O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 10/02/2014

Abalar: abalarMóbil, finalista dos Premios Fundetec

A aplicación abalarMóbil, posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foi seleccionada como finalista dos IX Premios Fundetec 2013 na categoría de “Mellor Proxecto de Entidade Pública para a Cidadanía”.
 
Proxectos de entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro procedentes de toda España optaban ás catro categorías dos Premios Fundetec. Os gañadores, elixidos por un Xurado composto por personalidades de recoñecido prestixio do ámbito da Sociedade da Información e a innovación, daranse a coñecer durante a cerimonia de entrega de premios, que terá lugar o xoves 20 de febreiro en Madrid.
 
A posta en marcha de abalarMóbil é un paso máis na evolución do Proxecto Abalar, xa que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles: consultar desde o seu as cualificacións, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo, etc.
 
A implantación de abalarMóbil arrancou nunha primeira fase en once centros educativos das catro provincias galegas, o que implica a máis de 4.500 familias. O alcance da aplicación ampliarase paulatinamente ao resto dos centros educativos ata beneficiar a preto de 400.000 familias galegas.
 
 
A Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade (Fundetec) ten a súa orixe como resultado dun esforzo conxunto entre a Administración Pública e o sector privado para potenciar o desenvolvemento da Sociedade da Información. A súa función céntrase na análise, fomento, divulgación e dinamización do acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) por parte de cidadáns, empresas e institucións.
 
O obxectivo prioritario de Fundetec é acurtar as diferentes brechas dixitais que van xurdindo ao fío das tecnoloxías e dispositivos emerxentes, e paralelamente, mellorar tamén a experiencia do usuario de tecnoloxía e as súas competencias dixitais.