Arte e diversidade

Arte e diversidade

 

“Ninguén é coma o outro. Nin mellor nin peor. É outro. E se dous están de acordo, é por un malentendido.”

Jean-Paul Sartre

 

Chegados aos tempos da fin das certezas, que diría Prigogine, nada máis vivificante que dedicar unha boa parte deste número 70 da Revista Galega do Ensino ás profundas vinculacións entre o mundo da arte e a educación a partir da diversidade do alumnado. Con Jesús López Prado, director do Conservatorio Profesional da Coruña, aprendemos que un proxecto decantado cara á atención de alumnado con NEAE non é precisamente un  constructo terapéutico para unha suposta curación ou mellora de síntomas causados pola variabilidade xenética, senón un exercicio de descubrimento e cultivo de capacidades realmente asombrosas en alumnos e alumnas tan industriosos e entusiastas como creativos. Algúns deles posuidores dese don asombroso chamado “oído absoluto” que lles permite identificar con exactitude matemática o son de cada oitava.

Dalgunha maneira debemos cultivar esa consciencia, esa confianza na realidade de que cada ser humano posúe as súas propias capacidades e os seus propios anhelos, en medio dunha singularidade creativa onde a arte como fenómeno tan racional como intuitivo ten moito que dicir. Subscribindo o respecto aos programas, talvez sexa tempo de liberarnos da submisión ao rigor da letra para lle permitir ao alumnado uparse ás asperezas do mundo a través das capacidades que mellor os definen, negando, sequera por unha vez, a suposta obxectividade do coñecemento.

A arte, expresión sensible do mundo —léase ideas, emocións, sensacións, percepcións—, é elemento liberador de xustillos e limitacións establecidas por manuais. Fomentala na escola e na diversidade amosou desde sempre resultados asombrosos que teñen que ver con conceptos tan intensos como autonomía e dignidade. Comprender isto como produto da complexidade cultural humana e aplicalo aos nosos fluxos habituais de información-coñecemento lonxe de estorbos tan convencionais como arbitrarios non pode máis que supoñer beneficios duradeiros para o futuro da nosa mocidade aparentemente peor tratada polo destino. Por esta razón, os contidos que ofrecemos neste número de decembro de 2015 moverán, sen dúbida, á  reflexión e á  acción no seo das nosas comunidades educativas.

Coma sempre, queridos compañeiras e compañeiros, desexámosvos un novo ano cheo de éxitos.

 

Juan Granados
Director da Revista Galega do Ensino-EDUGA

Sección: