O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 14/09/2011

Abalar: Formación do profesorado Abalar no curso 2011/12

O plan de formación de centros da rede Abalar porase en marcha entre finais de setembro e principios de outubro diferenciando en todo caso, a formación que recibirán os centros que entraron no proxecto neste curso escolar e os que xa pertencían á rede no curso pasado.

Formación para os centros incorporados á Rede Abalar en 2011

- Os coordinadores/as dos centros públicos teñen a obriga de realizar o curso “Formación técnica nos elementos da aula Abalar”. Este curso realizarase en cada un dos CFR (Centro de Formación e Recursos) e no CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) entre finais de setembro e principios de outubro. Consta de 5 sesións de 3 horas e nel trataranse principalmente as características do equipamento das aulas.

- Os coordinadores/as de centros concertados realizarán o curso de “Formación técnica nos elementos da aula Abalar en centros concertados” que se realizará en Santiago.

- Para o resto do profesorado o centro debe solicitar un "proxecto de formación en centros" no CFR da súa zona. A preinscrición será necesaria facela antes do 30 de setembro e a solicitude de participación, xunto coa documentación complementaria, antes do 14 de outubro.

As características deste proxecto veñen recollidas no apartado de formación en centros do Plan Anual 2011-12. Estes PFAC poden ter unha duración entre 30 e 50 horas, coa posibilidade de que o 40% sexan dedicadas á docencia, que pode ser impartida por persoal do centro. Debe ser coordinado polo coordinador/a Abalar do centro e neste curso pode participar todo o profesorado do centro que o desexe, sendo obrigatorio para todo o profesorado que imparta docencia ao alumnado Abalar.

Formación para os centros incorporados á Rede Abalar en 2010

- Se o coordinador/a é a mesma persoa que no curso anterior non terá que realizar formación obrigatoria. Se houbo cambios, o coordinador novo debe realizar o curso “Formación técnica nos elementos da aula Abalar” xunto cos coordinadores/as de centros de nova incorporación. Desde os CFR poñeranse en contacto coas direccións dos centros para saber onde hai algún cambio e serán convocados para a realización do curso.

- O resto do profesorado pode solicitar voluntariamente un "proxecto de formación en centros ou grupos de traballo". Nos PFAC, polo menos os dous terzos dos participantes deben impartir docencia nas aulas Abalar e nos grupos de traballo deben ser polo menos a terceira parte. O prazo de preinscrición remata o 30 de setembro e o de presentación da solicitude o 14 de outubro.

Cursos presenciais a distancia

En todos os CFR realizarase o curso “Formación básica nas TIC. Edición Abalar” destinado ao profesorado que está empezando a traballar coas TIC nas aulas. En cada CFR e no CAFI realizaranse catro cursos con este deseño. Este curso non é obrigatorio.

Ademais durante o primeiro trimestre do curso hai convocados nove cursos de 10 horas, varios deles dedicados a explicar o uso das ferramentas instaladas nos portátiles: Scribus, Freemind e DIA.

En Platega vanse desenvolver 9 cursos durante o primeiro trimestre, a maioría deles dirixidos a mostrar as aplicacións das TIC en diversas áreas (lingua e literatura, ciencias sociais, educación plástica, ámbito científico – matemático – tecnolóxico e educación física).

Para o segundo e terceiro trimestre están programados cursos presenciais e a distancia seguindo esta mesma liña.

Para anotarse nestes cursos os docentes poden empregar o buscador do Fprofe poñendo “edición abalar” no título do curso e seleccionando o centro de formación (servizos centrais para cursos a distancia).

Os criterios de admisión en todos estes cursos serán:

  • Coordinadores/as Abalar
  • Profesorado de centros Abalar
  • Resto do profesorado