O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 01/09/2011

Xunta de Galicia: II Edición do Plan Navega con Rumbo

Ábrese un novo prazo de solicitudes para participar na segunda edición do "Plan Navega con Rumbo”, unha iniciativa promovida desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dentro do Proxecto Abalar da Xunta de Galicia, dirixida a todos os centros públicos da Rede Abalar e que non participaron na primeira edición.
 
Os centros públicos Abalar interesados nunha destas charlas informativas, deberán remitir un correo electrónico á dirección abalar.navegaconrumbo@edu.xunta.es antes do mércores 7 de setembro indicando o seu interese en participar neste Plan. Desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitarémoslle ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) o seu contacto e serán eles quenes se porán en contacto co seu centro para ultimar os detalles.
O obxectivo é que as rapazas e rapaces máis novos, que poderiamos definir como nativos dixitais, tomen conciencia dos beneficios e riscos que supón a navegación polo ciberespacio en toda a súa extensión, non só a través de páxinas web senón tamén das redes sociais, das que cada vez son usuarios máis asiduos. Do mesmo xeito búscase xerar coñecemento entre os pais e titores destes mozos, de xeito que os poidan considerar unha referencia á hora de consultar dúbidas ou situacións comprometidas e mesmo que perdan o medo a introducirse nas novas tecnoloxías.
 
É indispensable facer partícipes das recomendacións dunha navegación responsable tanto o colectivo do profesorado como o de pais e nais. Coñecemento tan útil para eles coma para transmitirllo aos rapaces e rapazas.
 
Partindo precisamente destes colectivos, fundamentais para o éxito dunha navegación responsable, deseñouse un plan baseado en distintos soportes:
 
-  Por unha banda póñense a disposición destes colectivos unhas guías de boas prácticas en Internet: son 3 guías dirixidas cada unha delas a un destes colectivos (pais/nais, alumnado, profesorado) e que inclúen o Decálogo do Bo Navegante.
 
-  Por outra banda, está dispoñible a páxina web http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo específica do programa. Nela pódense ver e descargar as guías de boas prácticas e, ademais, acceder a xogos que, de xeito pedagóxico e ameno, ensinen aos rapaces, pais, nais e profesorado a manexarse axeitadamente e con seguridade na Internet.
 
- Por último, realizaranse unha serie de charlas impartidas por membros do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) nos centros de ensino para expoñer e divulgar a campaña. A duración destas charlas será aproximadamente dunha hora, e nelas os relatores, con medios técnicos propios e material divulgativo da campaña, exporán nos salóns de actos ou nas propias aulas escolares aquelas recomendacións e consellos necesarios para acadar o seu obxectivo, a navegación responsable.