Encontros entre orientadores e o Equipo de Orientación Específico da Coruña

Unha mirada preventiva, global e compartida da orientación
Neste artigo pretendemos dar a coñecer unha experiencia que emerxe como un proxecto compartido, dinamizado polo EOE (Equipo de Orientación Específico) da Coruña e secundado fundamentalmente polo CFR (Centro de Formación e Recursos) da Coruña. A pequena utopía consistía en crear un escenario de aprendizaxe interdisciplinar e interinstitucional coa finalidade de mellorar a formación e funcionamento da orientación educativa e profesional na provincia da Coruña, desde unha perspectiva global, preventiva e inclusiva. O intercambio de experiencias, a clarificación de dúbidas e a reflexión sobre a práctica da orientación constitúen o núcleo deste pequeno soño feito realidade durante os últimos cinco anos de funcionamento deste equipo. Esta publicación non ten outra finalidade máis ca a de darlles as grazas a todos os que fixeron posible esta pequena utopía compartida e talvez a de que se poida espallar esta dinámica a outros contextos, para mellorar a calidade do ensino a través da creación de grupos, equipos ou comunidades de aprendizaxe e apoio profesional.

Equipo de Orientación Específico da Coruña

 

“Os soños son proxectos polos que se loita” (Paulo Freire)

 

Estrutura organizativa: os equipos de orientación específicos

O modelo organizativo da orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia establécese mediante o Decreto 120/1998, do 23 de abril (DOG do 27) e a Orde do 24 de xullo de 1998 (DOG do 31) que o desenvolve. De acordo coa dita normativa, os servizos de orientación educativa e profesional en Galicia estrutúranse en servizos centrais da Consellería de Educación, servizos internos aos centros educativos e servizos externos. Os equipos de orientación específicos (EOE), creados no artigo 2 do antedito decreto, están encadrados neste último grupo e son considerados como un servizo externo aos centros educativos de ensino non-universitario, con funcións de asesoramento e apoio especializado aos departamentos de orientación en diversos ámbitos relacionados coas necesidades educativas específicas e a orientación profesional.

 

Composición e ámbito de intervención dos EOE

Os equipos de orientación específicos están integrados por profesionais con especialización nos seguintes ámbitos de intervención:

  • Trastornos de conduta
  • Discapacidades sensoriais
  • Discapacidades motoras
  • Trastornos xeneralizados do desenvolvemento
  • Sobredotación intelectual
  • Orientación vocacional e profesional
  • Audición e linguaxe
  • Orientación socioeducativa e familiar

Os equipos teñen a súa sede en cada unha das capitais de provincia e dependen da correspondente xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenaión Universitaria. O seu ámbito de actuación é de carácter provincial, e abranguen no seu plan de intervención as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, os colexios de educación primaria, os institutos de educación secundaria, os centros públicos integrados e os centros de educación especial. Igualmente, interveñen tamén nos centros específicos de educación de adultos, nos centros integrados de formación profesional, nas escolas oficiais de idiomas, nas escolas de arte e superiores de deseño e nos conservatorios de música. En definitiva, nos centros sostidos con fondos públicos nos que se impartan ensinanzas non-universitarias.

 

Funcións do EOE

As funcións establecidas para os equipos de orientación específicos céntranse, con carácter preferente, entre outras, na resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos psicopedagóxicos específicos, na elaboración de programas de prevención e intervención, na contribución á formación especializada no ámbito de cada unha das especialidades, na recompilación e elaboración de materiais e recursos que contribúan a unha axeitada resposta educativa nos centros educativos, así como na coordinación con outros servizos educativos e sociosanitarios.

Na práctica, a función de colaborar cos departamentos de orientación na avaliación psicopedagóxica do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo vén ocupando a meirande parte do tempo nas distintas especialidades, dado o incremento continuado das demandas de carácter individual que recibe o EOE, e son aínda escasas as solicitudes de intervención de tipo global e/ou preventivo.

En coherencia co modelo teórico de intervención deste equipo, que entende o traballo de orientación como algo ecosistémico e inclusivo, intentamos darlle prioridade á prevención e intervención interdisciplinar.

Neste contexto emerxen no curso 2010/11 os Encontros de atención á diversidade desde os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos como a mellor ferramenta preventiva e global para asesorar e formar os departamentos de orientación, poñendo en común experiencias, boas prácticas, programas e recursos de xeito interdisciplinar e interinstitucional coa participación dos servizos sociosanitarios, asociacións e institucións implicados na atención ao alumnado. Esta iniciativa pretende ser un lugar de encontro interdisciplinar e intercentros, un escenario de aprendizaxe entre iguais.

Arredor desta idea eixe, conseguimos o apoio do CFR da Coruña, que asume a infraestrutura e acreditación da formación. Inicialmente organízase unha actividade estruturada en dúas tardes no centro da UNED da Coruña, sede do EOE e do CFR da Coruña, para pasar no segundo ano a xornada completa a horario lectivo. A numeración dos encontros comezou polo Encontro 0 do primeiro ano, por iso aínda que o último encontro leva por título IV, en realidade, é o quinto encontro.

 

Encontros entre orientadores e o EOE da Coruña

CURSO 2010/11. Encontro 0 entre orientadores e o EOE da Coruña: a atención á diversidade desde os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos

Organizados conxuntamente polo EOE e o CFR da Coruña, realizáronse no salón de actos da UNED as tardes dos días 5 e 12 de maio de 2011, en horario de 17:00 a 21:00, coa asistencia duns 110 orientadores. Dado o éxito e interese das xornadas, acórdase establecer unha periodicidade anual para esta actividade, incluída no Plan de formación do profesorado do curso 2011/12.

A posta en marcha destes encontros supón un salto cualitativo moi relevante na intervención de tipo global, que vai máis alá da colaboración na avaliación psicopedagóxica que ocupa a maior parte da nosa axenda de traballo. Estes encontros pretenden abrir unha folla de ruta cara a un modelo de intervención máis sistémico, no que o equipo vai ser un escenario de formación especializada, de unificación de criterios de intervención e intercambio de experiencias e boas prácticas entre os orientadores da provincia.

O programa deste primeiro encontro centrouse en expoñer os aspectos prioritarios da orientación educativa e profesional por parte de asesores da Consellería, presentar as liñas xerais de actuación das distintas especialidades do EOE e os grupos de traballo de orientadores existentes na provincia e suxestións de temáticas para tratar nos vindeiros encontros (véxase o anexo ou programa 2010/11).

A avaliación cuantitativa, nunha escala de 1 a 5 acadou unha valoración media global de 3,77: 3,79 a docencia e 3,74 a de organización.

No que se refire á avaliación cualitativa, sinálanse como aspectos positivos:

  • A posibilidade de ter encontros entre todos os orientadores e unificar criterios nas actuacións. A idea de organizar estes encontros como punto de reunión e intercambio de experiencias e información. Poder encontrarnos, xuntarnos, coñecer inquedanzas, escoitar experiencias positivas e aprender xuntos.
  • Coñecer as caras das persoas do EOE, escoitar as súas exposicións e favorecer unha relación fluída co equipo.
  • A oportunidade de ver outras formas de traballar e ter unha perspectiva global da orientación.
  • A documentación da aula virtual.
  • Grazas e parabéns polo encontro.

Entre as cuestións que se poderían mellorar para os vindeiros encontros sinalan os orientadores como as máis relevantes:

  • A posibilidade de realizalos, polo menos en parte, durante horario de traballo, aínda que se concentrase a actividade nun só día completo.
  • Os horarios elixidos eran algo esixentes, rematábase máis alá das nove da noite. Mellor máis días e menos horas.

CURSO 2011/12: I Encontro entre orientadores e o EOE da Coruña.

Tendo en conta as suxestións realizadas na avaliación da xornada do curso anterior, introducimos dúas variantes organizativas relevantes:

- Solicitamos e conseguimos a autorización para celebrar a actividade durante unha xornada completa de mañá e tarde, en horario lectivo.

- Dado o éxito da xornada inicial, súmanse á organización que protagonizaba o CFR da Coruña, o CAFI e o CFR de Ferrol.

O I Encontro entre orientadores e o EOE da Coruña: a atención á diversidade desde os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos realizouse no edificio da UNED, sede do EOE, no día 21 de marzo de 2012, en horario de mañá e tarde, coa asistencia duns 250 orientadores e orientadoras.

A realización deste segundo encontro entre orientadores e o EOE supón un éxito rotundo en canto á asistencia, participación e valoración desta actividade formativa anual, que consolida o EOE como escenario dunha comunidade de aprendizaxe de orientadores, interdisciplinar, internivelar e intercentros.

O programa deste I Encontro ten un marcado carácter de intercambio de experiencias entre orientadores, coa participación de profesionais sociosanitarios. A unha exposición inicial sobre o Decreto de atención á diversidade, seguiron dúas mesas redondas sobre atención á diversidade e prioridades na coordinación EOE-departamentos de orientación. Pola tarde desenvolvéronse ata cinco mesas simultáneas de intercambio de experiencias, coordinadas polo distintos compoñentes do equipo. Participaron profesionais da USM-IX do CHUAC, servizo de menores, servizo de rehabilitación e atención temperá da Coruña, ASPANAES e orientadores de CEIP e IES (véxase o anexo II).

Na avaliación cuantitativa, nunha escala de 1 a 5, acadamos unha valoración media global de 3,8: 3,89 a docencia e 3,71 a organización.

No que se refire á avaliación cualitativa, os orientadores e orientadoras maniféstanse nos seguintes termos:

  • Parabéns ao EOE por esta xornada e o que máis gustou foi que nela non só se fixese fincapé no ámbito educativo, senón na importancia que temos como profesionais con profesionais externos no ámbito da saúde.
  • Darlles a estes encontros características de “formación importante”, incluíndoos no horario lectivo. Tivéronse en conta as necesidades e intereses xerais dos orientadores.
  • A presentación do EOE. Que asistisen todos os membros do Equipo de Orientación Específico para que os puidésemos coñecer in situ. O achegamento entre equipo e departamentos.
  • Proposta de poñer en marcha modelos comúns de actuación (protocolos).
  • A proposta de establecer protocolos para a derivación de casos a través da USM-IX, pero que sexa o mesmo procedemento desde todos os EOE.
  • A organización, a estruturación, o lugar, os contidos, distintos relatorios... en xeral, todo estivo ben.
  • Clima interactivo e participativo.
  • As mesas redondas. A posibilidade de acudir a varias mesas.

Entre as cuestións que se poderían mellorar para os vindeiros encontros sinalan os orientadores como as máis relevantes:

  • Seguir na mesma liña de traballo, buscando sempre relatorios que amosen contidos e/ou experiencias que se poidan poñer en práctica na realidade educativa.
  • Quizás facer esta xornada en dous días e así os participantes poderían acudir a todas as mesas que se presentaron e non só a dúas delas.
  • As experiencias quedaban moi curtas, debería ser máis tempo para algunhas experiencias. Faltou o café compartido co resto dos compañeiros.
  • Deixar un pouquiño máis de tempo para facer preguntas sobre as dúbidas coas que nos imos atopando ao longo dos días nos centros, porque das experiencias doutros nós sacamos pautas de actuación.
  • Que se realicen estes encontros todos os anos.

Curso 2012/13. II Encontro entre orientadores e o EOE da Coruña: a atención á diversidade desde os departamentos de orientación e o equipo de orientación específico.

Organizado conxuntamente polo EOE e os CFR da Coruña e Ferrol, realizouse no edificio da UNED, sede do EOE, o día 25 de abril de 2013, en horario de mañá e tarde, coa asistencia duns 200 orientadores e orientadoras.

O programa do II Encontro ten un carácter exclusivamente de intercambio de experiencias entre orientadores, coordinadas polos especialistas do EOE. Empezamos con dúas mesas redondas. Na primeira presentáronse protocolos de coordinación entre Educación e as USM-IX e experiencias de elaboración do proceso de dó nos centros educativos. Unha segunda mesa redonda abordou a atención á diversidade coa participación de pais dun alumno que segue un método específico de educación no fogar, unha alumna con diversidade funcional, unha auxiliar técnica educativa e pais dun neno con TEA. Rematou a xornada con dúas mesas redondas sobre as novas tecnoloxías na orientación profesional e as intelixencias múltiples.

Como colofón ao encontro tivemos un concerto, no que participou alumnado con necesidades específicas de apoio educativo do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Tamén se puxo en marcha por parte do CFR da Coruña a aula virtual para descargar os materiais do encontro (véxase o anexo III).

A valoración global deste encontro vén confirmar que este proxecto xa é unha realidade consolidada, un éxito coral que marca o camiño que cómpre seguir nos vindeiros anos e así o recoñecen os orientadores na avaliación do encontro.

Na avaliación cuantitativa, nunha escala de 1 a 5, acadamos unha valoración media global de 3,84; 3,81 a docencia e 3,84 a organización.

No que se refire á avaliación cualitativa, os orientadores e orientadoras manifestan que o máis positivo da experiencia foi:

  • Entre outras moitas cousas: a “viva e cordialísima” comunicación que segue a haber entre os compañeiros do EOE e mais os orientadores. A oportunidade de intercambiar experiencias e poñer en contacto os departamentos de orientación cos equipos de orientación específicos.
  • As experiencias dos centros e a exposición dos pais/nais en relación cos exemplos das problemáticas dos seus fillos e fillas. Tamén estivo ben a presentación de prioridades de actuación do EOE.
  • A dinámica da actividade, xa que foi moi práctica.
  • O concerto do conservatorio, excepcional e cheo de emotividade.
  • Incluír novas visións (familias, coidadora). As achegas da inspección.
  • As mesas redondas de intercambio de experiencias estiveron moi acertadas.
  • A experiencia da nena con parálise cerebral.

Entre as cuestións que se podería mellorar para os vindeiros encontros, sinalan os orientadores como as máis relevantes:

  • Estes encontros están moi ben formulados e os temas tratados son moi importantes para o traballo que desenvolvemos como orientadores. O inconveniente é o tempo, que foi escaso.
  • É tanta información que se recibe e tan interesante que é unha pena non poderlle dedicar un pouco máis de tempo de xeito que un non acabe a xornada esgotado.
  • Propoñer experiencias nas que se expoñan traballos con nenos desde o enfoque ao que tende o EOE, e que sexan innovadores.
  • Máis do mesmo, ou sexa, realización de vindeiras xornadas destas.

Curso 2013-14: III Encontro de atención á diversidade desde os departamentos de orientación e o equipo de orientación específico.

Organizado conxuntamente polo EOE e o CFR da Coruña, realizouse no edificio da UNED, sede do EOE e do CFR, o día 12 de marzo de 2014, en horario de mañá e tarde, coa asistencia duns 200 orientadores e orientadoras.

No programa do III Encontro recuperamos unha conferencia inaugural (neste caso sobre TDAH) e iniciamos unha mesa redonda na que participaron dous inspectores de educación arredor de “Dúbidas razoables sobre o traballo de orientación” para responder as preguntas realizadas ao equipo por parte dos orientadores ao longo de todo o curso. Pola tarde tivemos dúas mesas simultáneas de intercambio de experiencias e rematamos co concerto do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo do Conservatorio Profesional (véxase o anexo IV).

A realización deste III Encontro entre orientadores e o EOE supón unha satisfacción grande en canto á asistencia, participación e valoración desta actividade formativa anual por parte dos orientadores.

Por primeiro ano acadamos unha media global de 4 (nunha escala avaliativa de 1 a 5) tanto en docencia (4,0) e organización (4,03) como na media da actividade (4,01).

Na avaliación cualitativa, sinalan textualmente que estiveron ben, entre outros aspectos, os seguintes:

  • Os relatorios realizados no horario da mañá, como foi a relatora sobre TDAH e as aclaracións de dúbidas dos inspectores.
  • Dúbidas razoables sobre o traballo de orientación. Os inspectores relatores precisaban máis tempo, aclararon moitas dúbidas, moi bos. Considérase imprescindible a incorporación deste apartado en xornadas próximas, tendo en conta as suxestións de todos os departamentos de orientación.
  • A pertinencia dos contidos. Tamén a variedade de axentes educativos para desenvolvelos: inspectores, membros do EOE, orientadores...
  • A idea e as ganas de reunirnos unha vez ao ano, as aclaracións dos inspectores, a aprendizaxe horizontal entre iguais, o acceso aos materiais desde a aula virtual.
  • A oportunidade de intercambio cos compañeiros e compañeiras.

Entre as cuestións que se podería mellorar para os vindeiros encontros sinalan os orientadores como as máis relevantes:

  • Máis tempo para as exposicións e as preguntas.
  • Máis tempo para TEA.
  • Necesidade de tocar temas de actualidade lexislativa como RD de FP básica, protocolos de acoso, absentismo...
  • Traer varios enfoques cando se aborda un tema, como foi o TDAH.

Curso 2014-15: IV Encontro de atención á diversidade desde os departamentos de orientación e o equipo de orientación específico.

Organizado conxuntamente polo EOE e o CFR da Coruña, realizouse no edificio da UNED, o día 26 de febreiro de 2015, en horario de mañá e tarde, coa asistencia duns 250 orientadores e orientadoras.

O programa do IV Encontro empeza coa mesa redonda na que participaron dous inspectores de educación sobre “Dúbidas razoables sobre o traballo de orientación”, para continuar coa conferencia sobre “Intelixencias múltiples”. Pola tarde tivemos tres mesas simultáneas de intercambio de experiencias, coordinada polos especialistas do equipo, para rematar, un ano máis, co concerto do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo do conservatorio e unha mesa redonda sobre acoso escolar (véxase o anexo V).

A realización deste IV Encontro entre orientadores e o EOE supón a mellor valoración cuantitativa e cualitativa dos levados a cabo ata agora. Así o manifestan os orientadores e orientadoras, maioritariamente da provincia da Coruña, aínda que tamén tivemos representación doutras provincias.

Na avaliación, consolidamos a media global superior a 4 (nunha escala avaliativa de 1 a 5), e acadamos como media global 4,11: 4,07 en docencia e 4,16 en organización.

Na avaliación cualitativa, sinalan que estiveron mellor, entre outros aspectos, os seguintes:

  • A filosofía subxacente destes encontros faite sentir comprendido como orientador e revaloriza o noso traballo. A preocupación por ter presentes as inquedanzas dos orientadores en relación con estas xornadas. A seriedade e profesionalidade na organización e desenvolvemento destas.
  • TODO. Excelentes os relatorios dos inspectores e as experiencias de TEA, TDAH, acoso escolar e cybermentores. Admirable a asistencia masiva ata a clausura.
  • O relatorio de intelixencias múltiples.
  • A estrutura de mesas simultáneas para poder optar segundo intereses.
  • A mesa redonda sobre as dúbidas razoables debería ser un punto fixo cada ano.
  • O intercambio de experiencias da tarde, moi interesantes.
  • Parabéns polo concerto de alumnado con NEE, foi moi emocionante e gratificante. Coordinación e cumprimento de horarios excelentes.

Entre os aspectos que se poderían mellorar para os vindeiros encontros sinalan os orientadores como os máis relevantes:

  • A duración dos relatorios que estaban suxeitos a un tempo moi limitado.
  • Deberiamos ter a posibilidade de asistir a todos os intercambios de experiencias.
  • Introducir o punto de vista do alumnado e das familias para achegarnos á súa realidade.
  • Non estaría de máis que se programasen dous encontros durante o ano, pois parécennosmoi útiles estas xornadas específicas e gustaríanos poder asistir a máis dunha mesa.

 

Valoración global

Este soño só se puido facer realidade co entusiasmo, compromiso e colaboración dos compoñentes do EOE, do CFR da Coruña e de todos os orientadores e orientadoras da Coruña. O apoio da Inspección Educativa e da Xefatura Territorial foron definitivos para consolidar este experiencia única no seu tipo e continuidade.

Facendo unha síntese das valoracións cuantitativas destes cinco anos de encontros, podemos observar a súa evolución positiva e a satisfacción e consolidación desta actividade como un eixe estratéxico de intervención do EOE e do CFR da Coruña.

Cando empezamos con este proxecto de encontros de orientadores, nalgún intre pensamos que talvez esta actuación de tipo preventivo e global redundaría nun descenso das solicitudes de intervención relacionadas coa colaboración do equipo na avaliación psicopedagóxica, que ano tras ano se incrementaba, como queda reflectido no cadro.

Non obstante, a realidade mostra que o número de demandas entre o ano que comezaron os encontros (2010/11) e o curso actual se incrementou significativamente, pasaron de 808 solicitudes a 1036 recibidas no pasado curso. Vemos como unha explicación lóxica deste feito que, ao ter maior contacto e coñecemento entre os especialistas do EOE e os orientadores, aumente a relación e solicitude de colaboración e intercambio de experiencias. Isto vén reafirmarnos na necesidade de continuar cos encontros para desenvolver as nosas funcións de carácter máis global, preventivo e inclusivo, pero sobre todo para consolidar unha comunidade de aprendizaxe e liderado compartido, que contribúa a mellorar a calidade da orientación e do ensino.

 

 

 

 

Sección: