Bibliotecas escolares

Lemos Le. Bibliotecas e librerías unidas por e para a lectura

O artigo trata das iniciativas levadas a cabo polo colectivo Lemos Le, integrado por responsables de bibliotecas escolares e municipais da comarca de Lemos e pola Asociación de Libreiros para unificar esforzos no impulso do mundo dos libros e a lectura.

Flora Grande Rodríguez
Coordinadora da biblioteca escolar do CEIP Virxe do Carme de Sober
floragrande@edu.xunta.es
Celsa Varela García
Coordinadora da biblioteca escolar do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos
celsavarela@edu.xunta.es

Contextualización

Na comarca de Lemos desde hai tempo estase a traballar na dinamización das bibliotecas. Este traballo víñase realizando desde bibliotecas escolares pertencentes ou non ao PLAMBE, bibliotecas públicas municipais e desde a Asociación de Libreiros.

O traballo de dinamización realizado de xeito individual e a amizade entre algunhas das responsables destas bibliotecas foron o xerme do noso colectivo.

Quen forma o colectivo?

O colectivo Lemos Le está formado polas bibliotecas escolares do CEIP A Gándara, CEIP Colexio Novo, EEI Infanta Elena e IES Daviña Rey de Monforte de Lemos, CEIP Virxe do Carme de Sober, CEIP A Pobra de Brollón e CEIP San Clodio. Tamén forman parte as bibliotecas públicas municipais da Pobra de Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, O Saviñao e Sober e a Asociación de Libreiros de Monforte. Aínda que este colectivo está aberto á participación de calquera outra biblioteca ou persoa que queira colaborar con nós.

Os nosos comezos

O 24 de outubro de 2012, nunha primeira reunión de bibliotecarios convocada pola biblioteca do CEIP A Gándara con motivo do Día Internacional da Biblioteca, estúdanse fórmulas que permitan coordinarnos, xa que o coñecemento que os profesores e bibliotecarios temos do quefacer dos compañeiros é un coñecemento informal e pensamos que podemos aproveitar este traballo individual para activar unha rede de bibliotecas da comarca.

Desta primeira reunión levamos unha boa impresión e a idea de potenciar esta rede como punto de encontro e coordinación das bibliotecas escolares. Ademais pensamos que a incorporación das bibliotecas públicas municipais a esta organización favorecería a creación dunha comunidade lectora entre a poboación escolar de primaria e secundaria pero tamén entre os adultos usuarios das BPM.

Neste momento consideramos que nace o colectivo Lemos Le.

Cales son os nosos obxectivos?

Desde o colectivo traballamos para acadar os seguintes obxectivos:

  • Xerar unha rede de bibliotecas escolares e municipais para desenvolver proxectos en común que favorezan, incentiven e dinamicen as funcións bibliotecarias.
  • Afianzar a colaboración con outros axentes sociais que poidan contribuír á construción da sociedade lectora, aproveitando tanto os nosos recursos coma os deles para mellorar a relación entre todos os sectores implicados no citado empeño.
  • Unificar esforzos no fomento da lectura, compartindo actividades entre toda a poboación escolar da comarca para consolidar o hábito da lectura a través da creación de diferentes estratexias e ambientes lectores que vaian máis alá dos propios centros educativos.
  • Implicar os usuarios adultos das bibliotecas públicas municipais, para ampliar o ámbito de actuación das nosas propostas a toda a comunidade educativa e outros usuarios das bibliotecas.
  • Mellorar os clubs de lectura existentes nas bibliotecas e favorecer a creación de clubs interbibliotecarios para que os alumnos duns centros socialicen e empaticen cos doutros centros da rede do colectivo.
  • Dar a coñecer e promover a investigación de figuras senlleiras da nosa comarca a través da educación documental dos usuarios das bibliotecas e como medio para a difusión cultural e histórica, vinculando o traballo escolar e bibliotecario coa cultura da nosa zona.

Actividades promovidas desde o colectivo

Recomendacións lectoras: o primeiro proxecto en común foron as Recomendacións lectoras para o Nadal 2012. Aínda que non foi un proxecto orixinal, foi un proxecto no que puxemos moitas ilusións xa que era a constatación do funcionamento do colectivo. Estas recomendacións difundíronse ás familias de todos os centros escolares públicos da comarca, nas bibliotecas municipais e nas librerías da Asociación de Libreiros de Monforte, deste xeito fíxose visible o noso traballo.

Desde entón o colectivo publicou recomendacións lectoras no Nadal e no verán, intentando atender a toda a comunidade lectora tanto por idades como por xéneros literarios: banda deseñada, narración, poesía, libros con CD…

Día da Biblioteca 2013: no 2013 o obxectivo era divulgar, facer visibles as boas prácticas que se están a levar a cabo nas bibliotecas, incentivar o seu uso e os motivos que as fan necesarias, así como afianzar a colaboración destas coas librerías e outros axentes sociais. Para facelo, lanzamos un logotipo que nos identificaba e agasallamos os nosos usuarios cun adhesivo con este logotipo. Tamén fixemos unha lectura conxunta de rimas sobre o papel das biblioteca nas diferentes institucións.

Fóra do horario lectivo organizamos a primeira cea de confraternidade do colectivo Lemos para todos os sectores relacionados coa cultura e a educación. Neste acto quixemos reivindicar a importancia do papel das bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.  A cea tivo unha boa acollida e conseguimos resposta na prensa e en distintas personalidades culturais que se nos sumaron, todas saíron contentas e ilusionadas; entre elas escritores como Antón Lopo ou Manuel Veiga, a xornalista Manola Porto, autoridades, clubs de lectura e diversos profesionais amantes da lectura.

Mulleres de Lemos: coincidindo co Día Internacional da Muller e coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos; levamos a cabo as seguintes actividades centradas este ano na figura de Inés de Castro.

Para primaria:

  • A historia de amor de Inés de Castro: aproveitamos a apaixonante historia de amor da dama monfortina Inés de Castro e o seu amado Pedro I de Portugal para celebrar o Día do Amor nos colexios. Esta historia foi a base para as diversas actividades realizadas: busca de información sobre a vida dos protagonistas, ilustracións e resumos, elaboración de marcapáxinas e ata bica de amor de Inés de Castro; xuntando así actividades de investigación e de creación.

Esta conmemoración tivo moita repercusión entre o noso alumnado, pero tamén entre a prensa local que se fixo eco das nosas actividades, co que conseguimos poñer en valor unha historia de amor propia da nosa comarca.

  • Na radio: o alumnado de quinto e sexto achegouse aos estudios de Radio Principal Cadena Ser en máis dunha ocasión para ser entrevistado sobre as actividades realizadas e para lecturas da historia e difusión desta.
  • O obradoiro Mulleres de Lemos. Inés de Castro. Unha muller para o 8 de marzo . Debate, reflexión e creación artística: en cada un dos trece centros educativos públicos e concertados da nosa comarca, o alumnado desenvolveu este obradoiro en dúas vertentes. Por unha banda, fíxose un traballo de reflexión sobre os dereitos das mulleres e a loita e defensa deles a través da vida de Inés de Castro; e por outra banda, plasmouse en imaxes esta historia de tal xeito que cada un dos centros participantes achegou unha ilustración para o libro.

Esta actividade desenvolveuse en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller).

Esta foi unha actividade lúdica e didáctica para aprender historia, mellorar a educación documental, valorar o propio e divertirse, ao mesmo tempo. O resultado é un precioso conto medieval con ilustracións do alumnado escolar do Val de Lemos que vai ser publicado en papel  cunha subvención recibida da Secretaría Xeral de Igualdade para tal efecto.

Para secundaria e adultos:

  • I Edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: modalidade de banda deseñada de 12 a 18 anos

Esta convocatoria tratou de implicar o alumnado de secundaria e bacharelato nunha actividade multidisciplinar na que tiñan que facer un traballo artístico e creativo para o que precisaban unha documentación, coa finalidade de adaptar unha historia medieval a un formato máis moderno.

Esta iniciativa tivo unha boa aceptación entre a poboación escolar e entre o profesorado de plástica, o que deu como resultado traballos de alta calidade, motivo polo cal se habilitaron dous accésits, ademais do premio principal.

  • I Edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: modalidade traballo de divulgación en calquera xénero literario a partir dos 18 anos.

Esta modalidade foi canalizada a través das bibliotecas públicas municipais. Dada a súa calidade, tentaremos que o traballo premiado sexa publicado para, posteriormente, formar parte do fondo documental das bibliotecas escolares e públicas.

Para a selección dos traballos en ambas as modalidades, contamos cun bo xurado formado por historiadores, xornalistas e artistas da comarca e para os premios contamos coa colaboración dos concellos da Pobra de Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, O Saviñao e Sober, o Museo do Centro do Viño, A Troula e as librerías Agrasar e Fénix.   

Lemos Le, nos mercados de Monforte:    o Concello de Monforte organiza cada fin de semana un mercado temático. No Día das Letras Galegas, o espazo do mercado estivo dedicado ás letras e ás flores e, como non podía ser doutro modo, este mercado acolleu diversas actividades propostas polo noso colectivo. Pola mañá, combinando composicións musicais e lendas tradicionais da nosa comarca, actuaron Os Parentes e Antón Valcarce. Pola tarde foi tempo para as bibliotecas escolares a través do Micrófono aberto,  no que o público que asistiu a este mercado puido ver distintas formas de narración oral que traballamos nas bibliotecas escolares xa que alumnado e profesorado participaron contando e representando contos como monologuistas e con representacións teatrais. Tamén levamos ao mercado o kamishibai.

Rutas culturais: organizamos unha ruta artístico-histórico-literaria sobre a figura do escritor Manuel María en resposta ao ofrecemento que se nos fixo desde a Concellería de Cultura. Tratouse dunha ruta guiada polo autor desta iniciativa, Xosé Martínez, visitando a exposición “Por Monforte con Manuel María” e paseando pola cidade do Cabe da man da magnífica guía poética que é o Cancioneiro de Monforte de Lemos deste autor, con paradas para a lectura dalgúns destes poemas. Nesta ruta participaron persoas de todos os ámbitos da comunidade educativa, así como amigos das bibliotecas e clubs de lectura.

Clubs de lectura: a través deste colectivo, prodúcese un continuo intercambio de fondos e recomendacións para traballar nos, cada vez máis numerosos, clubs de lectura.

Día da Biblioteca 2014: organizamos por segundo ano unha cea de confraternidade na que, ademais de seguir reivindicando a importancia do papel das bibliotecas, fixemos entrega dos premios do I Certame Mulleres de Lemos e presentamos oficialmente a segunda edición dedicada a María Castaña, a líder da revolta medieval que se produciu en Cereixa (A Pobra de Brollón), coa intención de seguir potenciando a investigación e difusión da cultura da nosa comarca.

Conclusións

Podemos concluír que estamos traballando no bo camiño para acadar os obxectivos propostos, xa que cada día son máis os centros educativos, entidades e persoas que se nos unen nesta tarefa de promover e impulsar o mundo da lectura e dos libros; e estamos convencidos de que o colectivo ten futuro porque cada día xorden novas iniciativas e ideas que nos permiten traballar tanto os obxectivos iniciais como outros que nos imos propoñendo.

Enlaces:

Os traballos no dia do amor
http://gandaralemos.blogspot.com.es/2014/02/o-amor-de-ines-en-imaxes.html

O conto conxunto
http://gandaralemos.blogspot.com.es/2014/06/blog-post.html

Sección: