O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 07/02/2012

Xunta de Galicia: Coa terceira versión do espazoAbalar incorpóranse novas funcionalidades e servizos para toda a comunidade educativa

 
  • A plataforma conta con novas guías para as familias, docentes e centros educativos e a incorporación das redes sociais
  • A nova versión permite un maior seguimento do alumnado, a consulta do calendario académico e do transporte escolar
  • Incorpóranse novas funcionalidades ao servizo de comedores
  • Outra das novidades son as experiencias e os blogs educativos temáticos enfocados desde o uso das TIC na aula

 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2012. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica veñen de actualizar e incorporar novas funcionalidades e servizos ao portal espazoAbalar (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar).

Entre as finalidades da nova plataforma están as de incrementar a eficacia dos servizos educativos, desenvolver as TIC no ámbito do ensino e fomentar a participación e motivación do alumnado, loitando ao mesmo tempo contra o fracaso escolar, a través dun seguimento continuado por parte das familias dos resultados académicos e  do comportamento do alumnado.

 

Novas guías e redes sociais

As familias, os docentes e os centros educativos poden coñecer todas as funcionalidades dispoñibles no “espazo Familias”, no “espazo Profesorado” e no “espazo Centros” por medio das novas guías elaboradas para cada un destes ámbitos.

A nova Guía para os pais e nais inclúe as novas e as antigas funcionalidades que ofrece o “espazo Familias” para todos os responsables.

Os docentes poden aprender a navegar polas diferentes pantallas que compoñen o “espazo Profesorado” coa Guía para profesores/as. 

Finalmente, máis orientada cara os membros do equipo directivo, elaborouse a  Guía para Centros, coa finalidade de coñecer detalladamente as posibilidades e a información que se pode consultar desde o “espazo Centros”.

Estas guías están dispoñibles tanto en galego como en castelán e adicionalmente contan cun apartado específico sobre o manexo do Repositorio de contidos educativos dixitais.

Asimesmo, a nova plataforma incorpora un acceso ás redes sociais, como facebook, twitter e youtube, un lugar onde seguir o Proxecto Abalar.

Maior seguimento do alumnado

Os pais, nais e titores legais dos escolares van a poder seguir realizando as accións que xa  viñan facendo ata agora, a través do “espazo Familias”. Con esta nova actualización, os responsables dos rapaces poderán realizar un seguimento máis exhaustivo da vida académica dos seus fillos/fillas.

Deste xeito, máis aló da obtención de noticias relativas á vida escolar dos seus fillos/as, os pais e nais poderán xustificar as faltas de asistencia e solicitar citas de titoría en liña, así como coñecer as incidencias máis relevantes dos seus fillos/as e os avisos que afecten ao grupo de alumnos/as ao que pertenzan a través de notificacións enviadas polos titores dos mesmos. Sempre que as familias o desexen, estes avisos serán recibidos por medio dun correo electrónico.

Asimesmo, o novo espazoAbalar tamén ofrece como novidade, a consulta do horario do alumnado, as faltas de conduta e as cualificacións de cursos académicos anteriores.

Adicionalmente, nesta nova versión, o profesorado sen atribucións de titoría verá ampliadas as súas funcionalidades, coa posibilidade de recibir xustificacións de ausencias por parte dos responsables do seu alumnado e co envío de avisos e incidencias, tanto xerais aos grupos nos que imparte docencia, como personalizados aos responsables dun alumno ou alumna en particular.

Calendario académico e transporte escolar

Do mesmo xeito, dentro do “espazo Familias” ofrécese novas funcionalidade dirixidas aos pais e nais do alumnado galego con respecto á consulta do calendario académico e ao seguimento do transporte escolar.

En particular, as familias poderán consultar o calendario académico do centro ao que pertencen os seus fillos/as. Este novo servizo dispoñible no “espazo Familias” permítelles coñecer os días non lectivos en Galicia durante o curso así como os dous días propios que escolle cada centro. Estes últimos só serán visibles desde o espazoAbalar no caso de que o centro os teña correctamente rexistrados na aplicación Xade.
 
Adicionalmente, tamén se poderán consultar no apartado “Servizos Complementarios”  do “espazo Familias”, os datos correspondentes ao transporte escolar asociados a cada alumno ou alumna, sempre e cando o centro os teña rexistrados na aplicación informática correspondente. Os pais e nais disporán do detalle deste servizo, mostrando a información diaria das paradas que lle corresponden ao alumnado.

Comedores

En canto ao servizo de comedores, os responsables do alumnado usuario deste servizo, poderán consultar os menús elaborados para cada semana así como o número de días por mes nos que se fixo uso do servizo.

Adicionalmente, a partir de febreiro de 2012 será posible tamén a descarga dos impresos de pago directamente desde o espazoAbalar, e a medio prazo está prevista a posibilidade de efectuar o pago telemático do devandito servizo de comedor. Unha e outra funcionalidade evitarán desprazamentos innecesarios aos responsables, tanto ao centro educativo como ás entidades bancarias.

Experiencias e Blogs educativos

Outra das novidades do novo espazo son os apartados de experiencias e os blogs educativos temáticos.

Desta forma, o apartado Experiencias Aulas 2.0, preséntase como un espazo onde a comunidade educativa pode compartir todo tipo de experiencias, no que a comunidade educativa pode compartir cos demais usuarios, iniciativas levadas a cabo no seu centro sobre a introdución e o uso do TIC nas aulas.

Asimesmo, os Blogs Abalar están pensados como espazos de comunicación e interacción da comunidade educativa (familia, alumnado e docentes), un lugar onde compartir opinións, experiencias e boas prácticas de forma que se estableza un fluxo de información que enriqueza a práctica educativa.
 
As temáticas dos Blogs Abalar son moi variadas: Atención á Diversidade, Experiencias TIC e boas prácticas, Observatorio 2.0, uso das TICS en casa, tecnoloxía educativa en Abalar..; e na que se inclúen unha ferramenta para fomentar a participación dos seus seguidores a través do envío de comentarios ou "post" dos artigos publicados.

Recursos educativos

Finalmente, o repositorio de contidos educativos mellora nas súas posibilidades de busca, permitindo filtrar entre datas e tipo de recurso. Ademáis, na pantalla principal, reflíctense os recursos máis accesibles, así como os máis descargados e recomendados.

Actualmente están catalogados preto de 800 recursos para educación primaria e secundaria, en varios idiomas:  galego, castelán, inglés e francés.

Desde o comezo deste ano reiniciouse a tarefa de catalogación, co que nos vindeiros días engadiranse novos contidos, entre eles os premiados na Convocatoria para o desenvolvemento de contidos dixitais convocada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación no ano 2011.