Bibliotecas escolares

8 meses, 8 países

Un proxecto nun colexio rural que nos permitiu facer unha longa viaxe
Ao longo do curso 2013/14 realizamos un proxecto interdisciplinar no que conseguimos que se implicase toda a comunidade educativa. Comezou sendo un traballiño no que cada aula faría unha pequena contribución, pero fomos testemuñas de como unha proposta sinxela cobrou vida e foi medrando mes a mes. Por suposto, a biblioteca do centro foi o eixe principal de todo este traballo.

Alba Amoedo Amoedo e Mariví Freijedo Fernández
Equipo de Biblioteca do CEIP Feliciano Barrera
ma.victoriafreijedo@edu.xunta.es

O centro

O CEIP Feliciano Barrera atópase situado nun val entre montañas na parroquia ponteareán de Guláns. É un centro relativamente pequeno (13 mestres e 114 nenos) no que actualmente contamos con tres aulas para educación infantil e cinco para primaria, xa que quinto e sexto comparten aula.

No que se refire a instalacións, non temos ximnasio, non temos salón de actos, non temos aula de psicomotricidade. Esta carencia nas instalacións é unha gran desvantaxe, pero para o funcionamento da biblioteca chegou a converterse nunha vantaxe, xa que todo se ten que facer alí. Esta converteuse no centro de actividades e de reunión para todos. E por iso os diferentes traballos do proxecto foron expostos nela.

 

 O espazo da biblioteca escolar

 

Xorde a idea

Ao comezo do curso, o equipo de biblioteca propuxo realizar un proxecto no que toda a comunidade educativa participase e que lle dese outro empuxón ao emprego da biblioteca como centro de recursos, de forma que se convertese nunha oportunidade para traballar as competencias doutro xeito.

Entón xurdiu o tema dos países e a idea de relacionalos con cada mes do curso escolar: 8 meses, 8 países. A decisión de centrarse en oito países responde a que o centro só conta con oito grupos-aula.

Levouse a iniciativa á primeira reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica e estiveron todos de acordo, pero como convencer o profesorado? Como facer para que lle resultase atractivo?

O xeito de formulalo é importante, así que decidimos propoñelo dunha maneira moi sinxela: que todos fagan un pouquiño e os que queiran que fagan máis. Pareceunos que o mellor sería que cadaquén fose libre de decidir ata onde quería chegar.

A formulación foi a seguinte:

  • Cada clase escolle un mes e un país para traballar durante ese mes. O resto do ano xa está libre do proxecto.
  • O último venres de cada mes, na hora da lectura, o curso que escolleu ese mes expón na biblioteca os datos que recadou das súas investigacións (moitos ou poucos; cada un os datos cos que conta).
  • Cada curso fai un pequeno cartel coa información resumida do país que escolleu: localización, capital, idiomas, moeda, gastronomía típica, que celebración se festexa nese mes...

A resposta foi positiva e todos os mestres e mestras se comprometeron a levar o proxecto a cabo.

 

 O proxecto: 8 meses, 8 países

 

Comezamos o traballo

Na biblioteca mercáronse os libros que demandou o profesorado, libros que pediu o alumnado e fondos que o equipo de biblioteca considerou que poderían ser de axuda (xogos, mapas...), facilitáronse ligazóns, fixéronse carteis, realizáronse libros...

O alumnado, sempre en proporción á súa idade, tivo que buscar información na biblioteca (ordenadores, enciclopedias, revistas, mapas... todo vale!), preguntou nas súas casas, trouxo música... A información chegou de moitos xeitos e en moitos formatos distintos. Cos mestres procesou toda esa información para darlle forma.

O realmente sorprendente é que o proxecto cobrou vida e foi medrando e adquirindo importancia no centro, mes a mes.

A evolución

Este é un pequeno resumo de como foi evolucionando o proxecto e dos traballos que se foron realizando.

  • Outubro: Irlanda. O Samaín

Co alumnado de primeiro viaxamos ata Irlanda para que coñecesen a súa cultura e os seus costumes. A mestra ía traballando sobre o tema, buscando a información cos nenos na biblioteca, recadando imaxes de revistas e de internet, de forma que confeccionaron un mural.

Semella que é o típico, o de sempre, pero hai algo máis, hai unha posta en escena que o cambia todo. O último venres de outubro xuntámonos todos na biblioteca. Aproveitamos para darlle un pouco máis de importancia e fixémolo coincidir coa entrega de premios ás máscaras e aos contos de medo.

Os nenos e nenas de primeiro saíron cada un co seu trevo colgado e explicaron para todo o cole o que aprenderan de Irlanda e do Samaín. Pero non se limitaron á información básica que se propuxo para o cartel. Eles falaron da música, das personaxes famosas que naceron en Irlanda, dos deportes, do cine; crearon un libro que escribiron eles mesmos con toda a información e con ilustracións feitas tamén por eles (este libro quedou na biblioteca para que o poida ler quen queira) e ademais convidáronnos a un pastel de pataca típico de Irlanda que trouxo unha das nenas da súa casa.

Todo este traballo a maiores do que simplemente estaba proposto xa marcou unha tendencia para os traballos que virían despois.

  • Novembro: Portugal. O Magosto

O alumnado de segundo levounos ata Portugal onde festexamos o Magosto e, coma os portugueses, nós tamén comemos castañas.

O último venres de novembro, seguindo co que xa sería para todo o curso un costume, xuntámonos na biblioteca. Os demais nenos do centro xa sabían a que viñan e démonos de conta de que había unha expectación moi grande. Xa comprenderan a dinámica e estaban desexosos de ver que era o que lles contaban estes compañeiros.

Elaboraron unha completa presentación en imaxes deste país e a información que trataron e que nos transmitiron a todos tamén foi moito máis alá do que en principio se esperaba.

  • Decembro: Finlandia. O Nadal

Os nenos e nenas de catro anos, vestidos de Papá Noel, contáronnos historias sobre este país e cantáronnos panxoliñas. Estaban encantados de ser o centro de atención, de que todos estivésemos escoitando o que nos contaban e vendo os debuxos que nos mostraban.

Cremos que o que realmente nos sorprendeu a todos foi que, sendo tan pequenos, cada un dixese a súa frase curtiña explicando o que lle tocaba, todos ordenadiños, todo moi ben ensaiado. Quedou clara a información que querían transmitir e gustou moito o xeito en que o fixeron.

  • Xaneiro: Francia. A Paz

Os rapaces e rapazas de quinto e sexto estiveron en Francia (país no que está a sede do Tribunal dos Dereitos Humanos) e firmaron a paz.

A xuntanza na biblioteca para a presentación foi un máis dos actos que viñeron despois relacionados coa celebración do Día da Paz (escribimos mensaxes de paz, cantamos cancións relacionadas con esta temática...).

Aquí viuse claramente que eran os maiores do centro e que teñen máis facilidade para tratar a información, son máis críticos co que queren contar e teñen máis capacidade para transmitirllo ao público. Compartiron moitos datos, moitísima información; quixeron que escoitásemos o himno da paz, pero ademais pedíronlle axuda ao mestre de Educación Física e fixéronnos unha exhibición dos deportes favoritos dos franceses.

Os nenos estaban nerviosos, estaban desexando que xa lles tocase a eles, estaban preocupados de que todo saíse ben, realmente sentían moita emoción.

Os mestres empezamos a ver que era o alumnado quen tiraba de nós. Tiñan ilusión e eles mesmos puñan o listón moi alto. O alumnado estaba realmente interesado e quería traballar máis, buscar máis, dedicarlle máis tempo, e o profesorado estaba totalmente sorprendido.

  • Febreiro: Italia. O Entroido

Os nenos de 3 anos viviron o Entroido en Venecia e todos nos disfrazamos con eles (gondoleiros, damas e cabaleiros venecianos, Arlequín...).

Apareceron na biblioteca cos seus sombreiros de gondoleiros e, como lles custaba moito falar (e máis habendo público),dixeron moi pouquiño cada un. Pero a mestra decidiu gravalos na aula e logo proxectar as imaxes dos nenos por parellas explicando o que é unha góndola, o que é o Entroido, o que é un canal, como se chega a Venecia... fixéronnos rir moito a todos, e eles quedaron encantados de verse a si mesmos na pantalla grande.

  • Marzo: Holanda. A Primavera

Démoslle a benvida á primavera en Holanda con tulipáns e cos nenos e nenas de 5 anos.

Saíron co seu tulipán na solapa e foron contándonos todo o que aprenderan sobre Holanda. Trouxeron galletas holandesas para todos e iso tivo un grande éxito, claro!

A todo isto, a competencia por ver quen o facía mellor xa pasara dos nenos aos mestres. Escoitábanse na sala de mestres e nos corredores comentarios do tipo: “que alto estades poñendo o listón”, “galletas para mercar o público é trampa, non debía estar permitido”, “menos mal que fomos dos primeiros que isto está cada vez máis difícil”, “a nós tócanos para o mes que vén e xa estamos a preparar unha sorpresa”... Os mestres e mestras entramos no xogo igual ca a rapazada.

  • Abril: Reino Unido. Día do Libro

No mes do libro, a clase de terceiro viaxou ata o Reino Unido para descubrir a Shakespeare. Sorpresa total! Houbo que dividir a exposición en dous días.

No primeiro día déronnos toda a información, puxéronnos imaxes, mostraron o cartel. Os nenos construíron nas súas casas obxectos relacionados con este país: a noria, os soldados da garda real, o palacio... e trouxeron das súas casas obxectos relacionados co país (bandeiras, discos, xogos de té...) para facer unha exposición que permaneceu unha semana na biblioteca.

No segundo día fixeron unha tradución ao galego e adaptación para nenos de Romeo e Xulieta. Con vestiario, decorado... foi impresionante! Tanto, que se representou de novo no festival de fin de curso para as familias.

  • Maio: Galicia. As Letras Galegas

Grazas ao alumnado de cuarto coñecemos máis a fondo Galicia e as Letras Galegas.

Ademais de toda a exposición, o cartel e as imaxes xa habituais, neste mes levouse a cabo un traballo especial: a mestra de música compuxo unha canción con letra e música orixinal sobre o cole de Guláns que se titula “En galego” (por suposto, relacionado coas Letras Galegas). Con esta canción, que tamén fala un pouquiño de ler en galego, gravouse un vídeo clip no que saen imaxes da biblioteca, nenos lendo...

Fíxose ao longo de todo o mes e presentouse o mesmo día que se fixo a exposición de Galicia. Esta é a ligazón para poder ver o vídeo.

 

No cole cantamos en Galego. Foto 3b. En galego na biblioteca

 

Conclusión

Analizando e avaliando todo ao final do curso, chegamos á conclusión de que unha gran parte do éxito do proxecto está no feito de que o alumnado ensine o seu traballo a todos os outros, de mostralo, de que non sexa algo que queda só na aula. Implicáronse e esforzáronse moitísimo grazas a iso.

O bo é que detrás de todo iso está o traballo que todos fixeron sen darse nin conta. Para eles era preparar a “actuación”, a “presentación”, pero o que estaban a facer era busca de información, resumo, clasificación... traballar as competencias, aprender a aprender.

Desde logo hai que dicir que o esforzo pagou a pena. E o proveito non foi só para o alumnado. Os mestres aprendemos moitísimo e a biblioteca comezou a valorarse, non só como centro de recursos de lectura e de información, senón como centro de recursos para a aprendizaxe.

Ese “aprender a aprender” que escoitamos tan a miúdo cobrou un pouco máis de sentido no centro e, a través deste proxecto, atopamos unha portiña para entrar nesa dimensión case descoñecida para a maioría de nós.

Moitas veces non nos paramos a pensar no significado real de “aprender a aprender”, pero na realización deste proxecto foron os nenos e nenas os que nos levaron a nós da man, para ensinarnos o que pode significar.

 

Lembranzas do noso proxecto

O resultado final foi tan enriquecedor que estamos decididos a repetir a experiencia e formular un novo proxecto. A onde nos levará?

 

Sección: