O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 11/07/2014

Abalar: A Consellería de Cultura e Educación porá en marcha o novo proxecto de contidos curriculares educativos dixitais en 84 centros educativos, beneficiando a 3.500 estudantes galegos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a resolución definitiva da convocatoria para a posta en marcha do novo proxecto de plataforma de contidos curriculares educativos dixitais, que se implantará no curso 2014/2015 en 84 centros educativos de toda Galicia. En total recibíronse 90 solicitudes nunha convocatoria que foi un éxito entre os centros públicos, que representan o 90% dos proxectos presentados. Ademais, un de cada tres centros públicos Abalar de primaria vai ser beneficiario do programa.

Cómpre sinalar, ademais, que o número de centros e estudantes participantes neste primeiro ano de implantación do proxecto supera amplamente a previsión inicial. Non en balde, estímase que a iniciativa chegará xa este próximo ano académico a 3.500 alumnas e alumnos de 5º de Primaria, fronte aos 2.500 previstos nun primeiro momento.  O obxectivo é que este proxecto chegue a 22.500 alumnas e alumnos no período 2014-2017. Nesta plataforma as familias participantes no proxecto poderán ter os contidos curriculares dos seus fillos totalmente gratis.

A esta primeira convocatoria puideron presentarse os centros educativos adscritos á rede Abalar que impartan no curso 2014/2015 ensinanzas de 5º de Educación Primaria; e que cumpran requirimentos como contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada - que variará segundo o número de aulas vinculadas ao proxecto, dos 2 Mbps aos 10 Mbps-, presentar un proxecto para a implantación do libro dixital ou propoñer unha persoa coordinadora do proxecto.

O proxecto

O proxecto arrancará o vindeiro curso 2014/2015 incorporando alumnos de 5º de primaria. No curso 2015/16 a previsión é que a plataforma estea dispoñible en 5ª e 6ª de primaria e 1º de ESO e que no terceiro ano do proxecto, no curso 2016/2017 sexa empregado estudantes de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO.

Na plataforma de aprendizaxe virtual, os alumnos poderán acceder tanto de xeito online como offline a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Ademais, esta nova ferramenta facilitará o acceso aos contidos de pago de empresas editoras grazas á conexión co Punto Neutro do Ministerio de Educación.