O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 28/11/2012

Abalar: Novas funcionalidades no portal espazoAbalar

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) veñen de actualizar e incorporar novas funcionalidades ao portal espazoAbalar.

O obxectivo desta plataforma é fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa, así como facilitar a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no sistema educativo galego.

Nesta nova versión, o espazoAbalar incorpora un buscador de contidos, no que o usuario pode obter unha listaxe de novas que conteñen información sobre o tema consultado, así como a paxinación en todos os apartados de contidos orientados: familias e alumnado, centros e profesorado, e Prensa. Con estas novas funcionalidades calquera usuario poderá acceder e consultar o historial dos contidos publicados.

Outra das melloras é a subscrición a RSS individuais dos diferentes contidos e espazos. Desta forma, existe a posibilidade de subscribirse ás novas destinadas ás Familias, aos Centros e ao profesorado, á Prensa, ás Experiencias, aos Recursos, e tamén para cada un dos blogs (“Contando ata un” e “Tecnoloxía Educativa en Abalar”)

Incluíuse tamén a posibilidade de realizar comentarios nas “Experiencias. Aulas 2.0”, unha iniciativa na que toda a comunidade educativa poderá participar e compartir todo tipo de experiencias sobre a introdución e o uso das TIC nas aulas. Nesta sección estanse a publicar semanalmente proxectos que se están realizando nas aulas dos centros educativos galegos.

Finalmente, o repositorio de contidos ten unha maior visibilidade na páxina principal dentro do portal espazoAbalar. Séguese ampliando mes a mes a súa oferta cunha selección de novos recursos educativos en formato dixital, baseados en distintas tecnoloxías. Coa última actualización realizada esta semana, alcánzanse os 1.136 recursos para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos en varios idiomas. Desta forma, fan que esta ferramenta responda aos intereses e necesidades de toda a comunidade educativa.