O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 23/04/2015

Abalar: Abalar amplía o seu alcance cunha nova dotación Kits de aula dixital

Carlos Vázquez , Director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais (Amtega), e Manuel Vila, Subdirector Xeral de Formación de Profesorado e Innovación Educativa, veñen de anunciar nas Xornadas EscolaTIC 2015 que Abalar amplía o  seu alcance  cunha nova dotación Kits de aula dixital, compostos por encerado dixital interactivo, vídeo proxector e ordenador portátil para o posto de profesor, ademais da conectividade da aula.

O obxectivo desta actuación é despregar este equipamento en todas as aulas de centros públicos de Galicia nas que se imparte 5º e 6º de Educación Primaria, e 1º, 2º, 3º, e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, e que na actualidade non dispoñen deste equipamento.

Vázquez Mariño destacou que o esforzo inversor así como a importancia desta actuación para dar un novo impulso a transformación do modelo educativo, xa que os elementos nesta dotación de equipamento aos centros educativos participantes é  moi valorada e recoñecida polo profesorado.

Neste sentido, o proxecto permitirá pasar dun 40% de aulas públicas dixitais na actualidade a un 100% nos cursos 5º e 6º de Primaria e 1º,2º,3º e 4º da ESO para novembro de 2015.

A previsión  é instalar este equipamento en  2.800 aulas duns 870 centros públicos, polo que unha vez completada esta iniciativa beneficiaranse dela 50.000 alumnos, que sumados aos que xa están integrados no proxecto, suporá ampliar o alcance de Abalar a máis de 100.000 alumnos

 

Situación actual do Proxecto Abalar

No que atinxe ao Proxecto Abalar, Carlos Vázquez informou que actualmente está en funcionamento en 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO de 531 centros, beneficiando a 52.000 alumnos.Neste sentido, o Proxecto Abalar tamén avanzou na formación e fomento da cultura dixital, xa que se formaron a máis de 23.000 docentes, e se impartiron actividades destinadas a alumnado, profesorado e familias (Navega con Rumbo), en preto de 900 centros.

No eixo de Contidos Educativos Dixitais, o Repositorio de Contidos Dixitais de espazoAbalar,  ten á disposición da comunidade educativa case 2.500 recursos educativos dixitais complementarios (para todos os niveis educativos e en 7 idiomas), con máis de 2,1 millóns de descargas no último ano.

Finalmente, dentro da participación e difusión, púxose en marcha o espazoAbalar, o punto de encontro na rede da comunidade educativa con máis de 1.5 millóns visitas anuais, e estase a estender aos centros educativos o uso de novas canles de comunicación a través da plataforma abalarMóbil, que na actualidade esta dispoñible en 107 centros. Así mesmo, a rede social do profesorado Redeiras afiánzase como canle de comunicación e difusión de proxectos e iniciativas entre o profesorado, con preto de 10.500 usuarios

 

Libros dixitais – EDIXGAL

Co obxectivo de pór en marcha o libro dixital nos centros educativos galegos, o proxecto E-DIXGAL arrancouneste curso 2014/2015, incorporando a máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros Abalar que se adscribiron á iniciativa.

O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe, que incorpora contidos curriculares gratuítos para as familias de dous provedores de contidos, é posible a través de calquera equipo con conexión a internet. Ademais, o alumno que así o desexe, ten a posibilidade de utilizar tamén na súa casa o netbook (ordenador portátil) que emprega na clase.

No vindeiro curso 2015/2016  incorporaranse ao proxecto os alumnos de 6º de primaria dos centros participantes e novos centros con alumnos de 5ª e 6ª de primaria e 1º de ESO , estimándose que beneficie a uns 7.500 alumnos.