O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 15/01/2018

Abalar: O profesorado de todos os CRAs de Galicia reciben formación sobre “Escolas na Nube”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) puxeron a disposición de todos os Colexios Rurais Agrupados de Galicia “Escolas na Nube”, un proxecto de innovación educativa que tenta desenvolver unha contorna de colaboración e aprendizaxe en comunidade, baseada en servizos ‘cloud’ e software aberto.

Desde este luns, 15 de xaneiro, comezan as accións formativas específicas destinadas ao profesorado destes centros educativos. Desta forma ponse en marcha unha plataforma que permite unha gran flexibilidade para adaptarse ao traballo de cada aula, así como permitir unha autonomía na xestión da comunicación e as propostas da aprendizaxe individualizado de cada CRA. Esta contorna conta con recursos como multiconferencia, repositorios na nube comúns e individuais, ferramentas de edición de contidos educativos, etc. Ademais, este proxecto permite a comunicación e a colaboración entre os diferentes centros de forma sinxela, superando así as distancias e creando unha rede común de aprendizaxe e colaboración en comunidade.

O proxecto “Escolas na Nube”, dentro da estratexia Edudixital 2020, súmase así ao conxunto de ferramentas da web 2.0 que actualmente ofrece a Consellería de Cultura e Educación e a AMTEGA á comunidade educativa dos CRAs de toda Galicia. En definitiva, trátase de unificar as novas tecnoloxías e a educación emocional, para expresar as emocións e sentimentos empregando as novas ferramentas das que se dispoñen e que están presentes na vida cotiá do alumnado.