Experiencias. Aulas 2.0

EXPERIENCIAS 06/10/2016

IES de Ribadeo: Moodle, imprescindible

Setembro 2016, aparece unha nova materia, Física e química de 2º ESO. O primeiro que fago é solicitar a creación de ese curso na plataforma Moodle da aula virtual do instituto. Configuro o curso con formato de temas, e comezo escribindo nos diferentes temas os títulos das leccións da primeira avaliación.

En cada tema coloco un par de recursos, un arquivo, tipo presentación, de momento sen mais contidos que o título da lección e os seus apartados, e outro con algunha das actividades de laboratorio que vou tendo. Cando vaia preparando os temas para dar a clase correspondente, seguro que atoparei algunha actividade interactiva que me gustará, e colocarei o enlace.

Durante o curso, mentres imparta a clase proxectando na pantalla dixital a presentación, irei anotando nela os conceptos e aclaracións importantes para cada pregunta do tema, e tamén a resolución dos exercicios correspondentes. Intento que o alumnado vaia aprendendo a coller apuntes e tamén que, se alguén faltara a clase, dispoña dun lugar onde consultar o que se fixo durante a súa ausencia.
 
Para o resto de materias xa impartidas algún outro ano, teño creado o curso e dotado mais ou menos contidos, segundo a súa antigüidade así que vou pasando as presentacións e comentando sen ter que escribir nada no encerado. Amplío as coleccións de problemas, busco algunha actividade de reforzo para que sexa utilizada por quen a necesite e solicito por parte do alumnado que vaian facendo individualmente algunhas actividades como resolver exercicios, utilizando os editores de ecuacións ou como enviar as memorias das prácticas de laboratorio que poden incluír debuxos esquemáticos das montaxes e cálculos. Diferentes opcións que permiten mellorar tanto ao alumnado con dificultades como ao alumnado con facilidades.
  
Considero moi importante potenciar o traballo en colaboración, implicar ao alumnado como parte activa da súa aprendizaxe e atopo, na plataforma Moodle, actividades moi útiles para este fin, que ademais se autocalifican dando unha nota global para cada estudante. Eu utilizo:

  • Glosarios enciclopédicos: Por cada lei que se estuda, alguén pode subir ao glosario unha fotografía de quen a enunciou con lugar e data de nacemento, e unha referencia de non mais de dúas liñas.
  • Bases de datos: Na páxina do instituto diariamente aparecen as horas do orto e do ocaso. Alguén as anota na base de datos e nun par de meses temos información para poder facer unhas gráficas interesantes da duración dos días.
  • Foros de traballo: para axudarse entre eles.
  • Exames: que como todas as actividades anteriores poden ser feitos na casa, ou en grupo ou incluso nas clases particulares. Para a nota contan como unha tarefa máis, igual que as anteriores. 

A plataforma Moodle leva dez anos sendo unha das miñas ferramentas de traballo. Curso tras curso pasou a ser unha boa maneira de ter ordenado por temas e por cursos o material de traballo, con opción de telo á vista, ou non, do alumnado.  Hoxe en día as miñas clases están mais estructuradas, os problemas resoltos teñen menos erros e mais información e o mais destacado é que o alumnado deixou de ser receptor de información e fai tarefas, de traballo individual e de traballo para o grupo, en forma de colaboración, que presenta en diferentes formatos na aula virtual.

Teresa Díaz Estévez
Profesora de Física e Química
IES de Ribadeo

5.808
Average: 5.8 (5 votes)
Your rating: Ninguno
5.808
Average: 5.8 (5 votes)
Your rating: Ninguno
(5 votos)

Enviar un novo comentario

Deixa un comentario
O contido deste campo é privado e non se amosará publicamente.
CAPTCHA
Esta pregunta é feita para comprobar que é vostede unha persoa real e impedir o envío automatizado de mensaxes lixo.
Image CAPTCHA
Insira os caracteres amosados na imaxe.