• Blogues Abalar:Contando ata un

  • Blogues Abalar:Contando ata un

  • Blogues Abalar:Contando ata un

06 FEB 2012
blogue: "CONTANDO ATA UN ", POR JUANA FDZ. GARCÍA

Son realmente necesarias as TIC na atención a diversidade?

Moitas veces no meu traballo como asesora SIEGA – Abalar descubro certo “receo” entre os compañeiros á hora de decidir o destino que se lle debe dar ás TIC, en especial ao equipamento que se recibe nos centros.

A ninguén se nos escapa que o equipamento que recibimos é máis custoso do que todos quixéramos, incluída a Administración, e a pesar dos esforzos que se fan nunca chegan na cantidade suficiente.

É unha tarefa pendente para todos buscar unha resposta educativa válida partindo do principio de inclusión, entendendo que unicamente deste xeito se garante o desenrolo de todos, se favorece a equidade (principio de equidade en educación establecido pola LOE no seu título II) e se contribúe a unha maior cohesión social.

No momento da instalación do novo equipamento vémonos no conflito de decidir a que alumnos imos “favorecer” ou facilitar o aceso ao novo equipamento.

Aparecen entón pequenos desacordos (ás veces non tan pequenos) sobre quen o precisa máis, quen lle vai sacar máis partido ou onde está máis xustificado o seu uso.

Lamentablemente para os alumnos con necesidades específicas de apoio educativo o feito de ser unha minoría acaba converténdose nun obstáculo xa que por todos é sabido que as maiorías son as que mandan.

Antes ou despois sempre hai un compañeiro que, con moita amabilidade, acaba preguntándote “pero ti de cantos alumnos estás a falar?”

Quizais o que se lle escapa a algúns e que unha educación de calidade, xusta e integradora non se suxeita na cantidade, nin nas estatísticas nin no poder das maiorías senón no traballo, na ilusión, o esforzo e a colaboración de todos.

É unha obriga tanto para a Administración como para os docentes contemplar a diversidade das alumnas e alumnos e as súas necesidades, respectando o "principio de atención á diversidade" que impera sobre todas as actuacións educativas e que incide en que todos os alumnos, sen excepción, son diferentes.

Neste sentido as TIC son elementos que ademais do atraentes e motivadores que resultan son ferramentas educativas que axudan a favorecer a autonomía persoal e a plena integración, converténdose en grandes protagonistas nunha escola inclusiva.

Quizais teríamos que aprender a contar só ata un... porque cada “un” e cada “unha” é diferente, único e importante.

Por sorte para todos sempre hai persoas que só saben contar ata un.

Lembro cando Mercedes, mestra de apoio de infantil dun colexio próximo, fíxose cun EDI. Tiña medo ao principio pero a súa longa experiencia docente e o tesón que a caracteriza axudáronlle a saír adiante. Daquela os rapaces xa a coñecían como “a profesora do encerado máxico”.

Chegou un novo alumno ao centro cun trastorno da comunicación que facía que os seus compañeiros e profesores non coñeceran a súa voz. Mercedes ideou unha actividade sinxela no EDI que resultou moi atraente para todos e cando lle chegou a vezao alumno  novo éste quedou paralizado diante daquel “encerado máxico” que lle abriu unha nova fiestra ao mundo e no cole puideron escoitar a súa voz.

Foi o primeiro paso dun longo camiño. Houbo momentos mellores e peores, ás veces a ilusión fainos apurar moito e o rapaz levou algún susto que o tivo afastado e desconfiado daquela superficie máxica durante un tempo.

Con paciencia foron dándose pasos, pequenos para esa maioría que o cuantifica todo en números e estatísticas de efectividade e éxito, pero xigantescos para Mercedes e o seu alumno que aquel día semellaban levar o mundo metido nos ollos.

2.58
Average: 2.6 (16 votes)
Your rating: Ninguno
2.58
Average: 2.6 (16 votes)
Your rating: Ninguno
(16 votos)

Enviar un novo comentario

Deixa un comentario
O contido deste campo é privado e non se amosará publicamente.
CAPTCHA
Esta pregunta é feita para comprobar que é vostede unha persoa real e impedir o envío automatizado de mensaxes lixo.
Image CAPTCHA
Insira os caracteres amosados na imaxe.