O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 06/06/2012

Xunta de Galicia: O Proxecto Abalar, impulsado pola Consellería de Cultura e Educación implicará o vindeiro curso a máis de 44.000 alumnos

O conselleiro adiantou hoxe que a rede de centros Abalar incrementarase en 165 centros no 2012/2013 chegando a 535 colexios e institutos, o que significa o 50% dos centros educativos galegos con educación primaria e secundaria obrigatoria

O espazoAbalar acumula máis de 650.000 visitas e máis de medio millón de descargas desde o Repositorio de Contidos Dixitais

O proxecto Abalar, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria implicará o vindeiro curso no proxecto Abalar a máis de 44.000 alumnas e alumnos de 535 centros escolares, dos que 165 se incorporaran a partir do mes de setembro así o anunciou hoxe o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, na rolda de prensa na que presentou as últimas novidades sobre este plan.

Nesta rolda de prensa, na que estivo acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o conselleiro lembrou que o proxecto Abalar, que o vindeiro curso consolida as súas actividades, completa a introdución das TIC nos centros educativos a través doutras accións. Así, e a través dun convenio con Red.es, o presente cursos foron instalados 782 kits de aula dixital en 645 colexios que non forman parte do Abalar, e que beneficia a outros 15.000 estudantes.

O profesorado, piar fundamental

Vázquez Abad puxo en valor a figura dos docentes e a súa implicación  no Abalar. “Sen a súa colaboración e sen o seu interese pola innovación na metodoloxía educativa non tería sido posible chegar con estes resultados ao terceiro ano de implantación deste proxecto”, dixo.

Para apoiar aos docentes, tal e como indicou, a consellería “vai continuar apostando pola formación do profesorado como unha das claves fundamentais do éxito do Abalar”. Así, para os vindeiros meses programaranse 97 cursos de formación, o que suporá 2.975 horas de formación para 2.000 docentes e 230 coordinadores Abalar. Cómpre lembrar que nos dous anos de implantación do proxecto téñense impartido xa 26.461 horas e 697 actividades de formación, das que se beneficiaron 12.234 docentes e coordinadores.

Nesta mesma liña, a Consellería ten posto en marcha hai dous meses Redeiras, unha rede social para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa. “Redeiras xa conta con preto de 5.500 usuarios rexistrados, e máis de 150 grupos activos, cunha importante actividade, que se reflicte nos vídeos e ficheiros subidos a rede, as entradas de blogs, marcadores e envío o muro, así como as mensaxes intercambiadas entre usuarios”, sinalou Vázquez Abad.

Recoñecemento internacional

Tanto a acollida dos centros e docentes como a das familias poñen de manifesto o valor do proxecto Abalar, posto en marcha polo actual Goberno galego para a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativo de Galicia. Pero, tal e como sinalou o conselleiro, “o Abalar xa é un programa contrastado a nivel internacional”.

A este respecto, explicou que Galicia recibiu o pasado mes de marzo a visita de estudo de docentes e profesionais da educación de 14 países europeos, no marco das Study Visit que selecciona o CEDEFOP (European Centre for Development of Vocational Training),que teñen como obxectivo analizar as boas prácticas educativas, neste caso sobre a aplicación das TIC na Educación.

O informe de conclusións do grupo de expertos internacionais sinala que o proxecto Abalar é un proxecto “ben organizado, transparente, claro e transferible”. Ao mesmo tempo, os expertos salientan a grande cantidade de ferramentas web 2.0 que se poden usar dun xeito gratuíto na docencia polos profesores; a posibilidade que teñen de compartir entre eles contidos dixitais e grande cantidade de información a que teñen acceso os docentes mediante o espazoAbalar e outras bases.

Ademais, o devandito informe cualifica como unha práctica “efectiva e anovadora” a posta en marcha dun centro como o Centro Autonómico de Innovación e Formación (CAFI) para formación de profesores en TIC.

Cultura da avaliación

Vázquez Abad fixo fincapé, por outra banda, no exercicio que está a facer a Consellería para aplicar a cultura da autoavaliación aos proxectos que está a desenvolver. Neste sentido indicou que os informes realizados a través da información facilitada polos centros participantes no Abalar permiten concluír a satisfacción das direccións do centro e o apoio do profesorado ao proxecto, patente no seu interese por se formar en materia de TIC.

Ademais, as coordinacións do proxecto son de grande calidade, segundo os datos recollidos. “De feito -sinalou o conselleiro-, o 20% dos coordinadores recibiu algún premio relacionado coa integración das TIC na aula; o 78% elaborou materiais didácticos para uso TIC e o 69% participan en proxectos para innovar as metodoloxías”.

Con todo, Vázquez Abad quixo salientar como o dato máis relevante “que a información facilitada polos centros pon de manifesto que o 98% do alumnado responde positivamente á nova metodoloxía”, o que constitúe o máis importante dos valores do Abalar.

espazoAbalar

Pola súa banda Mar Pereira destacou a gran acollida entre a comunidade educativa que está a ter o espazoAbalar, a plataforma do proxecto a través da cal se favorece a intercomunicación entre familias, docentes e alumnado, e dixo que “no último ano fixéronse preto de 650.000 visitas ao portal e máis de medio millón de descargas de materiais didácticos do Repositorio de Contidos Dixitais”.

Ademais destacou que o espazoFamilias, a través do cal nais e pais poden presentar consultar e presentar xustificación das faltas de asistencia ás clases dos seus fillos, ou as cualificacións, entre outras ferramentas, está a recibir preto de 5.000 visitas mensuais, o que dá conta da funcionalidade das devanditas ferramentas para as nais e pais. As familias tamén son as destinatarias das 131 charlas do Plan Navega con Rumbo que se levan desenvolvido nos centros de ensino.

Respecto do Repositorio de Contido Dixitais, explicou que este espazo continúa a medrar, e conta xa con 1.052 recursos, dos que máis de 350 se engadiron no 2012, máis do 33% do total.

Introdución das TIC

O conselleiro amosou a súa satisfacción por estes resultados e comprometeuse a seguir traballando para dar “pasos importantes na dixitalización dos centros educativos galegos”, a través da incorporación de centros educativos, mellorando a conectividade dos centros e a formación dos docentes.

Neste senso o Vázquez Abad destacou que a introdución das TIC na aulas complétase coa innovadora experiencia piloto na que os contidos das diferentes materias están a ser impartidas en libros dixitais.

Unha incursión na que participaron, de forma voluntaria, dez centros galegos e 410 estudantes de 6º de primaria e 1º da ESO, e no balance do primeiro ano o conselleiro sinalou que “todos implicados valoran a experiencia positivamente. Así na valoración global realizada polas familias, alumnos e profesores a experiencia obtivo unha puntuación media dun 3,8 sobre cinco puntos, sendo a dos profesores dun 4,27”.

Para rematar o titular de Cultura e Educación da Xunta sinalou que “seguimos traballando para que esa gran comunidade escolar  que é o espazoAbalar continúe a medrar e a afondar na súa intercomunicación, con ferramentas como a rede social Redeiras. Unha relación que, sen dúbida, redunda nunha mellora da calidade do sistema educativo galego e que non sería posible sen a achega e as forzas unidas de todas e todos os que o conforman”.