• Blogues Abalar:Contando ata un

  • Blogues Abalar:Contando ata un

  • Blogues Abalar:Contando ata un

03 MAI 2012
blogue: "CONTANDO ATA UN ", POR JUAN JOSÉ FERNÁNDEZ GARCÍA

Sinalizacións

Sinal exterior para tráfico rodado de precaución por zona escolar.

Situémonos

Sinalización (nalgúns foros tamén figura como “sinalética”) é o sistema de comunicación sintetizado nun conxunto de sinais e símbolos que cumpren a función de guiar e orientar ás persoas nun espazo físico, especialmente nos lugares que presentan dificultades cando se precisa saber onde estás ou como chegar a un punto concreto dese espazo. Como exemplos máis representativos temos as sinalizacións de estacións, aeroportos, cines, museos, etc. E como non, tamén nas nosas escolas adoitan verse sinais con debuxos e palabras para indicar se aquela estancia é unha aula, a biblioteca, o comedor ou a saída ao patio. A pregunta é: son accesibles? Lamentablemente non, razón pola que adiantamos aquí unha proposta atrevida, totalmente accesible, e polo tanto realmente inclusiva separadamente das capacidades de cada quen.

Esencias dun sinal

Un sinal calquera (poñamos por caso o típico debuxo dunha figura humana masculina para indicar que a porta onde está pegado corresponde cun aseo para homes) debe cumprir sempre uns principios básicos:

Universal: calquera persoa, separadamente das súas capacidades, cultura e nivel formativo debe entender inmediata e claramente o seu significado.

Simple: canto máis sinxelo, mellor e máis rápido de entender.

Eficaz: non vale un sistema que induza a erro.

Eficiente: non vale un sistema difícil de entender.

Destacado: aínda tratando de estorbar o menos posible, o seu tamaño, xogo de cores e situación deben ser de tal magnitude como para que, incluso en situacións de pánico ou confusión, ninguén teña dificultades para localizalos e de obter a información que precisa.

Da teoría á práctica

 

Que ben pinta toda esta teoría e que pouca correspondencia hai coas situacións reais. Sen ir máis lonxe, e centrándonos no caso anterior:

  • Unha figura humana masculina é interpretable como lugar de aseo para nenos e homes?
  • Como facer sinalización universal tendo en conta ás persoas cegas?
  • Como facelo igualmente universal para persoas con TEA?
  • E no caso de persoas con discapacidade intelectual?
  • E para persoas que son doutros países de idioma diferente ao noso?

 

Non é tan doado como parece

 

Que lío verdade? Como facer para ter unha sinalización accesible 100%? Como compatibilizala co respecto aos principios de simplicidade, eficacia, eficiencia, universalidade...? Aquí é xusto onde máis me gusta estar: nos retos. E sendo así, quixera pór na mesa o que máis atarefado me trae dende unha boa tempada, cunha proposta valente, de calidade e realista (ou iso é o que se pretende).

Descrición dunha sinalización 100% accesible

 

Poñamos por caso que temos a oportunidade de acadar a adquisición e instalación dunha sinalización para o noso centro coa pretensión da máxima accesibilidade que hoxe a tecnoloxía nos permita. Cada un dos sinais, como tería que ser?

Sinais de planta

 

Estrutura
  • Son sinais que nos indican en que altura de planta estamos, que hai nas outras plantas e onde están ubicadas as entradas e saídas desa planta.
  • Adoitan estar nas entradas, e saídas de cada planta.
  • Adoitan tamén acompañarse ou explicarse mediante planos simplificados desa planta. Planos que deberán estar en relevo para que as persoas con discapacidade visual tamén podan acceder a eles.
  • Tamén poden incluír un punto para indicar onde está a persoa visitante nese momento.
  • As regras de maquetación, uso de cores, tamaños, colocación en altura e demais son as mesmas que para o resto de sinais que despois veremos.

 

Sinais individuais

 

Elementos
  • Texto escrito: texto sinxelo, explícito cun tipo de letra grande, claro, recoñecible e lexible dende lonxe cun forte contraste de cor coa cor do fondo. E por suposto, sempre a mesma tipografía, estilo e tamaño en todas as sinalizacións do edificio.
  • Texto en braille: (e damos así acceso ás persoas con discapacidade visual). Sempre coa mesma normativa que para o texto escrito.
  • Pictograma: (e damos acceso así a persoas con TEA ou con outras dificultades na linguaxe). Sempre da mesma tipoloxía, debe elixirse a que mellor equilibrio garde entre a simplicidade das figuras e o explícito do seu significado, por exemplo a de Arasaac.
  • Vídeo e audio en pantalla: e agora sí que nos temos que explicar polo miúdo: hai persoas con linguas vehiculares non verbais (no canto da palabra usan xestos co corpo en movemento acompañados ás veces pola pronuncia oral do signo (LSE ou LSG para persoas con xordeira, ou SAAC para persoas con graves dificultades intelectuais, por exemplo o sistema de Benson Schaeffer).

 

Aclaracións
  • E como incrustamos unha pantalla de audio e video nun sinal para reproducir LSE, LSG ou SAAC? Ata hoxe sería un problema de difícil solución, pero agora xa non tanto: en moitas tendas de electrónica e por un prezo que non rebasa os 30 euros podemos atopar marcos dixitais (marcos para fotos) nos que gardar audio e vídeo dos correspondentes xestos signados tanto dun tipo como do outro, e mesmo adoitan ter un sensor de proximidade de modo que só se activan cando alguén pasa ao seu carón.
  • Ademais este elemento vainos a axudar en moitas máis cousas: a reproducción dos audios reforzará a comprensión das persoas con discapacidades visuais e podemos engadir o mesmo termo en diferentes idiomas en forma de vídeos moi curtos coa bandeira correspondente de fondo tantos como os que precisemos en función dos idiomas do alumnado do centro. A persoa, accionando o botón selector poderá escoller o seu caso.
  • Tamén se podería ter a modadlidade desta sinalética sen o módulo do vídeo inicialmente para poder incorporalo nunha época posterior en que se precisase en función do perfil das persoas usuarias do sistema.
  • A colocación dos sinais tampouco é algo para deixar ao chou; débese ter sempre o mesmo criterio (sempre á dereita ou sempre á esquerda da porta de acceso ou do ítem a sinalar, evitando a mesma porta) para que persoas con discapacidade visual saiban sempre onde atopalo. E por suposto: sempre colocado á mesma altura (pensando no alumnado e non nos adultos), sempre do mesmo tamaño, sempre organizado e estruturado do mesmo xeito.

 

Utópico?

 

Efectivamente ten todas as pintas de soar a Alicia no país das maravillas (algún proxecto de embergadura non soa así antes de comezar a andar?) pero se o mirarmos máis polo miúdo ao mellor non tanto. Vaia un adianto aínda moi no aire, o proxecto está en estudio por parte da asociación TADEGa coa posible concorrencia de diversas organizacións e empresas de recoñecida solvencia profesional e capacidade na temática:

  • Fabricación ou importación e ensablado posterior a través de BJ Adaptaciones.
  • Diccionario de pictogramas e de LSE a través de ARASAAC (Licenza Creative Commons).
  • Diccionario de SAAC a través de DIVERTIC (Licenza Creative Commons).
  • Diccionarios de termos en diversos idiomas: a través de adatpacións nos propios centros.

 

Admítense apostas.

Un posible boceto do modelo de sinalización accesible e polo tanto inclusiva. Letras brancas e grandes xunto co mesmo texto en braille sobre fondo oscuro. Á esquerda e sobre fondo amarelo (con opción a elexir entre varias cores de fondo segundo sexa o andar) se sitúan dous cadros, un co pictograma e outro cun vídeo.

5.005716
Average: 5 (7 votes)
Your rating: Ninguno
5.005716
Average: 5 (7 votes)
Your rating: Ninguno
(7 votos)

Enviar un novo comentario

Deixa un comentario
O contido deste campo é privado e non se amosará publicamente.
CAPTCHA
Esta pregunta é feita para comprobar que é vostede unha persoa real e impedir o envío automatizado de mensaxes lixo.
Image CAPTCHA
Insira os caracteres amosados na imaxe.