O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 07/09/2012

Abalar: Formación do profesorado de aulas Abalar no curso 2012/13

A finais do mes de setembro comezarán as accións formativas destinadas ao profesorado de aulas Abalar que, ao igual que en cursos anteriores, inclúe actividades en centros e cursos presenciais e a distancia onde ten preferencia na admisión o persoal dos centros Abalar.

Na páxina http://www.edu.xunta.es/web/formacionAbalar pode verse información máis ampla sobre estas actividades formativas.
 
Formación para centros incorporados á Rede Abalar en 2012
 
  • Os coordinadores/as dos centros públicos teñen a obriga de realizar o curso “Formación técnica nos elementos da aula Abalar”. Este curso realizarase en cada un dos CFR (Centro de Formación e Recursos) e no CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) entre finais de setembro e principios de outubro. Consta de 5 sesións de 3 horas e nel tratarase principalmente as características do equipamento nas aulas. Non é necesario inscribirse nestes cursos. Desde o CFR da zona poñeranse en contacto co centro para informar das datas e lugar de realización do curso.
  • Os coordinadores/as de centros concertados realizarán o curso Formación técnica nos elementos da aula Abalar en centros concertados, que se programará nos CFR de A Coruña e Vigo.
  • Para o resto do profesorado o centro debe solicitar un proxecto de formación e asesoramento en centros no CFR da súa zona. A preinscrición ten que facela o director/a do centro antes do 17 de setembro utilizando a opción “GT, SP, PFAC, PFFP” da aplicación Fprofe.
 
As características deste proxecto veñen recollidas no apartado de formación en centros do Plan Anual 2012-13. Poden ter unha duración entre 30 e 50 horas, coa posibilidade de que o 40% sexan dedicadas á docencia, que pode ser impartida por persoal do centro. Debe estar coordinado polo coordinador/a Abalar e pode participar todo o profesorado do centro que o desexe, sendo obrigatorio para o profesorado que imparta docencia ao alumnado Abalar.
 
Formación para centros incorporados á Rede Abalar en cursos anteriores
 
  • Se o coordinador/a é a mesma persoa que no curso anterior non terá que realizar formación obrigatoria. Se houbo cambios, a nova persoa coordinadora debe realizar o curso “Formación técnica nos elementos da aula Abalar” xunto cos coordinadores/as de centros de nova incorporación. É importante que o centro informe no CFR da zona deses cambios durante as primeiras semanas de setembro para facilitar a convocatoria.
  • O resto do profesorado pode solicitar voluntariamente un proxecto de formación e asesoramento en centros ou un grupo de traballo nas condicións que veñen recollidas na convocatoria do Plan Anual de Formación do Profesorado 2012-2013. 
 
Cursos presenciais e a distancia
 
No CAFI e en todos os CFR realizaranse os cursos “Nivel básico inicial en tecnoloxías da información e da comunicación. Edición Abalar” e “Nivel básico en tecnoloxías da información e da comunicación. Edición Abalar” destinados ao profesorado que está empezando a traballar coas TIC nas aulas. Para orientar na elección destes cursos hai preparados uns cuestionarios de autoavaliación da competencia TIC.
 
Tamén hai programados tres cursos de 10 horas no CAFI e en todos os CFR dedicados a explicar o uso de diversas ferramentas e sete cursos a distancia, varios deles sobre ferramentas de creación de contidos.
 
Na páxina Proxecto Abalar: formación pode verse un listado detallado destes cursos. Para inscribirse neles hai que utilizar a aplicación Fprofe. Para facilitar a busca pode poñerse “edición Abalar” no título do curso e seleccionar o centro de formación correspondente.