información, de lectura e escritura electrónica que demanda o paso do papel ás redes telemáticas do espazo dixital.

 

As TIC, motor de cambio

As TIC están cobrando moita importancia no centro, non só polo importante papel que desempeñan na biblioteca, senón tamén pola colaboración do resto do equipo docente, que tanto desde as aulas ABALAR como desde as outras, axudan e colaboran nos proxectos de investigación que se propoñen na biblioteca; desde onde intentamos realizar actividades de formación básica de maneira paralela ao desenvolvemento de actividades de investigación. O libro de texto está empezando a compartir protagonismo coas TIC, co     que se poducen cambios no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Entre outras actividades, desde a biblioteca fomentamos as de investigación. Presentamos ao longo do curso tres proxectos interdisciplinares, un por trimestre, escollidos entre os temas do currículo e que serán tratados desde cada ciclo cos obxectivos correspondentes. Neste curso tamén realizamos miniproxectos desde cada área, onde algúns temas son elixidos polo propio alumnado, que se enfronta a situacións nas que el é o protagonista da súa propia aprendizaxe, construíndo o coñecemento a partir da información máis relevante, que busca coa axuda do profesor, e que dotará o alumnado de mecanismos para avaliar e seleccionar a inxente cantidade de información dispoñible na rede e noutros soportes; despois elaboran os traballos que expoñen e comparten co resto dos compañeiros de xeito oral e dixital.

As TIC son ferramentas fundamentais nestes proxectos de investigación, nos cales o alumnado é o protagonista, motivado pola realización do traballo, próximo aos seus intereses, aínda que tamén fará uso de recursos editados e contextuais, sempre cun enfoque colaborativo, intentando variar o agrupamento segundo os traballos (parellas, grupos ou traballo individual).

 

Recursos TIC

Algúns dos recursos TIC que estamos utilizando e incorporando desde a nosa biblioteca para investigar, facer visibles os traballos, informar, comunicar, colaborar co profesorado, compartir, conservar, difundir, fomentar a participación da comunidade educativa, dar a coñecer a biblioteca, potenciar o seu uso e os seus recursos son:

O fondo da biblioteca está informatizado co programa Proxecto Meiga. A formación de usuarios para a busca documental mediante acceso telemático é importante e necesaria, é función nosa preparar usuarios para buscar, recuperar, transmitir e tratar a información.

Préstamo do libro electrónico. Temos dous libros electrónicos e un tablet, para animar a ler, o que facilita o acceso a obras literarias e prepara o alumnado para utilizar distintos soportes, despois de facer un labor de formación para aprender a usalos. Cada alumno e alumna leva unha guía de uso onde se explica o funcionamento e as condicións de conservación e devolución do libro. No tablet van xogos educativos que favorecen a atención, a concentración, a orientación espacial, a resolución de problemas e a creatividade.

Dous días á semana, na hora do recreo e na biblioteca, o alumnado, por rigorosa orde de solicitude, ten acceso á realización de videoxogos educativos instalados nos ordenadores.

Elaboramos guías con webs onde atopar publicacións libres de dereitos de autor.
Biblioponte, blog da biblioteca no que aparecen as noticias máis relevantes das diversas actividades que realizamos na biblioteca, así como as efemérides máis notables. Tamén se visualizan os traballos do alumnado e do profesorado.

Blog do club de lectura, chamado tamén Biblioponte, no que presentamos as descricións dos libros que se van ler ou que se leron, que serve de grande apoio para o club de lectura presencial.

Para difundir as publicacións electrónicas, utilizamos Issuu e Calaméo, ao mesmo tempo que para compartir as producións do alumnado.

Diversas exposicións de traballos, recitados de poesía, contacontos, representacións de pequenas obriñas adaptadas e ilustradas polo alumnado son contadas a través do kamishibai e logo subidas a Youtube para a súa publicación no blog.

Realización de webquest, miniquest e cazas do tesouro para afondar en determinados temas do currículo de forma amena e práctica e así posibilitar unha adaptación máis axustada ás necesidades do alumnado.

Elaboramos unha guía de recomendacións para o uso seguro de internet, enfocada ao alumnado e aos pais e nais.

Elaboramos unha guía de recomendacións de páxinas web para pais e nais.

Tamén realizamos animación lectora desde o audiovisual creando curtas co Monkey Jam e o Movie Maker. Adaptamos contos onde este medio audiovisual e a literatura escrita e oral coexisten e se enriquecen mutuamente.

Produción de podcast e videocast para recomendacións lectoras, como reflexión sobre o uso da linguaxe, forma na que se expresan, a boa transmisión de ideas e a boa entoación e pronuncia.

Utilización de recursos en liña para crear contos, como ferramenta divertida, interactiva e motivadora para desenvolver a expresión escrita e utilizar adecuadamente o vocabulario.

Presentación de traballos de investigación en Powert Point, tamén para a transmisión de calquera tipo de información cun formato atractivo e despois compartila.

 

Reflexións

Como conclusión, pretendemos que desde a biblioteca, coa utilización das TIC, o alumnado se converta nun axente activo da súa propia aprendizaxe para desenvolver capacidades ou competencias útiles. Así mesmo, conseguir a alfabetización en información para saber como aprender, dominar os mecanismos de busca, construír o coñecemento a partir da información relevante, ter unha actitude crítica e utilizar responsablemente a información e as tecnoloxías.

Seguiremos avanzando no uso das tecnoloxías para incrementar as canles de acceso á biblioteca e ao seu uso, así como a comunicación, a participación e a colaboración da comunidade educativa. Os nosos próximos proxectos serán visualizarnos en Facebook e en Twitter, como medio de comunicación vivo, en tempo real e eminentemente práctico para toda a comunidade educativa, como canle de comunicación bidimensional entre o centro e a comunidade educativa. Equiparemos un ordenador cunha webcam para poñer un punto de lectura de códigos QR, tamén intentaremos a creación de códigos QR para recomendacións lectoras.

A rápida evolución das TIC fai que aparezan como un potente motor de cambio e innovación, e que pasen a ser utilizadas de maneira transversal e integral desde a biblioteca e desde as aulas en todas as facetas do proceso educativo.

 

(Biblioteca http://bibliopontelugo.blogspot.com.es/)
 

Sección: