O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 05/10/2011

Xunta de Galicia: III Congreso Escuela 2.0

Entre os días 6 e 8 de outubro celebrarase en Granada o III Congreso Escuela 2.0. A finalidade deste congreso é “realizar un balance e unha avaliación do desenvolvemento do programa nos dous cursos que leva funcionando, valorar o impacto do mesmo no proceso de modernización do sistema educativo e proporcionar un marco de encontro ao profesorado e responsables das administracións educativas participantes no mesmo”.

No congreso poderase asistir a talleres e mesas redondas, a presentación do repositorio de contidos Agrega2, un estudio comparativo sobre os avances do programa nas distintas comunidades autónomas e a presentación de experiencias desenvoltas nas aulas.

Galicia está representada por cinco experiencias de aula:

  • PDI e Moodle na aula de inglés, de Mª Isabel Blanco Pumar.

Uso do encerado dixital nas clases de inglés como elemento motivador e dinámico, e traballo coa aula virtual Moodle do CEIP, onde Mª Isabel ten á disposición do seu alumnado dous cursos destinados aos niveis de quinto e sexto de educación primaria. Algunha das experiencias e actividades deseñadas para o encerado  poden verse no blog http://teslbyisabelbp.blogspot.com/

  • Mi Cuaderno 2.0, de Enrique Carretero García

Experiencia baseada na creación de cadernos dixitais polo alumnado de 5º de E.P.; que crean de forma individual ou en grupos os seus propios cadernos dixitais sobre os diferentes temas das áreas de Coñecemento do Medio, Educación Física e outros temas libres. Para a creación usan o programa LIM (Libros Interactivos Multimedia), software libre deseñado por Fran Macías, e outro software libre como Gimp ou Audacity.

  • Hiparcos, de Jesús Lojo Davila.

Hiparcos é unha plataforma web de acceso aos recursos do servidor Abalar dun centro educativo na que cada usuario ten acceso ao seu propio escritorio desde calquera ordenador do centro. Permite levar á aula todos os recursos e aplicacións dispoñibles no servidor do centro dun xeito áxil e eficaz, á vez que xera uns procedementos comúns para o acceso de todos os membros da comunidade educativa.
    O usuario pode configurar o seu escritorio, incorporar e modificar as súas propias árbores de contidos e aplicacións facéndoas accesibles ao profesorado e alumnado: imaxes, vídeo, música, presentacións, aplicacións baixo html (Jclic, LIM, Ardora...). Pode verse en http://www.edugaliza.org/hiparcos

  • A aplicación das TICs na área de educación física a través do modelo didáctico das webquest, de Juan Pablo Fernández Abuín e José Manuel López Castro.

Traballo que amosa como é posible a inclusión das TICs nas clases de educación física a través do modelo didáctico das webquest.

  • Voz de Andaina: aprendizaxe cooperativa para elaborar un xornal, de Rebeca Delgado Losada e Ester Vázquez Blanco.

Descrición das metodoloxía usadas para fomentar a aprendizaxe cooperativa como un dos pilares do proxecto educativo do centro, poñendo o exemplo do xornal que o grupo de 1º ESO realizou na aula de lingua galega utilizando o equipamento da aula Abalar. Para isto simularon a organización dun equipo real de periodistas, realizando todas as fases do proceso: selección e redacción da noticia, corrección, maquetación do xornal, busca de publicidade, etc.

En Granada tamén poderán verse iniciativas TIC (proxecto CeDeD, aplicacións para a xestión de centros educativos, materiais de “La aventura del saber”...) e mesas redondas (TIC e alumnado con NEE, xogos lúdico-educativos para Android, software libre...). Hai que destacar a conferencia de clausura a cargo de Richard Stallman.