O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 04/07/2014

Abalar: A rede social do profesorado Redeiras supera os 10.000 usuarios rexistrados

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2014. A rede social do profesorado Redeiras (https://www.edu.xunta.es/redeiras) conta xa con máis de 10.000 usuarios rexistrados, continuando así co seu ritmo de crecemento paulatino e converténdose nunha ferramenta de complemento á práctica educativa.

Desta forma, en pouco máis de dous anos, ademais de ofrecer todas as funcionalidades propias de calquera rede social, Redeiras supón unha referencia para o profesorado dos centros educativos galegos con respecto á comunicación, a colaboración e o intercambio de experiencias entre os docentes.

Así mesmo, Redeiras é a plataforma de traballo para o Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura e Educación en colaboración con diferentes organismos da Administración autonómica dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores.

Desde a súa posta en funcionamento no ano 2012, en Redeiras rexistráronse máis de vintecinco mil envíos de mensaxes entre os usuarios, creáronse preto de seis mil entradas de blog e colgáronse máis de catro mil cincocentos ficheiros. Outro dato a destacar son os máis de mil grupos creados ata o momento nesta plataforma, que funcionan como grupos de traballo e grupos temáticos nos que os usuarios crean e comparten contidos, coñecementos e opinións.

Polo tanto, a rede social Redeiras pon en contacto ao profesorado dos centros educativos galegos e proporciona a toda a comunidade docente un espazo de comunicación e colaboración onde intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades e iniciativas, promovendo así un estilo de coñecemento aberto.