O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 01/09/2011

Abalar: I Edición de "Coñece espazoAbalar"

Ábrese un novo prazo de solicitudes para participar na primeira edición de "Coñece espazoAbalar”, unha iniciativa promovida conxuntamente pola Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia dentro do Proxecto Abalar, e dirixida a todos os centros públicos da Rede Abalar.
Esta iniciativa, desenvolta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ten como obxectivo dar a coñecer aos pais, nais, titores legais e profesorado dos centros públicos da Rede Abalar, as funcionalidades do portal espazoAbalar e o seu uso, tanto na comunicación en liña entre o centro e as familias, como na obtención de información sobre a evolución académica do alumnado. 
 
Para iso, levaranse a cabo nos propios centros educativos xornadas informativas que constan de dúas charlas, unha primeira dedicada aos pais, nais e titores do alumnado para fomentar o uso das funcionalidades do servizo espazo Familias , e unha segunda destinada ao profesorado do centro para que coñezan as novas canles de comunicación en liña coas familias. A duración da xornada informativa será de dúas horas a repartir entre ambas charlas.
 
Os centros públicos da Rede Abalar interesados en participar, deberán remitir un correo electrónico a abalar.xornada.espazoabalar@edu.xunta.es antes do mércores 7 de setembro indicando o nome do centro, dirección postal e datos da persoa de contacto (nome, cargo, teléfono, ...). O CPEIG porase en contacto cos centros interesados para ultimar os detalles e a data da xornada.