• Blogues Abalar:Contando ata un

  • Blogues Abalar:Contando ata un

  • Blogues Abalar:Contando ata un

08 MAI 2012
blogue: "CONTANDO ATA UN ", POR JUANA FDZ. GARCÍA

“Deseño para todos” nas TIC e lectores de pantalla

Os avances tecnolóxicos supoñen unha mellora na calidade de vida das persoas con diversidade funcional permitíndolles realizar actividades que doutra forma resultarían impensables.

Tecnoloxías como os lectores de pantalla ou os magnificadores, permiten que persoas con deficiencia visual poidan manexar de forma eficiente un ordenador.

Neste artigo realízase unha breve análise comparativa entre os lectores de pantalla máis utilizados polos usuarios.

Os avances nas novas tecnoloxías supoñen para as persoas con diversidade funcional unha mellora na calidade de vida, pero o feito de que estes avances non sempre van acompañados de progresos en accesibilidade representa un risco de exclusión e contribúe a incrementar a brecha dixital.
Bótase en falta unha normativa técnica detallada que garanta que os dispositivos que se encontran no mercado se desenvolvan con criterios de "deseño para todos".
Se a innovación tecnolóxica descoida estas premisas, pode deixar de ser unha oportunidade, para converterse máis ben nun factor de exclusión.

No caso das deficiencias visuais son necesarias tecnoloxías  asistivas como os lectores de pantalla e os magnificadores que suplan a falta de accesibilidade do equipamento informático. Grazas a este tipo de software as persoas con deficiencia visual poden manexar de forma eficiente un ordenador, o que lles permite acceder á información, navegar por internet, comunicarse en chats, participar en comunidades, proxectos, foros, etc.

O acceso á información e a capacidade de comunicación e interacción co medio son necesarias para que o individuo poida tomar decisións afectan á súa vida, que evitar o illamento e a dependencia e facilitar a inclusión escolar. Esta participación proactiva é fundamental no seu desenvolvemento persoal, especialmente se pensamos nos alumnos e alumnas en idade escolar.

Pero que é un lector de pantalla?

Un lector de pantalla é un software que permite ás persoas cegas ou con graves problemas de visión manexar de forma eficiente un ordenador.

O lector recolle, interpreta e "le" en cada momento o que se visualiza en pantalla, tanto os contidos (cando estes son accesibles) coma a información dos menús, barras, paneis, botóns e outros obxectos visuais.

A "lectura" do que está a suceder no ordenador pódese representar de dúas formas, ben mediante voz ou a través dunha líña braille.

A maioría dos lectores de pantalla utilizan un sintetizador de voz para reproducir de forma artificial o fala humana. A calidade da "voz" mídese pola súa intelixibilidade ou facilidade coa que é entendida, e a súa naturalidade ou parecido coa voz humana real, sendo este un dos puntos máis críticos debidos ao efecto "robotizado" das voces sintéticas que en ocasións crean rexeitamento entre os usuarios. Esta consideración é de grande importancia especialmente se temos en conta o número de horas que unha persoa escoita ao longo do día a "voz" que lle permite traballar co seu ordenador.
 

Existe unha gran variedade de lectores de pantalla dispoñibles no mercado, a maioría solucións comerciais e privativas, e a elección final dun ou outro, non sempre está condicionada pola usabilidade, compatibilidade e prestacións do software elixido senón polo sistema operativo que manexe o usuario e ao que dalgunha forma se encontra "atado".

Os lectores de pantalla máis utilizados

A maioría dos lectores de pantalla utiliza síntese de voz e soporte para braille, é o caso de todos os lectores tratados neste artigo. Algunhas solucións son libres e de código aberto, como Orco eNVDA, e outras son privativas e comerciais como Jaws e VoiceOver.

Atendendo ao sistema operativo que utilicen os usuarios, os lectores de pantalla máis utilizados son:

Usuarios de Windows

JAWS é o lector máis estendido entre os usuarios e o seu prezo aproximado por licencia1 pode oscilar entre os 677.31 € e os 1,131.27€. Nel non se inclúen as actualizacións nin o soporte da aplicación.

É compatible cos produtos: Microsoft ® Office Suite, MSN Messenger ®, Corel ® WordPerfect, Adobe ® Acrobat Reader, Internet Explorer ™ e Firefox ™

NVDA. Lector de pantalla libre e de código aberto para o sistema operativo Microsoft Windows. Entre os patrocinadores do proxecto encóntranse Mozilla Corporation e Adobe Systems Inc

Tanto a aplicación como todas as súas actualizacións son gratuitas e contan co soporte da comunidade http://www.nvda-project.org/wiki/Support e http://nvda.99k.org/

Entre algunhas das súas melloras (melloras respecto a outros lectores ou vantaxes do lector) encontramos:

  • Capacidade de funcionar por completo dende unha memoria USB sen necesidade de instalación.
  • Cambio automático do idioma do sintetizador de voz cando o documento inclúe a información adecuada sobre o idioma.
  • Cando a aplicación falla ou se bloquea é capaz de reiniciarse soa.

 

Para coñecer en detalle as últimas novidades consultar http://www.n-v-d-a.org/?page_id=6 web oficial da comunidade de NVDA en España.

Usuarios de Apple Mac OS

VoiceOver. Integrado por defecto no sistema operativo Mac OS X incluído nos novos Mac, pensados con criterios de “deseño para todos”.

Non todas as aplicacións para Mac son accesibles, polo que antes de comprar unha2 teremos que consultar en http://www.apple.com/es/accessibility/voiceover/applications.html a lista de aplicacións accesibles.

Á hora de elixir debemos ter en conta o prezo, que dependendo do modelo elixido pode aproximarse aos 2.000 € (consultar prezos oficiais en http://store.apple.com/es/browse/home/shop_mac" ) 
 
Usuarios de sistemas GNU-Linux

Orca. O grupo de desenvolvemento de GNOME integra un lector de pantalla e magnificador incluído por defecto en varias distribucións como Ubuntu e Fedora, e dispoñible para outras distribucións.

Trátase de software libre e gratuito, que funciona con aplicacións e ferramentas que soportan AT-SPI3, como o escritorio GNOME, OpenOffice / LibreOffice, Mozilla, kit de ferramentas da plataforma Java Swing, etc.

Tanto a aplicación como todas as súas actualizacións son gratuitas e contan co soporte de varias comunidades como http://www.tiflolinux.org/ e http://es.linuxacessivel.org/

ORCA é tamén o lector de pantalla seleccionado para o equipamento ABALAR4 co que se pretende dar unha solución baseada en software libre e sistemas GNU-Linux que sexa accesible para todo o alumnado.

 Inclúese na devandita solución o sintetizador de voz Festival (GNOME Speech driver) xunto coas voces en castelán desenvolvidas dentro do proxecto hispavoces de guadalinex, Sofía e Pedro, e gran número de aplicacións accesibles que podemos consultar en http://www.edu.xunta.es/centros/abalar/aulavirtual/mod/book/view.php?id=901&chapterid=425

Como vemos o panorama é diverso...pero non tanto como se quixera, bótase en falta un lector de pantalla que realmente sexa multiplataforma e nos libere á fin da dependencia do sistema operativo co que vaiamos traballar.

 

1. Segundo datos obtidos de http://www.freedomscientific.com/products/fs/jaws-product-page.asp

2. Na filosofía Mac cada aplicación que se instala no sistema cómprase por separado na Apple Store

3. Infraestructura principal de tecnoloxía de asistencia para os ámbitos operativos Solaris w Linux

4. A Consellería de Educación, a través da subdirección SXSI da Secretaría Xeral, promove dende o curso 2010-11 o grupo de traballo ABALAR Accesible, no que colaboran a ONCE (coa participación dos seus tiflotécnicos) e a asociación TADEGa

 

1.8
Average: 1.8 (9 votes)
Your rating: Ninguno
1.8
Average: 1.8 (9 votes)
Your rating: Ninguno
(9 votos)

Enviar un novo comentario

Deixa un comentario
O contido deste campo é privado e non se amosará publicamente.
CAPTCHA
Esta pregunta é feita para comprobar que é vostede unha persoa real e impedir o envío automatizado de mensaxes lixo.
Image CAPTCHA
Insira os caracteres amosados na imaxe.