Bibliotecas escolares

Bergondo nun conto: coñecer un concello

O proxecto documental anual dun CPI
Este artigo trata sobre a experiencia do proxecto de traballo da biblioteca do CPI Cruz do Sar de Bergondo correspondente ao curso 2013/14. Relátase como foi o desenvolvemento do proxecto partindo da proposta inicial de traballo (dar a coñecer o concello de Bergondo), a planificación segundo as etapas e cursos que participan (tanto de primaria como da ESO), a realización dos procesos de investigación e documentación, e o remate coa edición do libro Bergondo nun conto.

Dolores Barreiro Fernández
Profesora e coordinadora da Biblioteca
lolibarreiro@edu.xunta.es

Xosé Antonio Iglesias Calviño
Profesor e director do CPI Cruz do Sar (Bergondo)
xosea.iglesias@edu.xunta.es

Introdución

Cando nos propoñemos estudar un concello, temos que pararnos a pensar en todo o que nos ofrece o lugar onde estamos. A finalidade deste enfoque será deseñar axeitadamente os obxectivos que nos permitan acadar as competencias básicas do alumnado.

O noso centro está situado no concello de Bergondo, de poboación moi dispersa dividida en nove parroquias. Esta dispersión fai que a única biblioteca municipal, situada preto de nós, non sexa cómoda para o seu uso por parte do alumnado, debido ao escaso transporte público e á necesidade de vehículo para achegarse a ela. Deste modo, a biblioteca escolar ten un papel fundamental dentro do propio concello, e é un valor engadido a apertura en horario de tarde e coa sorte de poder contar con transporte extraescolar municipal gratuíto.

O CPI Cruz do Sar conta con 420 alumnos de educación primaria e secundaria. Con este alumnado vimos traballando en diferentes proxectos anuais: arte, América, matemáticas, África, os medos... Consideramos que este traballo por proxectos, desde a biblioteca, fai que o profesorado deixe a un lado o libro-materia e participe nunha experiencia máis globalizada e participativa para todos os integrantes do centro.

Neste curso 2013/14, fixámonos en que o noso alumnado non coñecía os diferentes lugares, historias e vida do recuncho onde viven, polo que consideramos a necesidade de realizar un proxecto para achegalos a este coñecemento do seu concello co título de Bergondo nun conto.

 

De onde partimos. Contextualización

O equipo da biblioteca traballa sempre de maneira grupal e deseñou o proxecto para todo o centro seguindo os seguintes pasos:

  • Secundaria: traballos de investigación.
  • Primaria: itinerarios para investigar o que ían vendo.
  • Planifícanse as actividades.
    • Final: recoller a información máis salientable nun libro en formato dicionario Desde o A ata o Z de Bergondo.
    • Xeral: coñecer o noso concello.
  • Defínense os obxectivos:
    • Establécese un primeiro contacto coa alcaldía.
    • Primeira proposta a ciclos e departamentos e recollida das achegas destes.
  • Análise do tema e posta en común das alternativas que nos ofrecía o concello en todos os seus ámbitos.
  • Coordínase o traballo de cada ciclo e departamento para que todo o alumnado do centro forme parte do proxecto. Contamos sempre con que teremos profesores que non van participar, pero debemos tentar chegar a todo o alumnado, ben por outra materia ou ben directamente polas propostas da propia biblioteca. Neste caso é fundamental a implicación do equipo directivo para motivar, enganchar profesorado e reorganizar horarios para as actividades.

Recursos empregados

Partimos sempre da importancia da coordinación entre o centro, o concello e as diferentes entidades coas que iamos traballar. Neste proxecto e despois dunha xuntanza coa alcaldía, sabiamos que no propio concello (no rexistro e na biblioteca municipal) tiñamos fontes moi apropiadas para empezar.

Os recursos que empregamos son sempre de tipo humano e material. Nos recursos humanos contabamos co profesorado do centro, alumnado, familias, entidades de Bergondo (a igrexa e o cura, pazos e gardeses, empresas e empresarios...). Na parte material: libros e revistas, vídeos e fotografías, o rexistro municipal, cartografía, internet, empresas…

 

Descrición da actividade

Como empezamos?

a) Realización dunha ruta para que o profesorado coñecese o concello

Como a maioría do profesorado non coñecía o concello, o director propón un itinerario polos diferentes lugares co obxectivo de que o profesorado saiba onde se atopa, que poida ver todo o que nos ofrece este municipio e coñezan a realidade na que vive o seu alumnado. Unha tarde, o profesorado, nun autobús escolar e cun itinerario marcado nun mapa do concello, fixo o percorrido escoitando as achegas do director e doutros profesores sobre o que imos vendo: empresas, pazos, igrexas, casas señoriais, praias, lendas, árbores senlleiras... Moi recomendable esta proposta para que o profesorado se achegue ao seu alumnado e ao seu contorno.

b) Repartición de tarefas para o profesorado

No equipo de biblioteca, despois de realizar o itinerario, decidimos elaborar un caderniño para primaria (en formato caderno de campo) coa finalidade de recoller a información e engadir fotos. Para imprimilo contamos coa axuda de empresas da nosa contorna que subvencionan a publicación.

O profesorado de primaria encargouse de:

  • Facer fotos polos distintos lugares.
  • Elaborar o caderniño.
  • Deseñar xogos para a presentación do proxecto.
  • Falar con empresas que nos permitisen visitalas.
  • Establecer contacto con escritores e artistas nacidos ou residentes en Bergondo para realizar encontros con eles e estudar a súa obra.
  • Coordinar, coa bibliotecaria municipal, un préstamo interbibliotecario e anual de todos os libros e revistas que teñan nos seus fondos e que nos acheguen información para o proxecto.
  • Contactar cos encargados dos pazos, igrexas e edificios singulares para poder visitalos.
  • Organizar coa alcaldía a visita ás instalacións do concello e os seus servizos: casa da cultura, xulgado, correos, policía local...
  • Analizar coa persoa encargada do rexistro o material co que se podía contar para os traballos de investigación do alumnado de secundaria.

c) Elaboración dunha guía de traballo

A encargada da biblioteca reúnese cos ciclos e departamentos para ir marcando o traballo específico de cada un: letra a letra.

Segundo a letra que tocaba traballar fóronse deseñando os itinerarios para realizar co alumnado: A Senra, edificio cultural, corresponderalle a sexto A; Bergondo correspóndelle a quinto; CPI Cruz do Sar, o centro educativo, correspóndelle ao segundo ciclo de primaria; Dores Tembrás, a escritora, correspóndelle a primeiro A; Economía de Bergondo para quinto; Festas de Bergondo para o segundo ciclo de primaria; Emigración en e desde Bergondo na ESO; Historia de Bergondo no Departamento de Xeografía e Historia; Igrexas de Bergondo para o Departamento de Relixión; Letras: Antonio Placer, o cantautor residente en Francia para o Departamento de Francés; Elena Veiga, a escritora, correspóndelle a cuarto da ESO; Miguelanxo Prado, o ilustrador e autor de banda deseñada, correspóndelle a primeiro e segundo da ESO; Natureza de Bergondo correspóndelle a segundo A; Mariñas, a comarca, correspóndelle a quinto de primaria; Ourives de Bergondo correspóndelle a primeiro B; Parroquias de Bergondo correspóndelle ao segundo ciclo de primaria, Arquitectura de Bergondo correspóndelle a sexto B; Relevo de Bergondo correspóndelle ao Departamento de Xeografía e Historia; Servizos en Bergondo correspóndelle ao CRA; Turismo en Bergondo correspóndelle a segundo B; Urbanismo en Bergondo correspóndelle ao Departamento de Xeografía e Historia, Viqueira, Xoán Vicente, o escritor, correspóndelle ao segundo ciclo de primaria; Xavier López, o escritor correspóndelle a cuarto da ESO e Pazos de Bergondo correspóndelle ao segundo ciclo de primaria.

O proceso

En primaria, a encargada da biblioteca faille ver ao alumnado que hai cousas de seu concello que non coñecen mediante un xogo que consiste en ensinarlles fotos de monumentos, lugares... de Bergondo e que digan onde están; por exemplo, móstraselles a imaxe do reloxo de sol da igrexa de Cortiñan e vánselle dando pistas ata que poidan localizala.

 

Que sabemos de Bergondo?

 

Reparte os caderniños de traballo e as primeiras “pegatas “ (son fotos de Bergondo, realizadas nos itinerarios e agora editadas en papel adhesivo) para que, despois de rematar a saída, engadan a información que recolleron. Será despois, co seu profesorado, cando investiguen sobre o tema do concello que lles toca traballar.

 

Álbum e fotos de Bergondo

 

Así, primeiro e segundo fan a parte da natureza, turismo, ourivería e a escritora Dores Tembrás. En terceiro e cuarto estudan todas as parroquias, recollendo a informacións relativa ás festas, personaxes que viven ou viviron nelas, monumentos, lendas, historias, ditos etc. Os de quinto e sexto visitan edificios emblemáticos e empresas; ademais estudan as aves de Bergondo coa axuda dos ornitólogos.

 

Unha das excursións para coñecer Bergond

 

Todos realizan un itinerario común pola casa do concello; alí recíbeos a alcaldesa para participar nun pleno e visitan todas as instalacións do contorno do concello e coñecen todos os servizos de que dispón.

 

O alumnado nun pleno municipal]

 

En canto ás familias, van achegando materiais como fotos, lendas, historias de cada lugar etc.

En secundaria, os departamentos de linguas traballan sobre todo autores do noso concello, lendo as súas obras e tendo encontros en formato de obradoiros e charlas. Visitáronnos Dores Tembrás, Xavier López e Miguelanxo Prado. Tamén se traballou a obra de Xoán Vicente Viqueira.

O Departamento de Francés traballou a Antonio Placer, autor exiliado en Francia. No Departamento de Plástica deseñaron as letras para o libro do traballo final: Bergondo nun conto. As igrexas de Bergondo foron visitadas e estudadas polo Departamento de Relixión. As investigacións e o traballo cooperativo correu a cargo do Departamento de Xeografía e Historia que traballou a emigración e confeccionou gráficos cos datos do rexistro. O urbanismo traballouse contrastando as fotografías antigas cos cambios que rexistrou a paisaxe do concello. O relevo foi compartido entre sexto de primaria e secundaria.

O CRA de Bergondo, co que mantemos unha relación moi fluída ao longo do curso e desde hai anos, tamén participou neste proxecto, traballando o sector servizos e compartindo con nós as actividades finais do proxecto.

  • Outro aspecto que tamén hai que ter en conta son as celebracións do ciclo anual que se relacionaron co proxecto, de tal maneira que no Nadal se realizou o belén coa Ponte do Pedrido, na semana da poesía se traballaron os poemas dos poetas de Bergondo, o concurso promovido pola biblioteca “A pregunta do día” xirou arredor da información sobre o noso concello...

 

Metodoloxía empregada

O proceso metodolóxico ten tres partes claramente diferenciadas:

  • Investigación: recollida de documentación en diferentes fontes e soportes, desde a prensa, o rexistro do concello, as visitas a diferentes persoas para recuperar información oral...
  • Tratamento da información:
    • Traballo na aula. Exposición do traballo recompilado, por medio de presentacións do alumnado ao resto dos compañeiros: pequenos resumos, redaccións etc.
    • Elaboración de material. Cada aula prepara o traballo final sobre o tema escollido: gráficos, murais, presentacións impresas...
  • Exposición final dos materiais elaborados, ocupando todo o centro, ademais da biblioteca.

 

Exposición dos materiais elaborados]

 

Este proceso metodolóxico adaptouse as dúas etapas que temos no centro: primaria e secundaria. En primaria, priorizouse a práctica e a observación nas diferentes saídas. A achega de material por parte das familias foi moi importante. Tamén é de destacar a implicación e coordinación do profesorado desta etapa. En secundaria, a investigación partiu da recollida de fotografías antigas, do traballo coa prensa e da extracción de datos do rexistro. O tratamento desta información realizouse na aula coa finalidade de elaborar o traballo final.

Temporización

O traballo ao longo do curso distribuíuse do seguinte xeito:

  • Primeiro trimestre:
    • Traballo do profesorado
    • Elaboración de materiais
    • Presentación do proxecto ao alumnado na biblioteca
  • Segundo trimestre:
    • Realización dos itinerarios
    • Recollida da información
    • Traballos de investigación e manexo de datos
  • Terceiro trimestre
    • Traballos finais
    • Exposición dos traballos na biblioteca, corredores...
    • Exposicións orais por parte do alumnado, presentando a investigación realizada e os produtos finais aos seus compañeiros e compañeiras
    • Elaboración do libro Bergondo nun conto

 

Avaliación e conclusións

O obxectivo final, é dicir, “que o noso alumnado coñecese o seu concello” conseguiuse, e avaliouse este obxectivo polos materiais elaborados, as observacións que o profesorado realizou do procedemento e dos datos do seu alumnado. Destacouse moi positivamente a dispoñibilidade das persoas responsables de todas as entidades e do concello para recibirnos e interactuar co alumnado e profesorado.

Quedou sen elaborar o libro Bergondo nun conto dado que as saídas previstas inicialmente en primaria foron atrasadas polo mal tempo para o terceiro trimestre. O equipo de biblioteca decidiu modificar a temporización inicial e deixar para o seguinte curso a edición do libro. Neste punto, é importante que o equipo directivo facilite mediante a programación xeral a continuidade destas actividades e manteña o persoal necesario para seguir cun proxecto que se xunta con outros do novo curso.

Como conclusión, destacamos o interese deste tipo de actividades multidisciplinares para fomentar o traballo por proxectos dentro dos centros; compartindo entre todos o proxecto, implícase máis profesorado e, como consecuencia, máis alumnado.

Nestes procesos, é fundamental a implicación e o traballo conxunto do equipo de biblioteca e do equipo directivo para coordinar os distintos esforzos que conducen aos obxectivos propostos.

Sección: