O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 17/05/2019

Xunta de Galicia: O Plan Digitalent da Amtega e Arkitas traen ao Gaiás a World Robot Olympiad, que se celebrará o 15 de xuño

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e Arkitas Robótica S.L., en calidade de aliado dixital da Xunta, traen ao Gaiás a World Robot Olympiad – Galicia do ano 2019 (WRO – Galicia). Esta actividade enmárcase nas iniciativas do Plan DigiTalent para o fomento das vocacións TIC e a especialización dos perfís dixitais.

O  15 de xuño a Cidade da Cultura acollerá a World Robot Olympiad – Galicia 2019, na que poderán participar máis de 50 equipos e máis de 100 estudantes galegos repartidos en diferentes categorías, que abranguen dos 6 aos 19 anos. O competición engloba diversos retos a resolver por equipos e que se celebran de xeito independente, neste caso Regular e Football nos que poderán achegarse dun xeito lúdico e divertido á  tecnoloxía e á enxeñería. Os retos da edición WRO 2019 a nivel mundial están inspirados na temática Smart Cities. 

As inscricións a calquera das categorías da WRO poden realizarse ata o 30 de maio na seguinte ligazón: https://www.wroboto.es/inscripciones/

A participación na competición que se celebra en Galicia será clasificatoria para a fase nacional e a final internacional. A fase nacional, organizada pola Fundación educaBOT (https://fundacioeducabot.org), celebrarase en setembro en Platja d’Aro (Girona). Posteriormente, a final internacional terá lugar en novembro deste ano en Hungría. Na edición anterior, tres alumnos do colexio Compañía de María da Coruña xunto cun profesor participaron co seu robot na fase internacional, celebrada en Tailandia.  

 

World Robot Olympiad

A World Robot Olympiad (WRO) é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería. 

Os estudantes, coa orientación dun entrenador, deben construír un robot innovador que supere un reto. Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais. 

Na WRO englóbanse diversos retos que se celebran de forma independente. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro. 

Como novidade, nesta quinta edición, cabe destacar o Reto Lego Wedo. O novo reto consiste en construír un robot que poida recoller aos nenos nas súas casas e transportalos á escola. Ademais, o robot tamén debe poder entregar froita á escola.

Na categoría Football, os equipos de dous robots autónomos enfróntanse co obxectivo de marcar máis goles que o equipo rival. 

Esta actuación, realizada co aliado dixital Arkitas (www.arkitas.es), súmase ás quince iniciativas que veñen desenvolvéndose desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

 

The North Codes

The North Codes é un concurso de programación, dirixido a estudantes que se encontren cursando entre 5º EP e 4º ESO no que, por parellas, teñen que crear un videoxogo de aventuras en 2D utilizando a tecnoloxía Scratch. Unha iniciativa de DXC Technology que, por primeira vez, organizan en conxunto os centros DXC de Asturias e Santiago de Compostela

O concurso organízase en dúas categorías de participación: Categoría Junior (5º e 6º de primaria xunto  con 1º de ESO), Categoría Senior (2º, 3º e 4º de ESO)

Haberá premios para os mellores proxectos, que serán avaliados por un xurado formado por voluntarios de DXC Technology.

A entrega de proxectos é do 10 ao 20 de maio de 2019, a través da páxina web do concurso thenorthcodes.com.

Máis información: digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/north-codes-%E2%80%93-digitalent

 

Crea R

Ademais, están en marcha a iniciativa crea R (digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/crear-%E2%80%93-digitalent ) impulsada pola empresa R, que achega talleres de robótica dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos a distintos concellos galegos; e DixiXogo, (digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/dixixogo-%E2%80%93-digitalent )unha serie de actividades e talleres lúdico-formativos organizadas por Iecisa, principalmente nas instalacións de El Corte Inglés, onde os participantes adquirirán habilidades dixitais a través do xogo.

 

Portal de DigiTalent
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal. Esta web é o punto de acceso ao catálogo de actividades e permite unha consulta adaptada ás necesidades dos distintos perfís de usuarios, ofrecendo información personalizada, segundo rango de idades, datas e lugares de celebración, entre outros criterios.

Ademais, é unha canle aberta de comunicación, ofrecendo acceso ás publicacións en redes sociais máis relevantes nesta materias, chegando ao público obxectivo de xeito máis dinámico e interactivo.

 

Catálogo de actividades DigiTalent 2018/19
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no novo espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.