O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 12/04/2011

Xunta de Galicia: Os centros educativos galegos presentan as mellores experiencias no congreso Escuela 2.0 de Zaragoza

Entre os días 13 e 15 de abril celebrarase en Zaragoza o II Congreso Escuela 2.0. A finalidade deste congreso é promocionar a comunicación entre o profesorado participante no programa Escuela 2.0 e difundir as experiencias que se están realizando nas distintas comunidades autónomas.

Galicia está representada por catro experiencias de aula:

  • Tecnoloxía virtual, de Marcos Vázquez Rozas (IES Antonio Fraguas)

Elaboración de materiais didácticos para Tecnoloxía de 4º ESO utilizando diferentes ferramentas de autor (EdiLim, Hot Potatoes, Flash). Estes materiais constan de animacións, actividades interactivas e explicacións de determinados conceptos preparados para presentalos coa axuda do encerado dixital. Poden verse na aula virtual do IES Antonio Fraguas entrando como convidado na Tecnoloxía de 4º ESO.

  • Dairas, de Miguel Ángel Carbaja Porto e Xoan Xosé Pérez Vieites (IES Manuel García Barros)

Curtametraxe de animación elaborada dentro do Taller de Creación Artística coa técnica do stop motion (empregáronse 11.000 fotografías). Está inspirado nos campamentos de refuxiados de Tindouf.
O traballo recibiu numerosos recoñecementos: primeiro premio á innovación educativa da Consellería de Educación, premio Crearte do Ministerio de Educación, terceiro premio no festival internacional de cine de Ourense (OUFF Escola). Todo o relacionado con esta curtametraxe pode seguirse no blog http://dairasmgb.blogspot.com/

 

  • Escoita, olla, captura: o Castelo de San Felipe, de Alberte Xosé Méndez López (CPI Atios) e Carmen Cuesta García (IES Canido)

Visita ao Castelo de San Felipe na que se empregan os teléfonos móbiles ou reprodutores MP3 para escoitar as audioguías preparadas polo profesorado e para sacar fotografías dos elementos arquitectónicos e artísticos indicados. A presentación desta experiencia pode verse na páxina do congreso.

  • Emprego das webs dinámicas en 5º de Educación Primaria, de Ana Mª Piñeiro Soto e Mª Concepción Estévez Baspino (CEIP Frian-Teis)

A web dinámica do centro como contedor das distintas propostas de traballo nas áreas de 5º de Primaria. O alumnado creador e administrador do seu blog de aula. A presentación desta experiencia pode verse na páxina do congreso.

En Zaragoza tamén poderán verse interesantes conferencias como a de Dolors Reig sobre aprendizaxe social e aberto na web 2.0, mesas redondas (o docente 2.0), foros de reflexión (Juan José de Haro con redes sociais, Jesús Martínez Verón cos recursos dixitais...) e a presentación de varios proxectos institucionais como a nova versión de Agrega.

O congreso pode seguirse en directo en internet, seguir os comentarios en Twitter e participar nos seus foros.