Experiencias. Aulas 2.0

EXPERIENCIAS 18/11/2016

IES de Ribadeo Dionisio Gamallo: Redeiras: do profesorado e para o profesorado

A docencia é unha profesión que se constrúe desde a reflexión, desde o interior do individuo, asimilando, valorando e contrastando ideas que o ser humano ven desenvolvendo desde o inicio da súa andaina civilizada. A lectura, os comentarios, a elaboración e redacción de ideas propias ou alleas forma parte do discurrir diario do docente.  Esta ven sendo a resposta rápida que a maioría da xente da cando se lle pregunta polo perfil do noso labor.

Pero os tempos cambian, e todo aquel traballo illado, solitario, de preparación concienzuda e persoal para aportar todo o intelectualmente posible ao noso alumnado queda xa definitivamente desfasado…. Nin nós pertencemos a esa época nin o noso alumnado aprende xa baixo eses esquemas.
Deixando de lado a utilización política do ensino e dos seus compoñentes, a sociedade mudou drásticamente nos últimos decenios, e, a pesares de que eses cambios non se fan efectivos no día a día dos centros, si asistimos a un intento de actualizar a metodoloxía, a praxe e a actividade escolar en xeral.
Como consecuencia destes obxectivos, vanse poñendo á disposición do profesorado plataformas, programas, recursos, actividades e outros medios que permiten estruturar, coñecer, suxerir, compartir e establecer diálogos que ata fai pouco eran practicamente imposibles de levar a cabo. Así, o traballo individual pode usarse desde novos espazos (aulas virtuais), a xestión de clases e titorías pode levarse tamén desde o ciberespazo (tanto en modo ordenador coma no móbil), e, en fin, podemos tamén colocar as nosas experiencias, actividades, programacións,… en páxinas web ou en redes sociais especializadas.

Este é o lugar de REDEIRAS, unha rede social profesional e restrinxida que conta cun número reducido de público: o profesorado. REDEIRAS non é unha rede social ó uso, é un ámbito concreto e para fins concretos: elaborar, compartir, valorar, contrastar, enriquecer e utilizar as distintas aportacións coas que cada individuo considere oportuno innovar no seu espazo docente.

A miña experiencia con REDEIRAS comezou da man do Plan Proxecta, xa que ofrecía moitas e variadas oportunidades, cómodas de realizar e con suxerentes propostas temáticas. Decidín apuntarme no programa Aliménta-T ben, e traballei coma sempre co alumnado. Cando un desenvolve un traballo sempre debe procurar distanciarse do feito e gañar perspectiva, pero, salvo os e as compañeiras, non tiña outra referencia sobre o que elaboraba máis ca o meu inmediato redor. Colgar os traballos en REDEIRAS, compartilos e comentalos, e, de paso poder ver os traballos e as actividades que outros docentes estaban realizando sobre o mesmo programa, supuxo todo un descubrimento e unha nova fase do meu labor. Non sei se o que nos fixemos puido servir como un elemento motivador a alguén, pero eu pasei moitas horas curioseando nos traballos e nas actividades dos demais, e enriquecendo a miña perspectiva con todo o material que estaba subido na plataforma. Este “diálogo” entre actividades trouxo como consecuencia que REDEIRAS forme parte dos lugares de paso frecuente na miña tarefa docente porque, participando en cursos ou non, é un gran escaparate onde podemos comentar, subir, compartir e valorar as experiencias dun conxunto de persoas que cre firmemente que o labor docente debe construirse no día a día e entre todos, e dispor dun espazo temático no que descubrir e actualizar contidos é un ingrediente fundamental e motivador no día a día escolar.

REDEIRAS convírtese así nun complemento importante, plural e variado que enriquece a nosa práctica educativa e permite innovar e compartir en educación de forma inmediata cunha pauta institucional que garante e consolida o esforzo de cada unha das partes en acción. Está claro que cantos máis docentes nos sumemos a este espazo, máis diálogo, comunicación, experiencias e traballo poderemos chegar a intercambiar.

J. Manuel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
 

6
Average: 6 (20 votes)
Your rating: Ninguno
6
Average: 6 (20 votes)
Your rating: Ninguno
(20 votos)

Enviar un novo comentario

Deixa un comentario
O contido deste campo é privado e non se amosará publicamente.
CAPTCHA
Esta pregunta é feita para comprobar que é vostede unha persoa real e impedir o envío automatizado de mensaxes lixo.
Image CAPTCHA
Insira os caracteres amosados na imaxe.