A atención ao “fondo local” na biblioteca do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Os autores e autoras locais non sempre son suficientemente coñecidos pola veciñanza. Nós temos o convencemento de que a súa difusión, máis alá do interese que teñan por si mesmos, pode resultar estratéxica para incentivar o interese pola lectura, tanto literaria como non literaria. No presente artigo expoñemos o proceso que levamos a cabo no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo para difundir libros e autores relacionados coa zona.

Xesús Fernández Acevedo
Profesor de Lingua e Literatura Galega no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
Membro do equipo de biblioteca
suso.acevedo@edu.xunta.es

 

Pilotos de rally, xogadores de balonmán e autores de libros

Un coche de rally pasa abeirando os toxos da beiravía en calquera curva dunha estrada secundaria. O piloto desafía con éxito a forza centrífuga e recolle os aplausos do público, que arrisca a vida mirando a pasada. Non lle imos poñer nome ao piloto, aínda que poderiamos. Entre os aplausos sobresaen por encima de todos os dos seus veciños de Meira. Varios, moi noviños, soñan con ser coma el e algún empeza, poucos anos despois, a destacar na mesma faceta.

Un xogador de balonmán recolle éxitos semana tras semana nos polideportivos do país, acaba fichando por un dos grandes e figura nas listaxes dalgunha selección xa desde as categorías inferiores. Non lle imos poñer nome ao xogador, aínda que poderiamos. Entre os máis orgullosos polos seus éxitos figuran os seus veciños das terras de Deza. Varios, moi noviños, soñan con ser coma el e algún, anos despois, mesmo o supera no mal pagado mundo da pelota pequena.

Raro é que non se admire o triúnfo dos veciños en calquera ámbito que sexa. Por que non ha suceder isto no mundo dos libros?

Sería inxenuo pola miña parte pensar que quen logra colocar un libro no escaparate dalgunha librería da súa vila causa tanta admiración coma os deportistas, pero, aínda sendo consciente de que nos movemos en ámbitos moi distintos, creo que se pode establecer certa relación. Ver o propio nome gravado nunha portada non estimulará a adrenalina coma unha curva ben pechada ou un balón que entra na portería rachando a arañeira da esquina, pero é cousa que gusta ver nos escaparates e nos andeis da casa e das bibliotecas, aínda que só sexa para presumir diante dos avós.

Convencidos disto, no IES de Ribadeo procuramos desde hai anos implicarnos na difusión dos libros relacionados coa zona entre o alumnado do noso centro e na contorna en xeral.

 

Precedentes

Hai xa ben anos, mesmo podemos dicir con rigor que foi no século pasado, impulsamos no instituto a publicación dunha revista da que saíron cinco números. En cada un deles reservamos as páxinas centrais para unha ampla entrevista cun autor local. Comprobamos, xa daquela, que a maioría do alumnado descoñecía a existencia de todos eles, malia que algún tivese varios títulos publicados e pasease a diario polas rúas da vila.

Algún tempo despois, como as dúas páxinas da revista nos sabían a pouco, promovemos a publicación dunha serie de traballos monográficos sobre distintos aspectos da zona.

O primeiro, que levou por título Os nomes das rúas de Ribadeo, foi un traballo de investigación sobre os persoeiros que lles dan nome ás rúas da vila. Moitos deles están aí por seren precisamente autores de libros en distintos momentos da historia local, e moitos eran absolutamente descoñecidos para o público en xeral, que ter unha placa ao comezo dunha rúa non sempre é sinónimo de notoriedade.

Despois decidimos ampliar especificamente a difusión de autores locais, non só literarios, e publicamos Autores ribadenses en lingua galega. De cada un recollemos unha breve biografía, unha escolma de textos e as fichas bibliográficas das súas obras. Dáse a casualidade de que unha das alumnas que formou parte daquel equipo investigador, Eva Moreda, acabou por converterse en autora destacada e os seus libros ocupan agora o lugar que lle corresponde na nosa biblioteca.

A continuación publicamos Ánxel Fole e Ribadeo, un pequeno caderno que recolle unha minibiografía do autor lucense e todos os seus textos con alusións a este concello.

Tocoulle logo a quenda a Ribadeo, espazo literario, para dar a coñecer a presenza da zona en obras literarias aínda que os autores e autoras non fosen locais. Optamos desta vez por un formato distinto: a publicación consistiu nun cartafol con láminas soltas. Cada unha delas incluía un fragmento literario alusivo a Ribadeo e unha foto relacionada co texto.

A partir de aí, a colección colleu outro camiño e centrouse noutros ámbitos máis relacionados coa vexetación local, coas artes ou con construcións tradicionais na zona.

Resultounos sempre moi grato o proceso de elaboración dos traballos en equipo, integrado por alumnado e por docentes, que actuamos máis como coordinadores ca como investigadores propiamente ditos.

Unhas publicacións resultaron máis vistosas e outras menos, pero tiveron boa acollida entre a comunidade escolar e na comarca en xeral, xa que procuramos sempre traspasar os lindeiros do centro e chegar ao público exterior. Aínda de vez en cando hai quen nos pregunta por vellos exemplares da colección.

Para que o alumnado non vexa os autores como seres extraordinarios e inalcanzables, fomos convidando ao centro a algúns deles, porque o coñecemento da persoa ou saber que habitou nalgún tempo as rúas que agora nós pisamos pode provocar o interese pola lectura das súas obras, aínda que sexa por curiosidade. E o interese pola lectura do que escribiu o veciño pode ser a faísca que acenda o interese pola lectura en xeral. Sempre hai que ter esa esperanza.

Así, en distintos cursos, visitáronnos escritores e escritoras intimamente relacionados co concello, principalmente literarios, pero non só: Daniel Cortezón, Luz Pozo, Suso Peña, Xavier R. Baixeras, Jaureguízar, Farruco Graña, John Rutherford, Francisco Díaz-Fierros etc. Tamén os asturianos máis próximos, que sempre procuramos ter presentes: Aurora García Rivas, Xuan Bello, Tina Blanco etc., e outros que residiron ocasionalmente en Ribadeo ou nas proximidades: Charo Pita, David Creus, Verónica Martínez...

A maiores, trazamos un “paseo das letras” polas rúas da vila, unindo puntos concretos relacionados con autores locais (rúas, monumentos, placas en casas natais...) e percorrémolo cada ano con pequenos grupos de alumnado, facendo altos en cada etapa para falarlles deles e para ler algún fragmento. Ocasionalmente, tamén nos pediron que fixésemos de guías para grupos alleos ao centro, con motivo dalgún congreso organizado na vila.

A chegada do plambe: un novo impulso

A nosa entrada no PLAMBE produciuse un curso despois de que se levase a cabo unha profunda reestruturación nos centros de ensino secundario da vila. Toda a ESO e o bacharelato, antes repartidos en dous institutos, se concentraron no que axiña pasou a chamarse IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, e quedaron todos os ciclos formativos noutro edificio.

Esta reorganización foi precedida dunhas importantes obras de ampliación e mellora, que nos tiveron durante dous cursos en condicións precarias. Unha das grandes sacrificadas foi a biblioteca, que tivo que usarse como aula durante ese tempo, co que perdeu a súa función primordial.

Rematado o proceso, decidimos que era o momento de darlle un pulo á biblioteca e tivemos claro desde o comezo que os libros locais tiñan que ter nela unha presenza destacada, para seren espello no que o alumnado puidese mirarse, para que algúns soñasen con ver algún día os seus libros nos andeis, a carón dos moitos que xa hai.

 

A sección local na biblioteca

Se ocupamos esforzo e tempo na difusión dos escritores e escritoras locais ou das publicacións relacionadas con Ribadeo, é lóxico que consideremos imprescindible ter na biblioteca os seus libros e destacalos dalgún xeito.

Por suposto, non nos referimos só a publicacións literarias, senón a calquera tipo de texto, xa que moitas veces suscita máis interese un investigador ca un creador de ficción.

Comprobamos os fondos que xa tiñamos, procedentes das bibliotecas dos dous centros que se integraron no actual, fixemos unha listaxe cos que nos faltaban e, aproveitando os recursos que nos facilitou o PLAMBE, mercamos todos os que coñeciamos e non tiñamos xa. Todos os que puidemos, porque algúns xa están descatalogados.

Como delimitar o que é o fondo local e o que queda fóra desta etiqueta non sempre resulta doado, nós cremos que é preferible pecar por exceso ca por defecto. Por iso, consideramos “locais” todos aqueles libros relacionados con calquera dos concellos de procedencia do noso alumnado, pola autoría dos exemplares ou polo contido destes.

No noso caso, a maioría do alumnado procede dos concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada, pero no bacharelato de adultos contamos tamén con alumnado procedente do occidente de Asturias. Ese dato abriunos as portas a incorporar como locais algúns libros relacionados coa franxa eonaviega. Prestámoslle especial atención aos publicados en galego de Asturias, por estar este idioma absolutamente marxinado no ensino da zona e desatendido polas administracións das dúas comunidades autónomas. Se a iso lle unimos a precaria distribución deste material fóra do ámbito escolar, non debe sorprender que algúns alumnos e alumnas asturianos coñecesen e tivesen por primeira vez ao seu alcance a través da nosa biblioteca as obras de conveciños e conveciñas que lles eran absolutamente descoñecidos.

Unha vez reunidos os exemplares, pensamos na súa organización no espazo da biblioteca e na súa difusión.

Sabemos que é moi frecuente que nas bibliotecas exista unha sección de “local”, cun espazo específico determinado para os fondos que entran neste categoría. É unha opción, pero a nós non nos convencía a idea de sacalos do lugar natural que lles correspondese tendo en conta outros factores (idioma, contido etc.). Tampouco queriamos que quedasen diluídos no conxunto, sen ningún tipo de visibilización a maiores.

Por iso decidimos deseñar unha etiqueta para distinguilos, un elegante L azul que pegamos no lombo de cada un dos exemplares a carón da etiqueta que recolle a referencia do libro. Nun taboleiro, á entrada da biblioteca, colocamos un cartel explicando este distintivo. Pero pareceunos que non abondaba, que era necesaria máis difusión.

Sabemos que os tempos camiñan cara a medios dixitais, pero tamén cremos que as publicacións en papel seguen sendo moito máis visibles e duradeiras para un sector da poboación. Así que decidimos elaborar un folleto coas portadas de todos os exemplares do noso fondo local, copiando un pouco os catálogos de coñecidos clubs de lectores como Biblos ou Círculo de Lectores. Para a súa organización, decidimos clasificalos en cinco grupos, independentemente do idioma no que estean escritos: narrativa, poesía, teatro, ensaio e investigación, outros.

Dá traballo transportar desde a biblioteca ata o escáner tantos exemplares, dixitalizar as portadas e maquetar o folleto. Pero foise facendo. Rematada esta fase, a intención inicial era ir fotocopiando en color o folleto segundo se fose distribuíndo, pero vendo o volume resultante, con máis de cen portadas, pareceunos que o resultado final ía quedar un pouco pobre para tanto esforzo e decidimos editalo. Foi empeño persoal do director facelo así, aínda que custase cartos. O compromiso das direccións dos centros é fundamental en calquera proxecto.

Na imprenta melloraron o deseño e o resultado foi un caderno de dezaseis páxinas do que imprimimos cincocentos exemplares. Para sacarlle o máximo rendemento, optamos por non facer unha repartición masiva entre o alumnado, senón por colocar exemplares en distintos puntos do instituto para que cada un fose collendo os que quixese, mesmo para repartir fóra do centro entre os seus coñecidos, e repoñer segundo se esgotasen. Iso permitiunos chegar directamente tamén a persoas alleas ao centro, porque as nosas instalacións úsanse polas tardes para actividades diversas dependentes do Concello, de colectivos veciñais etc. e tamén como aulas da escola oficial de idiomas. Todos estes usuarios teñen aínda á súa disposición exemplares do noso caderno e seguro que algún deles descubriu aí autores que descoñecía.

Pensamos que esta actividade e a difusión que tivo foi o que provocou que nos convidasen a participar no verán como relatores nas Xornadas de Historia Local que cada ano organiza a agrupación cultural Francisco Lanza e que este ano tivo como tema a literatura. Alí estivemos, en xullo, falando de “Ribadeo na literatura” ante unhas cen persoas, algunhas delas residentes fóra da vila e que só nos acompañan no verán. Ao día seguinte, Xavier R. Baixeras, Santiago Jaureguízar e Carmen Blanco completaron a iniciativa falando do seu caso particular.

O noso labor de difusión dos fondos locais acabou tendo así transcendencia fóra do ámbito académico, algo normalmente difícil de conseguir.

Agora estamos traballando no deseño dunha serie de vídeos que levarán como título xenérico “O texto no seu contexto” ou simplemente “conTextos”. Aínda temos que decidir e denominación definitiva.

Trátase dunha nova iniciativa para que o alumnado coñeza e divulgue espazos da nosa zona nos cales se sitúa a acción de fragmentos concretos de textos literarios. Tratarase de vídeos de moi curta duración nos que algún membro do alumnado, situado nun sitio concreto que se mencione nun texto, comente algo sobre o lugar onde está e sobre a obra na que aparece citado ese sitio. Cada vídeo rematará coa lectura do texto ou dun fragmento del, se resulta demasiado extenso.

Parécenos que a serie debe inaugurarse cun traballo sobre o lugar no que está situado o noso propio instituto, que hai décadas era un bosque onde xogaban os nenos. O poeta Xavier Rodríguez Baixeras nun dos seus poemas recorda precisamente a súa adolescencia xogando naquel eucaliptal e o momento no que o botaron fóra a el e aos seus amigos para empezar a cortar as árbores para construír o edificio.

Despois, trataremos de ir completando pouco a pouco a serie, con outros vídeos similares.

 

Avaliación e conclusións

Neste artigo demos conta dun longo proceso de compromiso coa difusión de libros locais no noso centro, un proceso que desembocou na creación dun fondo específico na nosa biblioteca, con atención e difusión especial.

Tendo en conta que unha das iniciativas fundamentais na súa difusión se levou a cabo a finais do curso pasado e o pouco tempo que transcorreu do presente, non temos datos concretos (número de préstamos etc.) que poidan servir para avaliar obxectivamente a repercusión do noso labor, pero cremos que hai indicios de que o esforzo non foi en balde, mesmo fóra do ámbito escolar.

“Quen queira ser universal, que lle cante á súa parroquia”. Repito esta cita con certa frecuencia e sempre digo que é de Shakespeare, aínda que non teño a certeza de que sexa así. En realidade, creo que é de Dostoiesvski e que o texto tampouco se corresponde exactamente co que eu digo. Pero non importa. O importante é que se aprendemos a querer o que temos máis cerca é máis probable que acabemos amando tamén o de lonxe, por iso a sección local ten que ter presenza destacada nas nosas bibliotecas escolares. Levamos anos nese empeño e seguiremos, porque cremos que o noso esforzo non é inútil.

Sección: